PORTAS SEGUE A HOMENAXEAR ÁS MULLERES POLO 8-M: MARÍA JOSEFA GÁNDARA MOSCOSO, CANTINEIRA DA ESTACIÓN DE TREN

María Josefa Gándara Moscoso “JOSEFA” ten 63 anos, é propietaria da Cantina da antiga estación de trens de Portas onde antes xa traballara e na que continúa cociñando e sendo camareira.

De moi nova, Josefa foi canteira. A hostalería, o coidado das plantas e da casa son as súas paixóns e afeccións. É unha muller moi afable que inspira confianza polo seu trato, os seus clientes son para ela como familia. Dende que casou vive en Portas. A tranquilidade de vivir aquí, cos seus fillos e o neto non o cambia por nada.

Para Josefa, o mellor de ser muller é poder ter os fillos dos que tamén sinte orgullo e non atopa nada negativo pola súa condición senón todo o contrario. Considera que ten máis elementos positivos que negativos. Afirma que nunca se sentiu discriminada no traballo incluso di da súa xefa anterior que é unha muller marabillosa.

Para ser iguais, aconsella ás mulleres acadar metas para facerse fortes. Ás mozas que comezan no camiño laboral recoméndalles que teñan bos comportamentos para que sexa recíproco. Josefa bota de menos en Portas que se poida abrir máis industria que xeraría moitos postos de traballo.

Nos seus plans, logo de traballar sempre de luns ata domingos, está primordialmente retirarse e descansar no calor da familia.
#MulleresdePortas#8M#Empoderamento#PactodeEstado

O CONCELLO DE PORTAS COLABORA COA FEGAMP NA RECOLLIDA DE AXUDA HUMANITARIA PARA AS VÍTIMAS DA GUERRA DE UCRAÍNA

O Concello de Portas colaborará de xeito activo na recollida de axuda humanitaria para enviar a Ucraína, dentro dunha iniciativa conxunta que levarán a cabo os concellos galegos agrupados en torno á Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) Para que a axuda sexa eficaz, por favor, deixa nas oficinas municipais do Concello de Portas a túa contribución que debe incluirse na lista de artigos que contén o cartel que publicamos con esta información.

É HORA DE DAR UN PASO ADIANTE NA AXUDA A UCRAÍNA.
NON QUEDES ATRÁS. COLABORA!!

PORTAS SEGUE A HOMENAXEAR ÁS MULLERES POLO 8-M: MARÍA AMEAL POZA, AUXILIAR DE ENFERMERÍA

María Ameal Poza traballa de auxiliar de Enfermería, ten 52 anos e vive en Romai na casa onde naceu. María exerce a súa profesión nunha residencia para a terceira idade. Na súa vida laboral destaca que traballou no Hospital do Salnés, de limpadora nun Colexio, en ludotecas e como Monitora de actividades extraescolares.

A súa principal afección é o coro de nenos e de maiores pois ela considérase unha muller paciente que pretende facer felices ás persoas. É presidenta da Asociación Cultural Coro “Domingo Fontán”. A súa aldea é soleada, alegre, fácil de camiñar, e con moi boas persoas.

Para María, o mellor de ser muller é poder ter fillos, coidarse a unha mesma e o peor, ser demasiado radical nas ideas. María non sufriu discriminación laboral, pero aconsella ás mulleres loitar polos seus dereitos e defendelos dende o primeiro día que comecen a traballar.

María, que durante moitos anos coidou a todos os seus maiores, ten entre os seus plans aprender a tocar a pandeireta e o bombo, desfrutar moito do seu marido e fillos, da súa nai que vive con ela, da súa sobriña e dos seus marabillosos amigos.

#MulleresdePortas#8M#Empoderamento#PactodeEstado

SAEN A CONTRATACIÓN POR 609.951 EUROS AS OBRAS DE MELLORA NA SEGURIDADE VIAL DA ESTRADA ENTRE PORTAS E ROMAI

A Deputación de Pontevedra vén de licitar as obras de mellora da seguridade viaria da EP-8101 Portas-Romai, aos que destina un orzamento de 609.951 euros. Estes traballos teñen como eixo central a renovación da práctica totalidade do firme da estrada, de catro quilómetros de lonxitude, e inclúen tamén distintas actuacións de o calmado de tráfico, a adaptación das beirarrúas e a habilitación de cunetas entre outras, a fin de salvagardar a seguridade baixo o modelo de mobilidade segura e sostible da institución provincial. As empresas teñen de prazo ata o 16 de marzo para presentar as súas propostas.

En concreto, as obras comprenderán, amais da renovación do firme, a implantación de redutores físicos de velocidade e de pasos peonís sobreelevados, co fin de mellorar a seguridade viaria para as persoas. A EP-8101 tamén verá adaptadas as súas beirarrúas, ampliándose a da marxe dereita no seu treito final para dotar á marquesiña de autobús existente dunha adecuada zona de espera conectada a un itinerario peonil. Doutra banda, nas zonas en que se localizan vivendas e con marxes sen tratar ou con cunetas profundas, executarase unha soleira de formigón ou cuneta remontable para a adecuación da marxe.

Do mesmo xeito, executarase un muro de sostemento da estrada e ordenarase a zona de estacionamento existente no pq 2+700, para definir claramente os distintos espazos. Así, evitarase o estacionamento de vehículos nas inmediacións de pasos de peóns e peoas e cruces á vez que se mellora a visibilidade. Tamén se realizarán orellas en cruces e pasos de peóns para a mellora da seguridade das persoas usuarias do viario máis vulnerables.

Para completar as obras, en dúas zonas da EP-8101 instalaranse separadores de carril cada cinco metros que permitirán definir correctamente o espazo para o tráfico peonil nesas zonas. Amais, replanificarase a sinalización vertical dos límites de velocidade e renovarase a sinalización horizontal.

PORTAS HOMENAXEA ÁS SÚAS MULLERES TRABALLADORAS POR MOR DO 8 DE MARZO: LOURDES BLANCO ABAL

O Concello de Portas homanexea ás mulleres traballadoras por mor da conmemoración do Dia Internacional da Muller o 8 de marzo. Entre as mulleres que son motivo de interese e de recoñecemento público está Lourdes Blanco Abal.

Lourdes Blanco Abal naceu no Mosteiro hai 45 anos, vive en Porta do Conde desde hai 25 anos.A súa profesión é ser modista de interiores. Comezou a traballar con tan só trece anos como costureira de roupa aprendendo o corte coa súa veciña, tamén traballou nun supermercado, como camareira, na fábrica de gasosas A Boa, e leva xa máis de 15 anos coa súa empresa, que tamén coseu as máscaras sanitarias solidarias.

Lourdes é unha muller versátil pois tamén leva a contabilidade na empresa do seu marido, empática, adáptase a todo o mundo, é afeccionada á xardinería e moi especialmente ao carnaval, á troula, a pasalo ben e vivir o entroido sen competir, só como diversión. É Presidenta da Asociación “Os da Troula”.

Lourdes destaca a tranquilidade e o relax de vivir en Portas. Para Lourdes, nai de dous fillos, o mellor de ser muller é a liberdade, ela nunca sentiu ataduras, e o peor sería para ela cando consideran secundarias todas as responsabilidades que se desempeñan na casa e coa familia.

Manifesta que percibiu discriminación no traballo, o mundo do interiorismo está moi masculinizado. Entende que se chegará á igualdade entre homes e mulleres cando se poidan compatibilizar e compartir con respecto todas as tarefas, por iso recomenda a todas as mulleres que comezan a traballar que loiten, sempre e tiren cara adiante e desfalezcan.

Nos seus plans de futuro atópanse entre outros continuar co seu traballo e posicionalo nas redes sociais e incluso tamén emprender na hostalería.

#MulleresdePortas#8M#Empoderamento#PactodeEstado

PERMANECE ABERTO O PRAZO DE MATRÍCULA NAS ESCOLAS UNITARIAS DE LANTAÑO E ROMAI ATA O DÍA 20 DE MARZO

As Escolas Unitarias do concello de Portas manteñen aberto o prazo de matrícula ata o vindeiro 20 de marzo. Aquelas persoas que queiran matricular aos seus fillos deberán dirixirse e inscribir aos alumnos ás Escolas Unitarias de Lantaño o de Romai. Tamén poden informarse nos seguintes números de teléfono: 673 619 767, no caso de Lantaño e ao número 679 054 560 no caso de Romai.

Nas Escolas Unitarias de Lantaño e Romai impúlsanse as seguintes facetas educativas:

PROXECTOS
LECTOESCRITURA E MATES
DESDE UN ENFOQUE CONSTRUTIVISTA
CULTURA TRADICIONAL
EXPERIMENTOS DE CIENCIAS
BIBLIOTECA ESCOLAR
INGLÉS. PIZARRA DIXITAL
EDUCACIÓN EMOCIONAL DESDE E PARA A CALMA.
FILOSOFÍA PARA NEN@S.
MUSICA, PSICOMOTRICIDADE, DRAMATIZACIÓN.
HÁBITOS SAUDABLES.
ARTE

ACTIVIDADES NA NATUREZA
IMPORTANCIA DO XOGO
OBRADOIRO DE COCIÑA
SAIDAS

PORTAS APOSTA POLA ESCOLA RURAL ABERTA!!

O PUNTO LIMPO MÓBIL ENTRA EN SERVIZO NO MUNICIPIO PARA FACILITAR A RECOLLIDA DE ENSERES E A RETIRADA DE PEQUENOS ELECTRODOMÉSTICOS

O Concello de Portas xa ten instalado e en marcha o PUNTO LIMPO MÓBIL en Romai (Xagobe-Vilavedra, á altura do Bar “O Rincón”). Con anterioridade este servizo mancomunado cos concellos de Moraña e Campo Lameiro xa estivo ubicado en Briallos.
Estará posto á disposición da veciñanza en Romai ata o luns 28, que pasará para Lantaño (á altura de “Casa Marisa”).
✅ QUE SE PODE DEPOSITAR NO PUNTO LIMPO MÓBIL?
▶️ Papel.
▶️ Vidro.
▶️ Toner e cartuchos de impresora.
▶️ Aerosois.
▶️ Envases de pinturas e vernices.
▶️ Lámpadas e tubo fluorescentes.
▶️ Pequenos electrodomésticos.
▶️ Pilas e baterías de electrodomésticos.

A VECIÑANZA DE PORTAS VOLVERÁ A DISFRUTAR DO ENTROIDO CUN AMPLO PROGRAMA LÚDICO E MUSICAL NA AZUCREIRA O DOMINGO 13 DE MARZO

O Concello de Portas celebrará o entroido deste ano, o vindeiro domingo 13 de marzo, cunha serie de actividades que terán como protagonistas á musica de Susana Seivane, as murgas dos do Val do Lérez e actividades lúdicas para os máis pequenos da casa.Así a partir das 16:00 h no recinto da Azucreira haberá a disposición dos cativos inchables e obradoiros para nenos e nenas. A partir das 19:00 horas actuará a gaiteira Susana Seivane, que vén a Portas a través dunha subvención da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta, e pechará a xornada o humor e a boa música da murga “Os do Val do Lérez”.Este ano de “nova normalidade” impón cambiar o tradicional formato de concurso de disfraces e desfile, que por maior seguridade adoptouse a decisión de celebrar o entroido en Portas cun novo modelo presidido pola música, o humor e as actividades para os cativos onde a diversión está garantida.

O CONCELLO DE PORTAS INFORMA DA APERTURA DE PRAZOS PARA ANOTARSE AO PROGRAMA DEPOAVENTURA A LANZADA

O Concello de Portas informa da apertura do prazo para anotarse ao programa Depoaventura a Lanzada, campamento de verán 2022, que se extende ata o 15 de marzo. Poderán participar rapaces nados entre o 2009 e o 2014 con domicilio en Portas (5 prazas asignadas pola Deputación de Pontevedra) para poder participar nalgunha das 11 quendas de sete días cada unha. Os campamentos terán lugar entre o 26 de xuño e o 10 de setembro de 2022 cun prezo de 110 euros por neno ou nena ou 80 euros en caso de familias numerosas.

LANTAÑO HONRA AO NAZARENO (CRISTO DAS TRES GRAZAS) O VENRES 4 DE MARZO NA CAPELA DE SAN PEDRO MÁRTIR

O vindeiro venres 4 de marzo Lantaño honra ao Nazareno (Cristo das tres grazas) na capela de San Pedro Mártir que permanecerá aberta desde as 9:30 horas da mañá ata as 20:30 horas da tarde. Ás 18 horas comezará o tradicional rezo do Santo Rosario.
Aquelas persoas que desexen visitar a Capela ou participar no rezo do Santo Rosario deberá seguir en todo momento as recomendacións sanitarias previstas para este tipo de actos e nos recintos relixiosos destas características.