PORTAS, UN DOS CONCELLOS INCLUÍDOS NOS PROGRAMAS INTEGRADOS DE EMPREGO PARA FOMENTAR INICIATIVAS LABORAIS

O delegado territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra, Luis Lopez, anunciou esta mañá en Cuntis que a Consellería de Emprego e Igualdade vai activar dúas novas iniciativas laborais coa concesión de senllos Programas Integrados de Emprego (PIE) a prol da Mancomunidade do Salnés e dos Concellos de Cuntis, Moraña, Portas, Caldas de Reis e Barro para favorecer a inserción cun investimento de 500.000 euros. 

O representante autonómico informou destes dous novos PIE para as comarcas arousana e do Ulla-Umia, que mellorarán a empregabilidade de 200 persoas desempregadas, nunha visita ao Centro de Formación Ocupacional A Ran de Cuntis xunto ao alcalde anfitrión, Manuel Campos, e os rexedores dos outros catro concellos beneficiarios. 

“Dende a Xunta de Galicia estamos a despregar unha intensa actividade en torno ao emprego e a formación en toda a provincia, xa que é un dos eixos principais da nosa acción de goberno xunto á sanidade e a educación. Por iso, e con estes novos Programas Integrados de Emprego, teremos activadas preto de 70 iniciativas, entre as que se inclúen seis obradoiros e 61 cursos AFD, orientadas a mellorar as opcións de traballo de máis de 1.200 persoas desempregadas nas bisbarras do Salnés e Caldas”, detallou o representante autonómico. 

O PIE outorgado aos concellos do Ulla-Umia baixo a dirección de Cuntis, que chega á súa quinta edición e se recupera tras o celebrado no período 2019-2020, conta cun investimento de 250.000 euros financiado pola Consellería de Emprego e Igualdade e agarda alcanzar unha inserción laboral de alomenos o 40% entre os seus cen participantes. O seu inicio será inmediato e consistirá en itinerarios curriculares, cursos de formación, mellora das habilidades profesionais e outras medidas laborais durante un período de doce meses ao tempo que contará coa colaboración de 58 empresas da contorna. 

Pola súa banda, o novo Programa Integrado de Emprego da Mancomunidade do Salnés, que dá continuidade ao clausurado polo propio delegado territorial hai apenas dúas semanas, tamén contará cun investimento da Xunta de 250.000 euros e ten un obxectivo de inserción do 45%. Para elo, os cen participantes, que recibirán unha preparación similar á da iniciativa do Umia, contarán co apoio, tamén, de 58 firmas da súa zona. 

“Tanto a Mancomunidade do Salnés como os concellos do Umia teñen un forte compromiso coa empregabilidade, levan anos de traxectoria contrastada nesta materia e conseguen importantes niveis de éxito cos seus programas integrados, xa que a agrupación do Salnés alcanzou un 91% de inserción na súa derradeira edición e a iniciativa dirixida por Cuntis roldou o 60%, polo que dende a Xunta consideramos importante manter esta liña de colaboración polo seu bo traballo”, concluíu. 

FERNANDO SALGADO E JUAN OTERO PRESENTAN ESTE SÁBADO NO CENTRO CULTURAL XOSEFINA FIGUEIRA, EN ROMAI, O LIBRO “PAPEL DE ESTRAZA”

O libro do xornalista Fernando Salgado e Juan Otero será presentado nun acto que terá lugar este sábado 20 de novembro, ás 19:30 horas, no Centro Cultural Xosefina Figueira, en Romai.
Estes son os comentarios feitos sobre o libro por xornalista da comarca do Salnés nos seus respectivos medios de comunicación:

➡️ FÁTIMA FRIEIRO (Diario de Arousa):
“Unha obra que supón unha viaxe no tempo e unha reivindicación da memoria histórica ben entendida (…) É unha lectura obrigatoria para todos os que busquen coñecer a historia da Illa ou os que queiran entender algunhas das claves máis importantes na vida desta localidade pegada ao mar e ás súas xentes”.

➡️ SERXIO GONZÁLEZ (La Voz de Galicia):
“Abondará con citar o labor dos mestres e a súa concepción da educación como factor emancipador dos pobres e deposuídos; o papel protagonista da muller, dotada de autonomía e salario de seu polo desenvolvemento da industria conserveira, malia todos os seus desequilibrios. E a sorte funesta que correron os protagonistas daquel gobernó fuxidío. Dous foron condenados a morrer fusilados. Outros dous estiveron agochados ata que no 39 foros presos. Oito desapareceron nas cunetas do franquismo”.

➡️ DIEGO DOVAL (Faro de Vigo):
“También se hace referencia a la creación, por parte del pósito hace ahora un siglo, a la creación de una escuela para alfabetizar al mayor número de personas (…) Precisamente uno de aquellos profesores, Víctor Trabazo, fue el que propuso el cambio de nombre del club de fútbol Titanic al actual Céltiga, que era el título de la revista cultural que tenían los gallegos en Buenos Aires por aquel entonces”.

➡️ BELÉN LÓPEZ (Diario de Pontevedra):
“O ensino, o cine, o fútbol… todo aparece en ‘Papel de estraza’ (…). Un libro non convencional de memoria histórica. O contexto social éo todo neste traballo. Así o explica no prólogo Xosé Álvarez: quedará como un referente imprescindible para coñecer a historia da Illa de Arousa e arredores na primeira metade do seculo XX”.

Presentado o Rallymix que se disputará no municipio de Portas durante a fin de semana entre o 27 e 28 de novembro

O I RallyMix de Portas foi presentado esta mañá na Azucreira coa presenza do alcalde Ricardo Martínez Chantada, o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luís López Diéguez, os concelleiros Alfonso Vázquez e María Jesús Fontán así como representantes da escudería Viva Eventos Deportivos, organizadora da proba.

O representante autonómico, acompañado do alcalde, Ricardo Martínez, e de membros da organización e doutros organismos colaboradores, considerou que a celebración desta proba, na fin de semana do 27 e 28 de novembro, “é unha satisfacción e un avance máis na recuperación da nosa vida social, deportiva e cultural, pero debemos seguir estando alerta e extremando as precaucións e a seguridade sanitaria pola situación epidemiolóxica das últimas semanas cos contaxios da covid-19 en alza”.

Esta proba do Campionato Galego de RallyMix conta co apoio e a colaboración da Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia e do Xacobeo 21-22, será definitoria do podio definitivo do campionato galego xa que se chega a Portas cunha igualdade total nos postos de cabeza.

800 RAPACES E RAPAZAS NUN CAMPIONATO ESCOLAR

Por outra banda, esta mañá celebrouse nas inmediacións da Azucreira a disputa do Campionato Escolar Zonal de Campo a Través, do programa Xogade da Fundación Deporte Galego da Xunta de Galicia, que trouxo ata Portas a preto de 800 rapaces e rapazas de centros educativos dos arredores como Cambados, Barro, Moraña, etc.

O CONCELLO, EN COLABORACIÓN CO C.P.I. DOMINGO FONTÁN, LEVARÁ A CABO ACTIVIDADES A PROL DA IGUALDADE CON MOTIVO DA CELEBRACIÓN DO 25-N

25 DE NOVEMBRO- DÍA INTERNACIONAL CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO

Con motivo da conmemoración do 25 de novembro, Día internacional contra a Violencia de Xénero, o Concello de Portas en colaboración co Colexio C.P.I. Domingo Fontán, vai levar a cabo actividades dirixidas a asentar as bases da igualdade e o empoderamento destinadas a todo o alumnado neste mes de novembro, ao abeiro das medidas sinaladas no Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero, financiado con cargo aos créditos recibidos do Ministerio de Igualdade, Secretaría do Estado de Igualdade e contra a Violencia de Xénero.

O CONCELLO DE PORTAS SÚMASE ÁS ACTIVIDADES DE CONMEMORACIÓN DO DÍA INTERNACIONAL SEN ALCOL

Hoxe, 15 de Novembro, conmemórase en todo o mundo o Día Mundial sen alcol. Esta data foi instaurada pola OMS co obxectivo de concienciar á poboación sobre os graves efectos que conleva o consumo abusivo de alcol na idade adulta e calquer consumo en menores de idade.

Como medida de apoio das campaña de sensibilización da OMS no Día Mundial sen alcol 2021, dende o Proxecto de prevención das condutas adictivas no eido local de Cuntis, Barro, Campo Lameiro, Moraña e Portas, promóvese a campaña ALCOL “MENOS É MÁIS”; a través da cal, preténdese sensibilizar á poboación xeral, e particularmente á xuventude, sobre as serias repercusións do alcol na saúde física, mental e social das persoas.

#ALCOLMENOSÉMÁIS

ANDREA POUSA ESTARA NO AUDITORIO DA AZUCREIRA O VINDEIRO DOMINGO 28 DE NOVEMBRO DENTRO DA PROGRAMACIÓN DO MUSIGAL

A cantante galega Andrea Pousa actuará o vindeiro domingo 28 de novembro no Auditorio da Azucreira de Portas a partir das 19:00h. Para asistir a este concerto a entrada será gratuíta, pero para asistir a este vento cultural e musical os interesados deberán anotarse no Concello de Portas ou ben nos teléfonos 986 53 61 61(ext. 5) ou 986 53 69 25.

Andrea Pousa chega ao Auditorio da Azucreira de Portas a través do programa cultural Musigal que patrocina a Deputación de Pontevedra.

O CONCELLO DE PORTAS DESÉXALLE AOS MÁIS PEQUENOS DA CASA QUE TEÑAN UNHA BOA CELEBRACIÓN DO SAMAÍN E RECUPEREN AS VELLAS TRADICIÓNS QUE TEMOS COMO POBO

O Concello de Portas deséxalle aos máis cativos do municipio que pasen un bo día de Samaín, unha celebración con fondas raíces celta que vén representando o cambio de estación e que chega a nós dentro dun cambio de tempo metereolóxico importante. O Samaín entronca coa tradición dos nosos ancestros mesturada de ritos paganos e druídas que agora, no século XXI colle novos folgos e xeitos de festexala.Bo Samaín desde o Concello de Portas.

COMEZA A COLOCACIÓN DE MARCOS DOS PREDIOS DE SUBSTITUCIÓN NA CONCENTRACIÓN PARCELARIA QUE SE LEVA A CABO NA PARROQUIA DE BRIALLOS

A Consellería de Medio Rural informa ás persoas interesadas na concentración parcelaria da zona de Briallos (Portas) que se van a realizar os traballos de colocación dos marcos dos novos predios de substitución.

Para realizar estes traballos as empresas encargadas deberán acceder aos terreos polo que se agradece a máxima colaboración da veciñanza nestas tarefas.

Os responsables da Consellería recordan a obriga de respectar os marcos colocados e poñen a disposición da veciñanza os seguintes teléfonos de información e contacto: 986 80 54 07 e 986 80 54 40.

“BARRIGA VERDE” DE VIRAVOLTA TÍTERES ACTUOU PARA ALUMNOS DO COLEXIO DOMINGO FONTÁN A TRAVÉS DO PROGRAMA “TORNAR ÁS TÁBOAS” DA DEPUTACIÓN

O Auditorio municipal da Azucreira de Portas serviu de escenario para a actuación de “Barriga Verde”, de Viravolta Títeres que chegaron ata o noso municipio a ravés do programa “Tornar ás táboas” da Deputación de Pontevedra. Este coñecido grupo de marionetas actuou para alumnos e alumnas de 5º e 6º de primaria do CPI Domingo Fontán.

Entre os asistentes a esta representación se atopaba a deputada delegada de Cultura, Victoria Alonso, acompañada polas concelleiras do Concello de Portas Mª Jesús Fontán e Ana María Peña.

A obra mestura a tradición do títere galego coa europea recollendo cinco situacións que “Barriga Verde” en compañía da súa cachiporra, resolve dun xeito que incomoda ao Demo ao ver o seu inferno cheo de personaxes que non lle son gratos.

O espectáculo está baseado na investigación que a compañía fixo sobre a figura de “Barriga Verde” e o títere tradicional galego.