PORTAS SEGUE A HOMENAXEAR ÁS MULLERES POLO 8-M: MARÍA DEL CARMEN LAGO DIZ, MODISTA

María del Carmen Lago Diz ten 78 anos de idade e reside na parroquia de San Xulián de Romai. Carmen é modista de profesión e tivo unha tenda de roupa. Este emprendemento xunto coa casa foron os seus traballos. É unha muller cargada de enerxía e viviu tamén 8 anos en Londres onde se diplomou no estudo o inglés.

Leva 27 anos na Asociación de Mulleres Rurais que preside. Posúe unha grande habilidade para a costura, o deseño e a creación dos traxes das comparsas do entroido. Para Carmen estar ao carón da familia é o mellor de vivir en Portas.

Considera que o mellor de ser muller é poder ser nai e o peor sería que todas as responsabilidades da vida, dende sempre recaen, ou case sempre, nas mulleres. Carmen pensa que non foi discriminada laboralmente e que para acadar a igualdade cre que é preciso cada vez máis formación e que non só debemos defender a igualdade de remuneración a igual traballo, senón que temos que defender que a igual traballo igual valor e igual recoñecemento.

Aposta por unha maior unión entre compañeiras e que se traballe dende o respecto e a responsabilidade como consello para aquelas mulleres que inicien unha nova vida laboral. Os seus plans de futuro son sinxelos: gozar con saúde dos fillos e do seu neto, celebrar o 25 Aniversario da asociación e emprender algunha viaxe.

#MulleresdePortas#8M#Empoderamento#PactodeEstado

A MURGA DOS DO VAL DO LÉREZ E O SON DAS TABERNAS PUXERON A MÚSICA E O BO HUMOR NA CELEBRACIÓN DO ENTROIDO NA AZUCREIRA DE PORTAS

Portas celebrou o entroido aproveitando a música e o bo humor da Murga dos do Val do Lérez e do grupo Son das Tabernas que animaron ao público presente na Azucreira. A xornada lúdica comezou ás 16 horas con obradoiros e inchables para nenos e nenas que brincaron e gozaron ao longo de toda a tarde.

A partir das 19 horas tomou o relevo a música da Murga dos do Val do Lérez que coas súas parodias musicais achegaron ao público presente o seu humor ácido sobre a actualidade dos últimos meses. Como remate final da festa, o grupo Son das Tabernas animaron o resto da xornada na Azucreira de Portas.Pese ao mal tempo, os veciños e veciñas de Portas gozaron un entroido que pouco a pouco vai retomando a súa normalidade despois do parón obrigado da pandemia.

PORTAS SEGUE A HOMENAXEAR ÁS MULLERES POLO 8-M: MARGARITA PAZ RODRÍGUEZ, EX EMPREGADA DO FOGAR

Margarita Paz Rodríguez é unha veciña de Lantaño, parroquia na que reside dende fai 63 anos. Actualmente traballa nas labores do seu fogar e traballou durante moito tempo como empregada do fogar.

Preguntada polas súas afeccións preferidas, Margarita confesa que é moi activa, por exemplo nas actividades da parroquial na Igrexa de S. Pedro de Lantaño. Leva xa 25 anos na directiva do Centro Cultural “Candelas”. Neste centro organizan o entroido, o San Xoán, a festa das Letras Galegas, o Magosto e o Nadal.

Margarita foi nomeada Alcaldesa de Honra na III Festa da Dona o 27 de maio do 2018 por unanimidade a través das distintas asociacións do concello de Portas. O que lle gusta é viaxar, e sobre todo pásao ben ao cociñar para os seus amigos e familiares cando se xuntan.

É unha muller sociable a quen lle gusta falar con todo o mundo, esta relación coa veciñanza do pobo é para ela o mellor de vivir en Portas. Para Margarita o mellor de ser muller é poder ser nai e ser avoa.

Afirma que non atopa nada negativo en ser muller. Non se sentiu nunca discriminada no traballo durante a súa vida e aconsella ás mulleres que loiten polos seus soños e dereitos e que tomen o traballo con cariño, con ánimo de medrar, aprender e superarse para continuar formándose sempre.

Ela sempre quixo ser mestra. Os seus plans agora son viaxar, vivir tranquila coa familia e ir facendo as súas tarefas “ao xeito do corpo”.

#MulleresdePortas#8M#Empoderamento#PactodeEstado

SEGUINDO AS INDICACIÓNS DA FEGAMP, XUNTA E ONGs, O CONCELLO DE PORTAS RECOMENDA QUE SE FAGAN INGRESOS EN CONTAS DE ENTIDADES ESPECIALIZADAS EN ATENCIÓN AOS REFUXIADOS

O Concello de Portas deixará de recoller material para a axuda humanitaria a partir do luns, tal e como indica a Fegamp, Xunta de Galicia, Coordinadora Galega de ONGs, Farmacéuticos Mundi, Médicos del Mundo, UNICEF, Cruz Vermella, Educo, Entreculturas, ACNUR, Axuda en Acción, Movimiento por la Paz, El Desarme y la Libertad e o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade.

Seguindo estas indicacións, recoméndase a calquera persoa que queira doar para socorrer aos refuxiados ucraínos o faga a través das distintas ONGs aquí enumeradas e que dispoñen de páxinas web e sistemas de recollida de fondos a través de internet para lograr unha axuda máis rápida e efectiva sobre o terreo.De tódolos xeitos, desde o Concello de Portas agradecemos a solidariedade e as mostras de colaboración de todas aquelas persoas que se puxeron en contacto con esta administración local.

PORTAS SEGUE A HOMENAXEAR ÁS MULLERES POLO 8-M: ÁUREA FARIÑA VALIÑAS, AUTÓNOMA NO AGRO

Áurea Fariña Valiñas é veciña de Xagobe, parroquia de Romai, onde desde hai 93 anos. Esta veciña do concello de Portas, que adicou a súa vida profesional a traballar como autónoma no agro, comenta que xa moi nova “ía ao xornal”.

Áurea confesa que lle gusta moito viaxar e visitar os balnearios máis cercanos. Ten moitas máis afeccións, por exemplo tocar a pandeireta, cantar no coro, e as manualidades que ocupaban parte do seu tempo libre. Considera moi positivo o feito de poder vivir na tranquilidade do concello de Portas.

Síntese orgullosisima de ser nai, e solteira, pois facilitoulle toda a liberdade que nunca quixo abandonar. Aconsella ás mulleres de Portas “que loiten por un salario igual ao dos homes” que debera incluso ser maior, pois di: “antes de saír da casa a muller xa deixa un traballo grande feito e que continúa ao volver”.

Para Áurea é moi importante “ser responsable no traballo” e sobre todo “ter onde traballar que está difícil”. É magnífica a súa axilidade nas respostas e a actividade que segue a desenvolver: cociña, escribe, le, coñece e comenta a actualidade política e pasa moi bos ratos coa súa bisneta que “está sempre a tirar de min”.

Áurea foi nomeada II Alcaldesa de Honra o 28 de maio do 2017, na II Edición da Festa da Dona, por unanimidade a través das distintas asociacións do concello de Portas. É a socia máis antiga da Asociación de Mulleres Rurais e agarda festexar coas compañeiras o 25 Aniversario, e se cadra “ver aínda máis mundo”.

#MulleresdePortas#8M#Empoderamento#PactodeEstado

AS PREVISIÓN METEREOLÓXICAS OBRIGAN A CAMBIAR PARA O INTERIOR DA AZUCREIRA A CELEBRACIÓN DO ENTROIDO DESTE DOMINGO 13 DE MARZO

O Concello de Portas trasladará a celebración do Entroido do domingo 13 de marzo para o interior da Azucreira posto que as previsións metereolóxicas adversas desaconsellan facer un acto destas características ao aire libre.

Lembramos que terá lugar a actuación das MURGAS do entroido e, a continuación, tomará o relevo o grupo SON DAS TABERNAS, que substitúe a Susana Seivane que por cuestións preventivas relacionadas coa Covid-19 non poderá estar.

A partir das 16 horas, os cativos poderán gozar dos inchables e colchonetas que estarán instaladas no interior da Azucreira para que poidan ser utilizadas con maior seguridade e comodidade.

Portas recupera o seu entroido e a nova normalidade…

Vén este domingo a celebrar un entroido seguro con nós.

PORTAS SEGUE A HOMENAXEAR ÁS MULLERES POLO 8-M: ELENA ESTÉVEZ POMAR, VENDEDORA AMBULANTE DE PEIXE

Elena Estévez Pomar é unha veciña Portas de 46 anos que vive en Lantaño. A súa profesión é a de vendedora ambulante de peixe. Cada madrugada Elena sae cara á lonxa do Berbés, en Vigo, ás 4:00 a.m para traer a Marín, Campañó, Poio, Barro e Portas o mellor do noso mar.

É unha muller moi aficionada ao sendeirismo de montaña, a lecturas de motivación e superación, ao baile. Elena organizou moitos eventos como presidenta da ANPA e participou dende sempre en numerosas actividades culturais do Concello. Gústalle moito vivir no rural e di que o mellor de Portas é poder relacionarse coa súa boa xente. Ten a habilidade de socializar e colaborar coa veciñanza.

Para ela é un privilexio ser muller, pois asegura que “somos capaces de facer ben 10.000 cousas á vez”. Indícanos que non sufriu discriminación laboral nin de xénero en xeral, sempre conseguiu o apoio e respecto. Para acadar a igualdade de xénero sinala que é importante a “confianza en nós mesmas”, poñer metas na vida para loitar e chegar a elas.

Considera que é importante ser autosuficiente. A súa fórmula e consello para as mozas que comezan a traballar é: Traballo + Constancia = Éxito seguro. Emociónase ao falar da súa familia, di que aprendeu a ver doutra maneira a vida coa enfermidade da súa nai que xa era feliz cando os xuntaba a todos.

Actualmente Elena é a que ten este papel dende que a súa nai finou. Asegura que as decepcións e fracasos son ensinanzas da vida pero “non podes esquecer vivir”. Os plans as veces non saen como pensabas, di que é mellor improvisar e recomenda que nunca falte a alegría, cousa que ela transmite na entrevista.

#MulleresdePortas#8M#Empoderamento#PactodeEstado

O CONCELLO DE PORTAS CONMEMORA O 8 DE MARZO, DÍA INTERNACIONAL DA MULLER, APOSTANDO POLA IGUALDE E DÁNDOLLE VISIBILIDADE ÁS SÚAS VECIÑAS

O Concello de Portas conmemora este ano o 8 de Marzo, Día Internacional da Muller, cunha campaña de visualización das mulleres do municipio ao abeiro das medidas sinaladas no Pacto de Estado contra a violencia de xénero, financiado con cargo aos créditos recibidos do Ministerio de Igualdade, Secretaría do Estado de Igualdade e contra a violencia de xénero. Esta campaña de visualización consistiu na realización de varias entrevistas a mulleres de Portas con distintas traxectorias personais e laborais. Evidentemente non son as únicas, pero poden representar a tódalas mulleres que cada día se esforzan por lograr un futuro mellor e que loitan pola igualdade de oportunidades, dereitos e contra todo tipo de violencia de xénero. Viva o 8 de Marzo!!

PORTAS SEGUE A HOMENAXEAR ÁS MULLERES POLO 8-M: MARÍA DEL CARMEN RÍOS GARCÍA, CARTEIRA

María del Carmen Ríos García “MUCHA” reside en Santa María de Portas. A súa profesión foi a de carteira como funcionaria de Correos repartindo a correspondencia de catro parroquias pola mañá e adicada á agricultura e aos animais polas tardes. Foi quen de sacar adiante 5 fillos quedando viúva moi nova cunha mínima pensión.

Defínese como reservada, gústalle viaxar, a igrexa, as noticias de actualidade, WhatsApp e Instagram e coidar a horta e as plantas. Sempre viviu en Portas e para ela é o mellor lugar, pois ten todo de bo: servizos, comunicación, coma unha cidade pero coa tranquilidade do rural.

O mellor de ser muller é a capacidade de poder facer ben moitas cousas xuntas, facer dos fogares empresas, pois considera ás mulleres moi versátiles e boas administradoras. Considera que non foi discriminada laboralmente.

Aconsella ás mozas que estuden, lean moito e traballen co obxectivo de ser independentes economicamente e non deixarse asoballar nunca. Recomenda que ao iniciarse nos traballos, débense desempeñar con efectividade.

Os seus plans de futuro son desfrutar dos netos, da casa e instar aos responsables a que recoñezan e valoren o traballo das coidadoras de maiores e dependentes.

Di sentirse certamente emocionada e agradecida cos veciños e veciñas de Portas que sempre a acolleron con cariño ao chegar aos seus domicilios coas cartas e diversas notificacións, todos a axudaron moitísimo. Atesoura grandes afectos, todos permanecen no seu corazón como unha gran familia.

#MulleresdePortas#8M#Empoderamento#PactodeEstado

A AULA UNIVERSITARIA DA UNED EN PORTAS PON EN MARCHA O CURSO “ENGLISH 1: SPEAK AND PLAY DIRIXIDO A ALUMNOS DE 10 A 15 ANOS DE IDADE

A Aula Universitaria da UNED en Portas pon en marcha o curso ENGLISH 1: SPEAK AND PLAY que se impartirá os martes de 17:30h a 19:00h do 8 de marzo ata o 14 de xuño. Este curso de inglés está dirixido a nenos/as de 10 a 15 anos de idade.

Este curso será presencial e online en DIRECTO ou DIFERIDO. Pódese escoller a mellor opción segundo lle conveña ao alumno.
Para matrícula ou máis información na Casa da Cultura de Portas ou no seguinte enlace:

https://extension.uned.es/actividad/idactividad/26498?fbclid=IwAR3qQT6hQbxr2IJV269vIAEXVI_qd5xMSw5o9KwI-4_VLmL4-p_-lZt8T_8