A XUNTA PROMOVE EN PORTAS A DEGUSTACIÓN DE MENÚS DE NADAL ESCOLARES CON PRODUTOS AGROALIMENTARIOS GALEGOS

A Xunta de Galicia, a través da Consellería do Medio Rural, está a promover e a impulsar, nestas semanas antes das festas, a degustación de Menús de Nadal para escolares elaborados con produtos agroalimentarios galegos de máxima calidade distribuídos polo Goberno autonómico.

Esta iniciativa, que se está a celebrar nestas datas en oito centros da comunidade, tivo lugar esta mañá no CPI Domingo Fontán, do concello de Portas, que precisamente foi visitado polo delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, para supervisar esta actividade na provincia xunto ao alcalde de Portas, Ricardo Martínez, e o xefe territorial do Medio Rural, Antonio Crespo.

En total, 310 comensais do colexio de Portas degustaron este mediodía un menú especial elaborado con carne de tenreira, porco celta e cordeiro, patacas, fabas, mel e produtos lácteos da máxima calidade, xa que todos eles proceden de Denominacións de Orixe ou Indicacións Xeográficas Protexidas.

Esta iniciativa enmárcase na rede Mercaproximidade, a canle alternativa de comercialización habilitada polo Goberno galego ao inicio da emerxencia sanitaria para garantir que as producións do noso sector primario atopaban saída nas principais cadeas de distribución.

Cabe lembrar que dende o comezo da emerxencia sanitaria pola covid-19, a Xunta tamén doou produtos destas características a bancos de alimentos ou cociñas económicas, para atender aos colectivos máis desfavorecidos. Así mesmo, cedéronse alimentos aos hospitais galegos para que puidesen confeccionar os seus menús con producións de proximidade e de calidade diferenciada.

No marco da canle Mercaproximidade, tamén se desenvolveron campañas nas redes sociais baixo os cancelos #EuVoudeSuperfeirón e #FeirónNaCasa para impulsar a compra de produtos locais de calidade, así como o seu emprego para a elaboración de receitas gastronómicas.

PORTAS PARTICIPA NA XUNTANZA DE ALCALDES DO PROXECTO DE PREVENCIÓN DAS CONDUTAS ADICTIVAS NO EIDO LOCAL

O Concello de Portas participou hoxe, 17 de decembro, na xuntanza dos alcaldes de Cuntis, Barro, Campo Lameiro, Moraña e Portas co obxectivo de potenciar a coordinación e traballo dos cinco concellos na aplicación do PROXECTO DE PREVENCIÓN DAS CONDUTAS ADICTIVAS NO EIDO LOCAL, que se desenvolve dende o 2007.

Ao longo da reunión, fíxose balance das actividades desenvoltas nos últimos dous anos, revisouse a situación epidemiolóxica das condutas adictivas e afianzouse a coordinación e aposta dos cinco concellos pola prevención das condutas adictivas con e sen substancia, como a medida máis efectiva para reducir a incidencia das mesmas, a mortalidade, morbilidade e outros problemas psicosociais relacionados con elas.

As condutas adictivas seguen supoñendo un dos principais problemas aos que se enfronta a sociedade actual, afectando, de forma directa ou indirecta, á saúde e benestar de millóns de persoas. Partindo diso, dende os concellos de Cuntis, Barro, Campo Lameiro, Moraña e Portas apóstase pola prevención, a través dun novo convenio de colaboración entre os concello (2022-2025), que se realizará ao abeiro da próxima convocatoria de subvención para os proxectos de prevención das condutas adictivas desenvoltos por concellos na comunidade galega, prevista para o 2022 (Consellería de Sanidade).

O ANUNCIO DA ENTRADA EN VIGOR DO PLAN XERAL DE ORDENACIÓN MUNICIPAL XA SE ATOPA PUBLICADO NO BOLETÍN OFICIAL DA PROVINCIA DE PONTEVEDRA

O Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra publicou o pasado 7 de decembro de 2021 o anuncio da entrada en vigor do Plan Xeral de Ordenación Municipal do Concello de Portas. Sinalar que a entrada en vigor do PXOM de Portas producirase cando transcorra o prazo de quince días hábiles a contar dende o seguinte á publicación deste anuncio no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra.

Nos vindeiros días, subiránse os correspondentes arquivos á sede electrónica do Concello de Portas.

A N U N C I O

Plan xeral de ordenación municipal do Concello de Portas (PXOM)Publicación de normativa e ordenanzas. Entrada en vigor do PXOMNo Diario Oficial de Galicia de 21 de maio de 2021 publicouse a ORDE do 10 de maio de 2021 de aprobación definitiva do Plan xeral de ordenación municipal de Portas (Pontevedra).

Contra esta orde, tal como se indica no anuncio, cabe interpor recurso contencioso-administrativo ante a sala correspondente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

O Concello de Portas, de conformidade co disposto polos artigos 82 e 88.4 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, debe publicar no Boletín Oficial da Provincia (BOP) a normativa e ordenanzas do PXOM aprobado definitivamente, unha vez inscrito no Rexistro de Planeamento Urbanístico.

En cumprimento do establecido na Orde da consellería e na normativa legal que resulta de aplicación, publícase no BOP a normativa e ordenanzas do PXOM de Portas aprobado definitivamente o 10.05.2021. No portal de transparencia do Concello de Portas tamén se publican as fichas de planeamento e planos de Áreas de Planeamento; que poden consultarse do seguinte xeito:https://portas.sedelectronica.gal/transparency

Pinchar na carpeta que leva por nome “2.NORMATIVA” e despois na específica do PXOM.A entrada en vigor do PXOM de Portas producirase cando transcorra o prazo de quince días hábiles a contar dende o seguinte á publicación deste anuncio no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra.

ACCESO AO BOP:
https://boppo.depo.gal/…/-/boppo/2021/12/07/2021060879

O PROXECTO DE PREVENCIÓN DE CONDUTAS ADICTIVAS NO EIDO LOCAL ORGANIZA UN OBRADOIRO SOBRE ABUSO DAS NOVAS TECNOLOXÍAS DENDE A FAMILIA

Tralo Obradoiro de prevención do abuso das novas Tecnoloxías destinado a familias de Educación primaria, o próximo martes de 14 de decembro ás 19:30h realizarase a través do Proxecto de prevención das condutas adictivas no eido local de Cuntis, Barro, Campo Lameiro, Moraña e Portas un Obradoiro de PREVENCIÓN DO ABUSO DAS NOVAS TECNOLOXÍAS DENDE A FAMILIA, destinado ás familias do alumnado de Educación Secundaria Obrigatoria (ESO).

Con este Obradoiro preténdese complementar as actividades preventivas que nos últimos anos se veñen realizando no ámbito escolar co obxectivo de previr os riscos e o abuso das novas tecnoloxías na xuventude, seguindo así, as directrices marcadas polo Pan Nacional sobre drogas e polo Plan autonómico de drogodependencias e condutas adictivas de Galicia. Nos que se lle da cada vez máis protagonismo ás intervencións preventivas relacionadas coas novas tecnoloxías, destinadas fundamentalmente ao ámbito escolar e familiar.

Por mor das circunstancias xeradas pola COVID19, e para facilitar a coordinación coas familias dos cinco concellos o obradoiro será virtual, utilizando a plataforma Zoom, Sala de Reunión 657 806 3555 (ID).
Acceso picando a seguinte ligazón:https://zoom.us/j/6578063555
(Necesario ter descargada a aplicación Zoom no dispositivo dende o que se acceda ao Obradoiro (móbil, Tablet, ordenador…).

Publicadas as bases para a contratación de 3 titores/as e un/ha administrativo/a para o Programa integrado de emprego

Publicadas as bases para a contratación de 3 titores ou titoras e unha ou un administrativo para o Programa Integhrado de Emprego no que participan os concellos de Cuntis, Caldas de Reis, Barro, Moraña e Portas. Os interesados en participar no proceso selectivo poden consultar as bases que están engadidas nesta publicación:

O CONCELLO FAI EFECTIVA A CANCELACIÓN DUN PRÉSTAMO DO 2012 CO BANCO SANTANDER GRAZAS Á SÚA SOLVENCIA ECONÓMICA E AO REMANENTE DE TESOURERÍA DO PASADO EXERCIZO

O alcalde de Portas, Ricardo Martínez, deu a orde de efectuar o abono dos 110.884,45 euros que quebaban pendentes de pagar dun crédito que o Concello mantiña co Banco Santander desde o ano 2012 e que fora subscrito por un importe total duns 591.000 euros.  

Esta operación de cancelación de crédito lévase a cabo grazas a estabilidade orzamentaria e á solvencia económica do Concello de Portas que permitiu rematar as contas do ano 2020 cun remanente de tesourería de 485.400,41 euros.  

Deste xeito o Concello de Portas libera nos orzamentos municipais, para o ano 2022, uns 73.000 euros que estaba deste xeito comprometidos para atender a amortización deste crédito subscrito pola Corporación Municipal do ano 2012 por importe total de 591.000 euros e que íase pagando anualmente desde as arcas municipais.  

O QUE SE PAGABA POLO CRÉDITO DESTINARASE A GASTO SOCIAL E Á MELLORA DA CALIDADE DE VIDA DOS VECIÑOS  

Segundo o alcalde, Ricardo Martínez, “a solvencia e estabilidade económica levada a cabo polo equipo de goberno actual permítenos saldar agora esta débeda co remanente de tesourería de preto de medio millón de euros e libéranos do compromiso orzamentario deses 73.000 euros anuais que empregábamos en pagar o crédito. Agora eses cartos poderemos destinalos a atender cuestións de índole social e a mellorar infraestruturas municipais, moi necesarias e que nos permitirán mellorar a calidade de vida dos veciños e veciñas de Portas”.

Ricardo Martínez defendeu o modelo de xestión económica do equipo de goberno actual “que nos permite atender en tempo e forma a tódolos provedores ao tempo que podemos concurrir ás subvencións doutras institucións o que facilita que o Concello de Portas poida seguir ampliando os servizos e a atención municipal aos veciños e veciñas do noso municipio. Pretendemos utilizar dun xeito máis eficaz e eficiente os recursos económicos do Concello para non gastar máis do que temos e os cartos dos que dispoñemos usalos con cabeza e con sentidiño para sacarlle o máximo rendemento sen hipotecar o presente nin o futuro do noso Concello”, concluíu o alcalde de Portas.  

O CONCELLO DE PORTAS LEVA A CABO UNHA MELLORA E REMODELACIÓN TECNOLÓXICA INTEGRAL DA ETAP DE ROMAI CUN INVESTIMENTO DE 47.297,58 EUROS

O alcalde de Portas, Ricardo Martínez, inspeccionou o remate dos traballos de mellora e remodelación tecnolóxica integral na Estación de Tratamento de Auga Potable (ETAP) de Romai, Portas e Lantaño nos que o Concello investiu uns 47.297,58 euros grazas a unha axuda da Xunta a través do organismo autónomo Augas de Galicia cofinanciada a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder).  

Esta actuación permitirá que a ETAP alongue a súa vida útil e mellor substancialmente as súas prestación xa que se levaron a cabo labores de substitución das  electroválvulas da liña de filtrado, as bombas  dosificadoras de reactivos e o panel de cloro.  

Ademais, substituíuse o material  granular dos  filtros de area e do filtro de carbón activo. En canto á filtración por area de sílice realízase a través de dous depósitos (doble etapa) de aceiro inoxidable recheos, cada un deles, con 5.000 quilos de area cunha granulometría de 0,4-0,8 mm. sobre unha capa de granulometría de 1-2 mm.  

A filtración por carbono activo está constituída por un depósito de aceiro inoxidable recheo de 2.750 quilos deste material. Tamén, debido ao ambiente corrosivo interior por cloro, dispúxose un sistema de ventilación forzada a través da colocación dun extractor de aire coa súa conseguinte rexilla exterior de porotección.  

Finalmente, reprogramáronse as horas de funcionamento da planta e instalouse un sistema de  telexestión da mesma de última xeración. Todo iso redundará nun máis que notable aforro enerxético respecto a a instalación actual e permitirá que o seu funcionamento sexa máis eficaz e eficiente garantindo en todo momento a salubridade da auga que se subministra ás vivendas beneficiarias desta ETAP en Romai, Portas e Lantaño.  

Esta actuación en profundidade realízase a consecuencia do estado de desgaste polo uso da propia ETAP e ante a necesidade de dotar de nova tecnoloxía máis eficaz e eficiente a esta instalación de vital importancia para manter a salubridade da auga que se subministra á poboación a través da rede municipal. Deste xeito, mellóranse as características xerais da ETAP e facilítase o proceso de potabilización da auga que trata.

O Concello informa da apertura do prazo para solicitar a participación no programa Termalismo social IMSERSO 2022

O Concello de Portas acaba de editar un Bando no que se informa da apertura do prazo de presentación de solicitudes para participar no Programa de Termalismo Social IMSERSO 2022. O prazo de presentación de solicitudes establécese ata o 31 de decembro de 2021 para as quendas dos meses de febreiro a agosto e ata o 15 de maio de 2022 para as quendas dos meses de setembro a decembro.  

BENEFICIARIOS E REQUISITOS:  

Poderán ser beneficiarios deste programa a seguintes persoas:  
-Pensionistas do sistema da Seguridade Social de xubilación ou invalidez.
-Pensionistas de viudedade cando se teñan 55 anos de idade ou máis.
-Pensionistas por outros conceptos con 60 anos de idade ou máis.
-Asegurados ou beneficiarios do sistema da Seguridade Social española con 65 anos de idade ou máis.
-Valerse por si mesmos para as actividades da vida diaria e non padecer alteracións de comportamento que impidan a convivencia nos establecementos, nin enfermidade infectocontaxiosa.
-Precisar os tratamentos termais solicitados e carecer de contraindicacións médicas para a recepción dos mesmos.  

A documentación que deben presentar é o DNI do solicitande e do cónxuxe.  

Para máis información, dirixirse ás oficinas municipais ou chamar ao teléfono 986 53 61 61.

O CONCELLO DE PORTAS CONMEMORA O 25-N, DÍA MUNDIAL CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO, CUN ACTO REIVINDICATIVO CO ALUMNADO DO COLEXIO “DOMINGO FONTÁN”

O Concello de Portas, a través do Departamento de Servizos Sociais, levou a cabo un acto reivindicativo por mor do 25-N, Día Mundial contra a Violencia de Xénero, no Colexio Domingo Fontán no que participou o seu alumnado e varios mestres así como o alcalde, Ricardo Martínez, e as concelleiras Chus Fontán e Ana María Peña.

O acto principal, incluído nas actividades do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero, consistiu no trazado dun lazo reivindicativo en memoria das vítimas feito por alumnos e alumnas de 6º de Primaria con zapatos vermellos. Durante a conmemoración do 25-N procedeuse a dar lectura a un manifesto de repulsa contra a violencia machista, contra os esteriotipos sexistas e a favor da protección social das vítimas e contra a violencia vicaria.

DECLARACIÓN INSTITUCIONAL DO CONCELLO DE PORTAS POR MOR DO 25-N, DÍA INTERNACIONAL DA ELIMINACIÓN DA VIOLENCIA CONTRA A MULLER

Co motivo da Conmemoración do Día Internacional contra a violencia de xénero, o Concello de Portas, en representación de toda a cidadanía, mostra a súa total repulsa por todas e cada unha das

manifestacións da violencia machista.

Todos e todas sabemos que a violencia contras as mulleres afástanos dos principios xurídicos básicos da igualdade e xustiza social, impedindo o desenvolvemento das liberdades máis elementais.

A pesares de existir unha maior conciencia por parte da sociedade ante esta problemática, somos conscientes de que aínda persisten roles e estereotipos sexistas que, instalados na vida diaria, perpetúan a desigualdade de xénero.

Por iso, dende o Concello de Portas, queremos poñer o foco de atención na comunidade educativa, tendo presente que a prevención é a principal ferramenta para anticiparse a calquera tipo de manifestación.

Así, por unha banda, a campaña “A igualdade a cada paso” levada a cabo no CPI Domingo Fontán pretende representar de forma metafórica o camiño a percorrer para acadar a igualdade de oportunidades e o rexeitamento de calquera forma de violencia contra as mulleres. Pasos que se entrelazan para visibilizar a necesidade de unirse a favor da igualdade, coa finalidade de sementar camiños de xustiza, liberdade e igualdade.

Por outra banda, hoxe tamén é un bo momento para denunciar e romper o silencio. Por iso o Día Internacional contra a Violencia de Xénero, convócanos a reflexionar sobre o camiño que aínda queda por percorrer para acadar os nosos obxectivos: o dereito das mulleres a vivir sen violencia e a plena igualdade real de oportunidades.

Nesta liña, o Concello de Portas comprométese:

  • A realizar un traballo coordinado entre todos os axentes implicados, para articular os dispositivos de atención e reparación que garanten a recuperación integral das vítimas da violencia machista.
  • A reforzar os esforzos para a implementación de políticas integrais contra a violencia de xénero, deseñadas dende a defensa dos dereitos das mulleres, e dirixidos a promover a igualdade de oportunidades entre mulleres e homes.
  • A promover iniciativas sensibilizadoras dirixidas a toda a cidadanía, impulsando a acción colectiva para a denuncia pública.
  • A seguir a traballar dende a prevención, empregando a ferramenta da coeducación, para a construción dun modelo igualitario entre mulleres e homes dende a primeira infancia.