A CORPORACIÓN MUNICIPAL DE PORTAS COMEZA A PENDURAR PANCARTAS DE PROTESTA E ENVÍA A SÚA CARTA DE QUEIXA A ESCOTET

O alcalde, Ricardo Martínez, e os voceiros dos grupos municipais do PPdeG, VUP, BNG e PSdeG-PSOE penduraron esta mañá unha pancarta de protesta diante do Consistorio, así como noutros lugares estratéxicos do municipio, en protesta polo anunciado peche de Abanca da única oficina que presta servizos bancarios no concello.

Por outra banda, o alcalde en nome da Corporación deu as instrucións oportunas aos funcionarios municipais para que dean traslado de inmediato dos acordos plenarios adoptados por unanimidade e remitan canto antes o decálogo reivindicativo tanto á Dirección de Abanca como á Xunta de Galicia, Goberno Central e Banco de España, como órgano regulador da actividade bancaria co fin de que se teña coñecemento do proceder unilateral e inxustificado de Abanca solicitándolles amparo ante unha situación que consideran un atentado contra os dereitos dos veciños e veciñas de Portas.

Asemade, os voceiros municipais aprobaron esta mañá o contido da carta que a Corporación Municipal de Portas decidiu enviar a Juan Carlos Escotet, presidente de Abanca, para explicarlle as graves consecuencias que a aplicación desa decisión unilateral de pechar a sucursal suporía para o futuro do municipio e o perxuizos sociais que tería, sobre todo para as persoas maiores, vítimas da fenda tecnolóxica.

No escrito os edís insisten en que o peche “sumirá ao noso concello nunha situación sen precedentes nos últimos anos xa que privará a clientes particulares e empresas de dispoñer da ferramenta crediticia que desde sempre nos acompañou nos bos e nos malos momentos compartindo esforzos por construír un país máis próspero a través do acceso igualitario aos mesmos servizos que calquera outro cidadán residente en Galicia”.

Os concelleiros ratifícanse no seu escrito de que “a fenda tecnolóxica e a imposibilidade de contar cunha rede de transporte axeitada farán que esta decisión inxustificada provoque un desequilibrio e un custe social moi importante nun municipio rural, como o noso, que verá detido o seu avance consolidado dos últimos tempos, como o testemuñan tamén a marcha e o funcionamento da propia sucursal de Portas como receptora de gran parte do tráfico de usuarios doutros lugares e municipios próximos como Caldas de Reis”.

ACUSAN AO PRESIDENTE ESCOTET E ABANCA DE “DESLEALDADE”

A carta recrimina tamén a Juan Carlos Escotet e á dirección de Abanca a “deslealdade” coa Galicia rural en xeral e con Portas en particular. “O noso municipio respondeu sempre con lealdade ás novas esixencias do mercado bancario e ás distintas transformacións que foron sufrindo as caixas galegas ata a chegada de Abanca como herdeira dun pasado glorioso (económico e social) no fornecemento financeiro de Galicia que, agora, con esta decisión unilateral vai camiño de se converter nun cruel acto de deslealdade e de frustración de todo un pobo sen precedentes”, especifican no escrito.

Finalmente, a Corporación Municipal de Portas ínstalle a Juan Carlos Escotet e á Dirección de Abanca a reconsiderar a súa decisión e que non leven a efecto o peche da súa oficina o vindeiro 22 de setembro.

“DESCONCERTO” E “ANCESTROS” MARCARÁN AS ACTUACIÓNS MUSICAIS DO MES DE SETEMBRO NO COMLEXO DA AZUCREIRA DE PORTAS

Con motivo do Xacobeo 21-22, Cultura no Camiño da Xunta de Galicia e AGADIC xunto co Concello de Portas organiza varias actividades, entre elas, a actuación de “DESCONCERTO”, o domingo 12 de setembro ás 20:30h, no Auditorio Municipal da Azucreira de Portas.

DESCONCERTO é un espectáculo cómico sobre a música clásica posta en escena por Félix Rodríguez e Fran Rei e dirixido por Marcos Orsi. Os nosos protagonistas aparecen, por accidente, no escenario dun concerto de música culta. Coa orquestra a piques de comezar o repertorio e o público preparado para gozar co recital, ven no deber de facerse pasar por reputados músicos para saír da situación. Curiosamente, a partir deste aloucado punto de partida, o espectáculo vai avanzando e o programa previsto vaise executando, non sen diversos atrancos cómicos.

DESCONCERTO é, en definitiva, unha montaxe cómica que combina música, teatro, humor e moito ritmo para ofrecer unha imaxe amena e atractiva da música clásica.

“ANCESTROS” TOMA O RELEVO O DOMINGO 26 DE SETEMBRO ÁS 20:30 HORAS

Por outra banda, o domingo 26 de setembro ás 20:30h no Anfiteatro da Azucreira (en caso de mal tempo, no Auditorio Municipal), gozarase dunha actuación musical, grazas ao grupo de Lantaño “ANCESTROS”.

“ANCESTROS” nace en Terras de Lantaño, no Concello de Portas no ano 2019. Unha nova agrupación musical contemporánea con influxo celta e nórdico, mesturado con fusións étnicas e tradicionais, que dan vida a unha identidade e son propios e que só se pode definir como: ESTILO DEVANCEIROS.

Mestúrase a musicalidade coa interpretación da sabedoría da nosa cultura , os valores do pobo e as crenzas dos nosos devanceiros.Unha homenaxe a gran parte da riqueza histórica, que conseguirá trasladar por un instante a unhas épocas esquecidas que xa só viaxan polo recordo.

📞Para asisitir a calquera das dúas actuacións deberá recollerse entrada no Concello de Portas, ou ben facer a reserva nos teléfonos: 986 53 61 61 ext. 5 ou 986 53 69 25.

CLAUSURADAS CON ÉXITO AS ACTIVIDADES DE VERÁN ORGANIZADAS POLO CONCELLO DE PORTAS PARA DISFRUTE DOS CATIVOS DA CASA

No día de onte, 31 de agosto, déronse por clausuradas as actividades de verán postas en marcha nesta ocasión polo Concello de Portas para ofrecer unha alternativa de lecer e conciliación laboral ás familias do municipio. Na Azucreira de Portas déronse cita tódolos nenos e nenas participantes nas actividades, para poñer o peche a un verán cheo de actividades, saídas, excursións, xogos, obradoiros…

Gozaron dunha mañá chea de actividades, colchonetas e unha gran exhibición de baile grazas ao Clube de Baile Btroula.

O Concello agradece aos pais e nais dos nenos e nenas pola confianza depositada, un ano máis, na Ludoteca de Portas. Tamén agradece a monitores e monitoras o seu esforzo e traballo diario, pero sobre todo, un agradecemento especial para todos e cada un dos nenos e nenas participantes pois son o motor das actividades.

A CORPORACIÓN MUNICIPAL APROBA POR UNANIMIDADE DECRETAR UN DÍA DE LOITO OFICIAL SI PECHA A SUCURSAL DE ABANCA E INICIAR MOBILIZACIÓNS DE PROTESTA

A Corporación Municipal de Portas decidiu, por unanimidade, no Pleno Extraordinario celebrado esta mañá un decálogo que recolle o rexeitamento á decisión da Dirección de Abanca de pechar a única oficina bancaria que posúe este municipio e decretar un día de loito oficial para o día 22 de setembro, data prevista do peche da sucursal.

A totalidade dos concelleiros apoiaron a convocatoria de actos de protestas e mobilización e instaron ao goberno municipal a iniciar contactos con outras entidades financeiras ou axentes bancarios co fin de que poidan instalarse no municipio. O Concello de Portas clausurará tódalas súas contas en Abanca no caso de que leve a cabo a decisión anunciada de pechar a súa sucursal no municipio.

Os voceiros municipais coincidiron na necesidade de conservar a unidade de acción e acordaron pendurar mañá na fachada do Consistorio así como noutros lugares estratéxicos varias pancartas de protesta. Tamén confirmaron o seu desexo de convocar unha manifestación unitaria de protesta que terá lugar en datas próximas e que será consensuada entre tódolos grupos unha vez analizadas as mellores opcións para garantir o maior número de persoas posibles neste acto de repulsa cívica cidadá.

DECÁLOGO APROBADO POR UNANIMIDADE POLA CORPORACIÓN

Por outra banda, o Pleno da Corporación Municipal aprobou por unanimidade unha declaración institucional, base da unidade de accións dos grupos presentes na Corporación (PPdeG, BNG, VUP e PSdeG-PSOE), e que se resume nestes dez puntos que enumeramos a continuación:

1.- Expresar ante a Dirección de Abanca, Xunta de Galicia, Goberno Central e Banco de España o seu malestar e rexeitamento total a esta decisión unilateral e inxustificada tomada de xeito irreflexivo pola Dirección de Abanca.

2.- Manifestar á Dirección de Abanca, Xunta de Galicia, Goberno Central e Banco de España o seu desacordo polas consecuencias económicas e sociais negativas que esta decisión traerá para os clientes e usuarios da entidade no municipio.

3.- Responsabilizar á Dirección de Abanca deste ataque contra os dereitos dos nosos maiores, vítimas da fenda tecnolóxica e abandonados á súa sorte á hora de poder cobrar as súas pensións ou atender as súas xestións bancarias.

4.- Comisionar ao Goberno Municipal de Portas a buscar calquera alternativa que permita recuperar o servizo bancario no municipio a través doutra entidade financeira, un asesor bancario ou fórmula similar que poida ser implantada para resolver o problema creado á veciñanza pola marcha de Abanca.

5.- Instar ao Goberno Municipal a retirar de Abanca tódolos fondos dos que dispón o Concello de Portas e aperturar novas contas na entidade que se instale no municipio.

6.- Solicitar ao Goberno Municipal que coordine tódalas accións necesarias de mobilización social para expresar o rotundo desacordo da nosa sociedade coa medida emprendida por Abanca.

7.- Adoptar todo tipo de medidas en defensa dos intereses económicos e sociais dos veciños e veciñas de Portas.

8- Decretar un día de loito e de reivindicación oficial polo peche de Abanca no momento en que se efectúe a clausura da oficina bancaria.

9.- Instar á Xunta de Galicia para que actúe como garante dos Concellos rurais da nosa Comunidade e poida esixir anta as Administracións do Estado que lexislen para velar polo mantemento de servizos básicos nos concellos rurais, estando entre eles a existencia de oficinas bancarias para que non deixen de prestar os seus servizos á veciñanza, ademais para poder garantir o funcionamento da actividade económica destes concellos.

10.- Evitar o despoboamento e o abandono por parte das Administracións públicas tentando lexislar e adoptar medidas que favorezan o asentamento de poboación e a forma de vida rural no noso país como, por exemplo, impedir ás entidades financeiras deixar sen servizos bancarios presenciais ao mundo rural.

Finalmente, e en aras de manter a unidade de acción e coordinar de xeito consensuado as accións a levar a cabo, o alcalde Ricardo Martínez e os voceiros municipais acordaron manterse en contacto permanente para ir tomando as decisións que se consideren oportunas.

PORTAS CELEBRARÁ UN PLENO EXTRAORDINARIO DE REPULSA CONTRA O PECHE DA SUCURSAL DE ABANCA E SOLICITARÁ O AMPARO DE XUNTA, GOBERNO E BANCO DE ESPAÑA

A xuntanza de voceiros municipais do Concello de Portas, convocada polo alcalde Ricardo Martínez, decidiu celebrar un Pleno Extraordinario para oficializar a repulsa unánime de todos os grupos políticos con representación na Corporación (PPdeG, BNG, VUP e PSdeG-PSOE) á decisión de Abanca de pechar a única sucursal bancaria existente no municipio o vindeiro 22 de setembro (onte, por erro informouse de que sería o 22 de outubro).

O Pleno Extraordinario celebrarase o vindeiro martes 31 de agosto ás 10 da mañá e nel aprobarase un manifesto reivindicativo consensuado por tódolos grupos políticos con representación na Corporación para ser remitido á Dirección de Abanca, á Xunta de Galicia, ao Goberno Central e ao Banco de España, como entidade reguladora da actividade bancaria.

Os voceiros municipais lamentaron profundamente a falla de empatía amosada por Abanca co tecido social e económico dos pobos do rural galego en plena pandemia da Covid-19 e con abundantes beneficios que en maneira algunha xustifican calquera medida restrictiva como as que están levando a cabo.

Tamén avogaron por poñer en coñecemento desta circunstancias á Xunta de Galicia, ao Goberno Central e ao Banco de España coa intención de que se arbitren solucións e medidas que impidan que entidades bancarias como Abanca, beneficiadas dos procesos de saneamento das antigas caixas, adopten medidas inxustificadas que van en deterioro dos servizos no rural coa eliminación da rede bancaria en Galicia e en gran parte da España baleira.

Os voceiros municipais quedaron en consensuar un escrito que se pretende e sexa aprobado por unanimidade dos 11 concelleiros que conforman a Corporación Municipal de Portas e “sirva de base para un pacto de unidade de acción de todas as forzas políticas coa clara intención de ofrecer unha imaxe de unión e contundencia de todo un pobo que se rebela contra unha decisión moi pouco pensada e que non cremos que obedeza á auténtica realidade dunha oficina como a de Portas que cada vez atende a máis clientes, moitos deles provintes de Caldas, e que estamos seguros de que estaba dentro dos estándares de rendabilidade media de calquera sucursal bancaria”, indicou o alcalde Ricardo Martínez.

MEDIDAS DE PROTESTA E MOBILIZACIÓN SOCIAL

Debido á rapidez con que se desenvolven os acontecementos e en aras de favorecer a aportación dos distintos grupos políticos, os voceiros municipais deixaron para o Pleno Extraordinario do martes a adopción das medidas de protesta e mobilización contretas a levar adiante, que buscarán a implicación directa e a participación da veciñanza como actores principais das accións a desenrolar.

Ademais, os voceiros municipais amosáronse dispostos a promover a chegada unha nova entidade crediticia ou mesmo un axente bancario ao tempo que anunciaron xa que, de producirse o peche da sucursal de Abanca, non tería lóxica seguir mantendo as contas do Concello de Portas nese banco co cal abrirían a posibilidade a migrar os depósitos municipais cara outra entidade.

O CONCELLO CONVOCA UNHA XUNTANZA VECIÑAL, DE COMERCIANTES E DE COLECTIVOS SOCIAIS ANTE O PECHE DA SUCURSAL DE ABANCA EN PORTAS

O alcalde de Portas, Ricardo Martínez, publicou un Bando mediante o cal se convoca a representantes de asociacións veciñais, culturais, deportivas e de comerciantes a unha xuntanza que terá lugar o vindeiro sábado día 30 de agosto ás 19 horas na Casa da Cultura de Portas para analizar a decisión da Dirección de Abanca de pechar a única sucursal bancaria neste municipio.

Na xuntanza analizarase a nova situación creada a raíz deste anuncio que provocou grande preocupación entre o tecido social e económico do municipio polo que o alcalde, Ricardo Martínez, decidiu convocar esta xuntanza informativa para explicar as circunstancias que rodean esta polémica decisión da Dirección de Abanca.

O ALCALDE, INDIGNADO POLO ANUNCIO DE PECHE DA SUCURSAL DE ABANCA NO MUNICIPIO, CONVOCA DE URXENCIA UNHA XUNTA DE VOCEIROS PARA MAÑÁ

O alcalde de Portas, Ricardo Martínez, e o tenente de alcalde, Alfonso Vázquez, manifestaron a súa indignación despois da xuntanza mantida esta mañá con responsables de área e de zona de Abanca no transcurso da cal lles informaron da decisión “irrevocable” da entidade bancaria de pechar a súa sucursal no municipio a partir do vindeiro 22 de outubro.

Ricardo Martínez reaccionou con contundencia e indignación e convocou de inmediato, nada máis rematar a xuntanza, unha Xunta de Voceiros municipais que terá lugar ás 9:30 horas de mañá venres para tomar as medidas precisas de protesta e rexeitamento desta decisión que condena ao municipio de Portas a quedan sen servizos bancarios.

A intención do alcalde é instar aos voceiros municipais a crear unha fronte común, similar á que se está levando a cabo noutros concellos afectados polos peches de Abanca, co fin de poñer en práctica de xeito unánime medidas alternativas para mitigar esta agresión que sufre Portas.

Martínez pretende convocar un Pleno Extraordinario para a vindeira semana co fin de que tódolos grupos políticos poidan expresar pública e oficialmente o seu rexeitamento a esta decisión unilateral de Abanca e poñer en marcha as medidas que se considere oportuno e por consenso entre tódolos membros da Corporación Municipal.

O alcalde manifestou a súa incompresión por esta decisión que “avoca ao noso concello a ter que buscar alternativas noutras entidades bancarias porque o que está claro é que non imos quedar cos brazos cruzados e temos que darlle solución á poboación maior que é vítima da fenda tecnolóxica e que non se defende nin cos caixeiros intelixentes nin coa banca electrónica. Desde logo é un auténtico pao ao proceso de recuperación económica e social que estabamos a experimentar no municipio e que tiña na entidade financeira unha ferramenta de apoio moi útil para nós”, indicou decepcionado o rexedor de Portas.

AS ACTUACIÓNS DO PROGRAMA “COÑECE O TEU CAMIÑO” PROTAGONIZARÁN A ACTIVIDADE CULTURAL DO DOMINGO NO CONCELLO DE PORTAS

O programa cultural “Coñece o teu Camiño”, impulsado pola Xunta, chega este domingo 29 de agosto ao concello de Portas con varias actividades que non te podes perder. Así, no anfiteatro da Azucreira (en caso de mal tempo será no Auditorio) terá lugar a partir das 20 horas a actuación da Agrupación Folclórica Lembranzas Galegas e o espectáculo “Barafunda. Xan das Ondas”.

A Xunta de Galicia está a impulsar, a través da colaboración da Axencia de Turismo de Galicia, o programa cultural “Coñece O teu Camiño”, que inclúe cinco espectáculos baseados na tradición e nos roteiros xacobeos e que se desenvolverán na provincia de Pontevedra.

O proxecto “Coñece O Teu Camiño”, configúrase como un evento transversal que inclúe un espectáculo infantil centrado na peregrinaxe do Camiño e o Océano Atlántico e unha actuación de folclore con música e danza tradicional.

A entrada para asistir a este concerto será gratuíta, aínda que haberá unha limitación de aforo polo que os interesados en acudir a este evento deberán retirar previamente as invitacións no Concello de Portas ou ben chamar aos teléfonos 986 53 69 25 ou 986 53 61 61-EXT 5.

CHEGA A PORTAS ESTE SÁBADO “O PAÍS DAS BANDAS” COA ACTUACIÓN DA BANDA DE MÚSICA MUNICIPAL DE RIBADUMIA

O Anfiteatro do complexo da Azucreira de Portas será o escenario escollido para este sábado 28 de agosto, a partir das 20 horas, para a chegada ao municipio do concerto protagonizado pola Banda de Música Municipal de Ribadumia dentro do programa “O País das Bandas”. No caso de que o tempo non acompañara, a actuación trasladaríase ao Auditorio da Azucreira de Portas.

A entrada para asistir a este concerto será gratuíta, aínda que haberá unha limitación de aforo polo que os interesados en acudir a este evento deberán retirar previamente as invitacións no Concello de Portas ou ben chamar aos teléfonos 986 53 69 25 ou 986 53 61 61-EXT 5.