O CONCELLO DE PORTAS ENTRA NA FINALIZACIÓN DA SITUACIÓN DE EMERXENCIA SANITARIA CON “CERO CASOS” DE COVID-19

O concello de Portas non rexistra a día de hoxe ningún caso activo de Covid-19, xusto cando a Xunta acaba de declarar a finalización da situación de emerxencia sanitaria a partir de mañá sábado 23 de outubro.

Mentras non se produza ningunha novidade destacable, o Concello de Portas deixa a partir de agora de emitir parte diario do número de casos de Covid-19 rexistrados no noso municipio.

🟦 Galicia declara a finalización da situación de emerxencia sanitaria a partir do sábado 23 de outubro estas son as novas medidas que entran en vigor:

📋 A Comunidade conta cunha lei específica para seguir xestionando a pandemia coas máximas garantías.

✅ Entramos nunha situación de normalidade con novas medidas
Aforos ao 100% en case todos os eidos.

🍽️ Hostalería e ocio nocturno: aforo ao 100% e amplíanse horarios.

💉 Certificado covid: ocio nocturno e albergues.

😷 Mantense o uso da máscara.

👴👵 Levantamento das medidas excepcionais nas residencias maiores e de persoas con discapacidade.

ALBERTO FORTES PRESENTA O SEU LIBRO “A VIAXE XEOMÉTRICA DE DOMINGO FONTÁN”, ESTE DOMINGO ÁS 12:30 HORAS NA CASA DA CULTURA DE PORTAS NA PORTA DO CONDE

O escritor galego Alberto Fortes presenta este domingo ás 12:30 horas na Biblioteca de Portas o seu último libro que ten como protagonista ao xeógrafo Domingo Fontán baixo o título “A viaxe xeométrica de Domingo Fontán”.

No acto estará acompañado polo alcalde de Portas, Ricardo Martínez, o profesor ex director da Escola de Maxisterio e da UNED, Gerino Calvo Maquieira e Afonso Ribas Fraga, coordinador de Edicións Laiovento, empresa editora do libro.
Este acto é aberto ao público polo que calquera persoa que queira asistir pode achegarse ata a Casa da Cultura Domingo Fontán-Biblioteca, en Portas, na Porta do Conde. Será obrigado o uso de máscara e manter o distanciamento social.

O CONCELLO DE PORTAS CANCELA UN PRÉSTAMO DO 2012 CO BANCO SANTANDER GRAZAS Á SÚA SOLVENCIA ECONÓMICA E AO REMANENTE DE TESOURERÍA DO PASADO EXERCIZO

A proposta do Grupo de Goberno do Partido Popular, a Corporación Municipal de Portas decidiu cos votos a favor de tódolos edís, agás o BNG que se abstivo, a cancelación do crédito que o Concello mantiña co Banco Santander desde o ano 2012 polo importe restante de 111.130,41.

Esta operación de cancelación de crédito lévase a cabo grazas a estabilidade orzamentaria e a solvencia económica do Concello de Portas que permitiu rematar as contas do ano 2020 cun remanente de tesourería de 485.400,41 euros.

Deste xeito o Concello de Portas libera nos orzamentos municipais, para o ano 2022, uns 73.000 euros que estaba deste xeito comprometidos para atender a amortización deste crédito subscrito pola Corporación Municipal do ano 2012 por importe total de 591.000 euros e que íase pagando anualmente desde as arcas municipais.

AGORA DESTINARANSE OS 73.000 EUROS ANUAIS USADOS PARA PAGAR O CRÉDITO A GASTO SOCIAL E DE MELLORA DA CALIDADE DE VIDA DOS VECIÑOS

Segundo o alcalde, Ricardo Martínez, “a solvencia e estabilidade económica levada a cabo polo equipo de goberno actual permítenos saldar agora esta débeda co remanente de tesourería de preto de medio millón de euros e libéranos do compromiso orzamentario deses 73.000 euros anuais que empregábamos en pagar o crédito. Agora eses cartos poderemos destinalos a atender cuestións de índole social e a mellorar infraestruturas municipais, moi necesarias e que nos permitirán mellorar a calidade de vida dos veciños e veciñas de Portas”.

Ricardo Martínez defendeu o modelo de xestión económica do equipo de goberno actual “que nos permite atender en tempo e forma a tódolos provedores ao tempo que podemos concurrir ás subvencións doutras institucións o que facilita que o Concello de Portas poida seguir ampliando os servizos e a atención municipal aos veciños e veciñas do noso municipio. Pretendemos utilizar dun xeito máis eficaz e eficiente os recursos económicos do Concello para non gastar máis do que temos e os cartos dos que dispoñemos usalos con cabeza e con sentidiño para sacarlle o máximo rendemento sen hipotecar o presente nin o futuro do noso Concello”, concluíu o alcalde de Portas.

O REENCONTRO ENTRE VECIÑOS MARCOU O “XXVIII XANTAR DA TERCEIRA IDADE” ORGANIZADO NO PAVILLÓN MUNICIPAL DE DEPORTES POLO CONCELLO DE PORTAS

O reencontro entre veciños e veciñas de Portas que por mor da pandemia non se veían desde había tempo marcou a celebración do “XXVIII Xantar da Terceira Idade” celebrado este mediodía no pavillón municipal de deportes organizado polo Concello de Portas.

O acto estivo presidido polo alcalde, Ricardo Martínez, e os membros do equipo de goberno que estiveron acompañados pola directora xeral de Relacións Institucionais e Parlamentarias da Xunta de Galicia, Blanca García-Señoráns Álvarez. Os asistentes, que casi esgotaron por completo o aforo previsto, eran veciños e veciñas maiores de 61 anos, empadroados no municipio, que previamente se incribiron para participar neste xantar e que contan co certificado de terse vacinado fronte ao Covid-19.

En torno ás 12:30 horas, do mediodía, a Banda de Música de Lantaño foi a encargada de abrir o evento e de ir entretendo ás persoas que ían chegando para asistir á misa de campaña oficiada polo cura párroco D. Román quen ensalzou a celebración do Día da Virxe do Pilar, patroa da Garda Civil, e tamén se referiu ao Día da Hispanidade.

Posteriormente, a Banda de Música de Lantaño ofreceu un concerto que serviu de entretemento para as persoa que se foron achegando para poder entrar no pavillón municipal de deportes, lugar habilitado e especialmente decorado para a ocasión e dar acubillo a este Xantar da Terceira Idade.

A concelleira Chus Fontán e o alcalde, Ricardo Martínez, foron os encargados de darlle a benvida oficial aos comensais e agradecerlles a súa persenza neste acto de confraternidade e reecontrol veciñal que vén a marcar certa volta á normalidade despois dos duros embates da pandemia da Covid-19.

Tanto Fontán como Martínez lembraron os momentos difíciles que obrigaron á reclusión e a diminuir as relacións persoais e de amizade casi á mínima expresión e que agora se recobran con este reencontro veciñal promovido polo Concello de Portas e que ten como principais protagonistas aos veciños e veciñas maiores de 61 anos, empadroados e que teñen inoculada a pauta completa de vacinación fronte á Covid-19.

A sobremesa completouse cunha gran queimada realizada por Ramón e un monólogo de humor e unha actuación de maxia para dar continuidade a unha tarde de reencontro e amizade en Portas.


O CONCELLO DE PORTAS RECUPERA PARA O 12 DE OUTUBRO O SEU TRADICIONAL “XANTAR DA TERCEIRA IDADE” QUE SE CELEBRARÁ NO PAVILLÓN MUNICIPAL DE DEPORTES

O Concello de Portas recupera o seu tradicional Xantar da Terceira Idade que se celebrará o vindeiro 12 de outubro no pavillón municipal de deportes e ao que poderán asistir todos os veciños maiores de 61 anos empadroados no municipio que previamente se inscriban e que teñan o certificado de terse vacinado fronte ao Covid-19.

Para facilitar que ninguén se quede sen inscribirse no “XXVIII Xantar da Terceira Idade”, a organización habilitou o teléfono 662 62 04 85 para que aquelas persoas que queiran asistir poidan facer a súa reserva ata este luns, aínda que é festivo local en Portas, e permitir que todo o mundo que así o desexe poida gozar deste reencontro das persoas maiores do municipio.

O evento comezará ás 12 da mañá no pavillón municipal de deportes cun concerto da Banda de Música de Lantaño que se interrumpirá ás 13 horas para que se poida oficiar unha misa de campaña para, posteriormente continuar coa música en directo da devandita agrupación musical.

Na sobremesa terá lugar un monólogo a cargo dun humorista e a actuación dun mago que ofrecerá un espectáculo de prestidixitación para animar aos comensais que se dean cita no pavillón municipal de deportas de Portas.

Segundo o alcalde, Ricardo Martínez, “a celebración desta actividade vén a representar a recuperación simbólica da normalidade despois das restricións por mor da pandemia. A xente ten gañas de verse, de volver recuperar as súas celebracións, as súas actividades e ir pouco a pouco volvendo a vivir en liberdade e con seguridade”.

Pola súa banda a concelleira María Jesús Fontán insistiu na necesidade de que a xente que cumpra os requisitos se anote para participar no evento “para o cal habilitamos o teléfono 662 62 04 85 para que ata o mesmo luns, aínda que é festivo local en Portas, quen queira se poida anotar e ninguén quede fóra. Queremos que todo saia á perfección, respectando en todo momento as medidas anticovid que nos indican as autoridades sanitarias. Animamos aos que todavía non se anotaron que o fagan porque vai ser un reencontro moi especial para todos”, indicou a concelleira.

PORTAS ACOLLE UN CURSO GRATUÍTO DIRIXIDO A MULLERES DO MEDIO RURAL DENTRO DO PROGRAMA “ADELANTE RURAL”

A Casa da Cultura de Porta acolle os días 26 e 27 de outubro unha sesión de motivación para a búsqueda de emprego “Muller e mercado laboral” dentro dos cursos de formación gratuíta dirixida a mulleres do medio rural “Adelante Rural”.

Os requisitos para poder participar é ter a tarxeta do paro en vigor e o DNI. O prazo de inscrición remata o vindeiro 20 de outubro no Concello de Portas (Educadora familiar). As prazas son limitadas e o horario das xornadas será de 10 a 14 horas.

Para máis información haise que dirixir ao Concello de Portas ou chamar ao teléfono 662 62 03 97.

O PÚBLICO GOZOU DUNHA EXTRAORDINARIA ACTUACIÓN DO GRUPO “ANCESTROS” NA AZUCREIRA A TRAVÉS DO PROGRAMA “CULTURA NO CAMIÑO 2021”

O Auditorio da Azucreira de Portas serviu de escenario idóneo para que o público gozara cunha espectacular actuación musical do grupo “Ancestros” que chegou ata o noso municipio a través do programa “Cultura no Camiño 2021” da Xunta de Galicia.

“Ancestros” fixo gozar dunha tarde chea de música con influxo celta e nórdico, mesturado con fusións étnicas e tradicionais, que dan vida a unha identidade e son propios e que só se pode definir como: “Estilo devanceiros”.

Por uns instantes, conseguiron que os espectadores regresaran a unhas épocas esquecidas que xa só viaxan polo recordo. Música, cultura, tradición, baile e espectáculo déronse a man en Portas para facer gozar ao público dunha gran actuación musical.

O CONCELLO DE PORTAS LEVA A CABO UN EXHAUSTIVO OPERATIVO DE LIMPEZA E DESINFECCIÓN DE CONTEDORES DO SERVIZO MUNICIPAL DE RECOLLIDA DE LIXO

O Concello de Portas está levando a cabo estes días un exhaustivo proceso de limpeza e desinfección dos contedores do servizo público de recollida de lixo co fin de evitar cheiros e implementar medidas sanitarias acordes coa loita e prevención da Covid-19.

Estes traballos de limpeza e desinfección están sendo levados a cabo por unha empresa especializada que extenderá a súa actuación por todo o termo municipal, con especial atención ás zonas rurais.

Estes labores non só consisten no  baldear os contedores, senón que se someten a un proceso de limpeza exhaustiva con produtos que axudan a eliminar bacterias e cheiros indesexables, así como elementos de prevención e loita contra a Covid-19.

Así mesmo, e ao mesmo tempo, os operarios municipais proceden a realizar labores de mantemento e reparación daqueles contedores que se atopan en mal estado e, se  estan moi deteriorados, procédese ás súas substitución por outros novos de recente adquisición por parte do Concello a través dunha subvención da Deputación de Pontevedra.

O alcalde de Portas, Ricardo Martínez, lembra que o municipio dispón dun dos servizos de recollida máis eficientes da provincia, comparable ás grandes cidades, e cun custo moi axustado, moi inferior ao desas urbes, e en sintonía cos municipios existentes na súa área de influencia, aínda así o rexedor recorda que “manter limpo o noso municipio é tarefa de todos e todas xa que é un deber cívico contribuír coa nosa colaboración como veciños e veciñas a que se ensucie o menos posible”, indicou o rexedor.

O CONCELLO DE PORTAS ABRE ATA O 13 DE OUTUBRO UNHA NOVA LIÑA DE AXUDAS PARA O TRANSPORTE ESCOLAR PARA O CURSO 2021-2022

O Concello de Portas acaba de abrir unha nova convocatoria de axudas para o transporte escolar para o curso 2021-2022, para estudantes menores de 25 anos, empadroados no municipio de Portas e que cursen estudos de bacharelato, ciclos de formación profesional ou estudos universitarios.

Bases publicadas no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra n°181 do 20 de setembro de 2021.

REQUISITOS:

•          Estar empadroado/a no concello de Portas cun mínimo de seis meses de antigüidade.

•          cursar estudios en algún centro público de Galicia no curso 2020-2021 xa sexa de bacharelato, ciclo de formación profesional ou estudos universitarios.

•          Non superar os 25 anos.

•          Non superar a renda per capita familiar anual en 7.500€ (renda ano 2020).

CUANTÍAS:

Bacharelato ………………………………………………………………….. 150€

Ciclo formativo medio …………………………………………………….. 200€

Estudos universitarios e ciclos formativos superiores …………. 250€

O PRAZO DE PRESENTACION REMATA O 13 DE OUTUBRO DE 2021

Non se admitirán solicitude fóra de prazo.

As solicitudes estarán dispoñibles no rexistro xeral do concello e na sede electrónica do mesmo na paxina http://portas.sedelectronica.gal.

INFORMACION: nas oficinas do concello de Portas e no taboleiro de anuncios da sede electrónica do Concello de Portas http://portas.sedelectronica.gaL.

PRESENTADA A EDICIÓN ESPECIAL “ORIXE” DE PORTAMÉRICA NA SÚA NOVA SEDE DA AZUCREIRA DE PORTAS

Baixo o lema Orixe, o festival PortAmérica aposta polo regreso ás súas raíces nunha novena edición que se celebrará os días 1 e 2 de outubro en Portas e para a que volve contar co patrocinio da Xunta no marco do Xacobeo 21-22. O acto de presentación contou coa participación da presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, o alcalde de Caldas de Reis, Juan Manuel Rey, o tenente de alcalde de Portas, Alfonso Vázquez, o director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, a comisaria do Xacobeo 21-22, Cecilia Pereira, os representantes doutras das institucións colaboradoras e Kin Martínez, fundador e director de Esmerarte Industrias Creativas, empresa promotora do evento. O acto tivo lugar no auditorio da Azucreira de Portas, que este ano se estrea como nova sede para un PortAmérica nun formato máis íntimo e adaptado ás medidas sanitarias.

O representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade referendou o compromiso da Xunta co festival pontevedrés como exemplo de moitos dos valores que defende FEST Galicia na súa promoción da nosa Comunidade como destino musical seguro e de calidade. Neste sentido, PortAmérica caracterízase pola súa combinación de música, gastronomía e natureza para ofrecer unha experiencia integral de cultura e de ocio.

Recoñecemento do labor dos festivais

Lembrou, asemade, que a Xunta incrementou en 2021 o seu investimento nos festivais profesionais de música no marco do seu Plan de reactivación do sector cultural. Recoñécese, deste xeito, o esforzo dos equipos organizativos por sacar adiante os seus eventos a pesar dos condicionantes impostos pola pandemia, así como o seu carácter estratéxico tanto para o sector musical como para a economía e o turismo das comarcas que os acollen.

As dúas principais vías de apoio da Administración autonómica aos festivais profesionais de música suman este ano un orzamento de 840.000 euros. Dunha banda, a través da devandita marca FEST Galicia, que se reforzou cun investimento de 500.000 euros, un 25 % máis que en 2020, para patrocinar os 14 festivais adheridos.

Doutra, mediante convocatoria de subvencións a festivais de música, que se retomou este ano tras ser suspendida en 2020 ante a imposibilidade de levar a cabo os eventos nos seus formatos habituais. Esta liña de axudas distribúe outros 340.000 euros entre os 19 encontros beneficiarios.

Pola súa banda, a comisaria do Xacobeo 21-22 explicou que “para nós PORTAMERICA é un socio estratéxico na difusión da marca Xacobeo 21-22 porque constitúe unha magnífica ocasión para atraer visitantes ao noso territorio e proxectar unha imaxe dunha Galicia innovadora, dinámica, terra de grandes creadores e excelentes profesionais na xestión musical”, ademais de destacar que o novo emprazamento escollido, o Concello de Portas, segue mantendo a presenza do Camiño Portugués no seu ADN.

Concertos únicos e de pé

Para esta edición especial Orixe, Esmerarte reúne en PortAmérica gran parte dos artistas cos que traballa desde os seus inicios, ademais de homenaxear a antiga banda de Xoel López, Deluxe, e o grupo Le Punk, que volven xuntarse sobre o escenario na que será unha oportunidade única de gozar dos seus directos tras anos de inactividade.

Vetusta Morla, Xoel López coa súa formación actual, Novedades Carminha ou Carlos Sadness co seu proxecto Tropical Jesus son outros dos nomes destacados do cartel deste ano, que se completa con Jenny & The Mexicats, Ortiga, Eladio y los Seres Queridos, Pablo Lesuit, Furious Monkey House e La Duendeneta.

O recinto contará con oito sectores burbulla e os concertos celebraranse de pé, seguindo o protocolo sanitario que garantirá a distancia e resto de medidas de seguridade. Os abonos poranse á venda este xoves 23 a través da web www.portamerica.es.