O CONCELLO DE PORTAS DENUNCIA A SUBTRACCIÓN DE VARIOS CONTEDORES NOVOS DE LIXO RECÉN POSTOS EN BRIALLOS E LANTAÑO

Varios contedores de lixo recén incorporados ao sistema de recollida de residuos sólidos urbanos e adquiridos polo Concello de Portas foron subtraídos nos últimos días o que está a supoñer ademais dun prexuízo económico para o municipio, un problema importante para o servizo de recollida.

Este incidente foi posto en coñecemento da Garda Civil que iniciará as investigacións pertinentes para identificar aos autores da subtracción para que devolvan os contedores e sexan obxecto das medidas sancionadoras ás que haxa lugar.

O Concello de Portas expresa a súa máxima repulsa sobre esta práctica que nos últimos tempos se está a facer demasiado habitual e está a ocasionar graves prexuízos para os servizos municipiais que recibe a veciñanza e solicita a colaboración cidadá para dar cos autores do roubo.

Lembrar que a Deputación de Pontevedra, concedeu ao Concello de Portas, unha subvención de 12.888,15 euros a través do Plan Concellos 2018-2019 (anualidade 2019), para a adquisición de colectores de lixo. Este importe, é o resultante da aplicación das baixas doutros investimentos. En total, foron 75 unidades que se colocaron, na súa maioría nas parroquias de Briallos e Lantaño, lugares de onde desapareceron nos últimos días e que motivaron a denuncia interposta polo Concello de Portas ante os corpos e forzas de seguridade do Estado.

O CONCELLO DE PORTAS ACOMETE O PROCESO DE MELLORA DA PISTA POLIDEPORTIVA DE MONDOIRO, EN LANTAÑO, CUN INVESTIMENTO DE PRETO DE 48.000 EUROS

O Concello de Portas levará a cabo nos vindeiros días a remodelación total da pista polideportiva de Mondoiro (Lantaño) onde está previsto que se realice un investimento que ronda os 48.000 euros dos cales 33.764,49 euros serán asumidos pola Vicepresidencia Primeira da Xunta de Galicia a través do programa de financiamento de proxectos de creación, mellora e ampliación de servizos básicos locais que leva a cabo a Dirección Xeral da Administración Pública.

A empresa adxudicataria das obras será Covsa, que presentou unha oferta para executalas por importe de 47.993,83 euros, terá de prazo ata o 31 de outubro para telas realizadas.

O alcalde de Portas, Ricardo Martínez, e o tenente de alcalde, Alfonso Vázquez, en compañía da arquitecta municipal, inspeccionaron o estado da pista polideportiva antes de comezar as obras e puderon comprobar como as gradas do público precisan dunha actuación de conservación e mellora así como a dotación de senllas escaleiras de acceso e evacuación do lugar para facilitar tamén o uso das mesmas.

A actuación contempla o peche perimetral do recinto deportivo, o formigonado da pista polideportiva, o pintado das delimitacións do terreo de xogo, porterías, canastras e a instalación de focos de iluminación para garantir o seu uso nos días de menor luminosidade, sobre todo nos meses de inverno.

A pista polideportiva de Mondoiro atópase ubicada nun espazo lúdico e de convivencia veciñal e de dotación de servizos a veciñanza presidida pola Escola Infantil Unitaria de Lantaño e o outras instalacións deportivas existentes no entorno como o campo de fútbol.

O CONCELLO CONVOCA AS AXUDAS MUNICIPAIS PARA O APOIO AO ESTUDO PARA O PRESENTE CURSO 2021-2022


 

Convocatoria das AXUDAS MUNtCIPAIS PARA O APOIO AO ESTUDO CURSO 2021-2022, para estudantes de 3 a 16 anos, empadroados no Concello de Portas e que cursen estudos de educación infantil, educación ·primaria e secundaria nos centros púbticos do concello. Boletln Oficial da Provincia de Pontevedra n°178

REQUISITOS

• A unidade familiar deberá estar empadroada e ter residencia efectiva no Concello de Portas e convivir na unidade familiar os alumnos/as para quen se solicita a axuda.

• Estar matriculado ou ter reserva de matrícula para o curso 2021-2022 nos centros públicos do Concello.

• Que a unidade familiflr non supere os limites económicos establecidos no punto 4° das bases.

GASTOS SUBVENCIONABLES

Serán gasto subvencionables os dos libros, vestiario básico e/ou material informático. o equipamento deportivo (botas de fútbol, equipamento de fútbol … ) e aquel destinado para actividades extraescolares non é obxecto de esta convocatoria.

CONTÍAS DAS AXUDAS:

EDUCACIÓN INFANTIL: Máximo 100 euros.

EDUCACIÓN PRIMARIA E SECUNDARIA: Máximo 80 euros.

PRAZO: Ata o QS de Outubro de 2021 . Non se admitirán solicitudes fóra de prazo.

INFORMACIÓN: nas oficinas do concello de Portas e no taboleiro de anuncios da sede electrónica do Concello de Portas http://portas.sedelectronica.gal.

☎️ Máis información no Tlf. 9816161. Extensión 1

ABANCA CONCRETA CO ALCALDE, EN NOME DA CORPORACIÓN MUNICIPAL, O SERVIZO BANCARIO EN PORTAS

Portas tendrá servicios bancarios de Abanca os martes e xoves de 8:15 a 14:15 horas segundo lle confirmaron ao alcalde, Ricardo Martínez, nunha xuntanza mantida esta mañá no Consistorio con responsables territoriais da entidade bancaria.

O alcalde comunicou de inmediato aos voceiros dos distintos grupos municipais a nova medida de Abanca que suporá o mantemento da operativa da oficina en Portas.

A Corporación Municipal acolle con cautela esta nova decisión empresarial de Abanca e agarda que sirva non so para conservar os servizos bancarios no noso municipio senón para consolidalos no tempo e con novas operativas en función das necesidades da veciñanza e do tecido empresarial do municipio.

A Corporación Municipal seguirá atenta e informando á veciñanza da evolución que esta nova decisión suporá para os usuarios de Abanca en Portas e os veciños en xeral.

CENTOS DE VECIÑOS SAÍRON Á RÚA EN PORTAS PARA DEFENDER A PERMANENCIA DA SUCURSAL DE ABANCA NO MUNICIPIO, ÚNICA ENTIDADE BANCARIA NO CONCELLO

Centos de veciños convocados de xeito unánime polos grupos políticos que conforman a Corporación Municipal (PPdeG, VUP, BNG e PSdeG-PSOE) manifestáronse polas rúas de Portas para protestar contra a decisión de Abanca de pechar a única oficina bancaria da que dispón o municipio a partir do 22 de setembro.

Abreu a manifestación unha pancarta unitaria encabezada polo alcalde e os voceiros dos grupos municipais que compoñen a Corporación cun lema no que se denunciaba o peche dos servizos bancarios no mundo rural e reclamaban a permanencia da sucursal. A continuación, colocáronse os os alcaldes de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, e de Campo Lameiro, Carlos Costa, así como a deputada autonómica Lupe Murillo e varios edís destes concellos así como de Caldas de Reis, Cuntis e Moraña.

Unha vez que a manifestación chegou ata o lugar que ocupa a sucursal de Abanca, os concentrados fixeron un círculo entorno a fachada da oficina bancaria para escoitar un manifesto da Corporación Municipal lido polo alcalde, Ricardo Martínez.

O manifesto unitario indicaba que “non somos os primeiros en sufrir este atropelo e, por desgraza, tampouco seremos os últimos en padecer unha decisión unilateral e inxusta como a que está a tomar a Dirección de Abanca. Acudimos aquí a amosar o noso rexeitamento total a unha política empresarial que está a producir un grave dano no tecido económico e social no mundo rural afondando na perda de servizos e no despoboamento da Galicia e da España rural”.

“Estamos aquí para apoiar aos nosos maiores que teñen problemas para se defender co caixeiro automático e coa banca electrónica, pero tamén estamos aquí para solidarizarnos coas persoas que terán que desprazarse a outros concellos a oficinas que están xa de por si saturadas de xente e onde hai que agardar longas colas para sacar o noso diñeiro”, recolle o manifesto.

“Tamén queremos estar ao lado dos nosos emprendedores, dos pequenos comercios que verán moi mermada a súa operativa diaria coa perda da única oficina bancaria que temos no municipio, unha oficina que ten experimentado un crecemento exponencian de clientes e que atrae mesmo a veciños e veciñas doutros concellos que se achegan ata Portas pola comodidade e profesionalidade do servizo”, leu o rexedor.

DEFENSA DO APORTE SOCIAL PARA GALICIA QUE TIVERON AS CAIXAS DE AFORROS

No manifesto tamén se incluiu unha parte adicada ao papel social das caixas e tamén dos bancos. “Portas é o hoxe o seguinte na lista, pero non por iso imos deixar de protestar e de reivindicar un trato xusto para os nosos veciños e veciñas. Os novos directivos de Abanca parecen querer esquecer o tradicional compromiso social que históricamente supuxeron as caixas de aforros na construción de Galicia. Agora, transformadas en bancos, as súas lexítimas aspiracións de facer negocio non pode supoñer a perda de servizos básicos e fundamentais para a poboación como a atención bancaria”.

“Non estamos dispostos a ser cómplices co noso silencio do desmantelamento do rural. Portas non vai calar e nós imos garantir que imos loitar ata o final para que a sucursal de Abanca non peche o próximo 22 de setembro. Desde a Corporación Municipal non deixamos de descansar un so día para emprender o camiño do diálogo, facer chamamentos á reconsideración desta decisión por parte da Dirección de Abanca e de buscar o amparo de tódalas institucións posibles para impedir que Portas se quede sen servizo bancario”.

A CORPORACIÓN MUNICIPAL DE PORTAS COMEZA A PENDURAR PANCARTAS DE PROTESTA E ENVÍA A SÚA CARTA DE QUEIXA A ESCOTET

O alcalde, Ricardo Martínez, e os voceiros dos grupos municipais do PPdeG, VUP, BNG e PSdeG-PSOE penduraron esta mañá unha pancarta de protesta diante do Consistorio, así como noutros lugares estratéxicos do municipio, en protesta polo anunciado peche de Abanca da única oficina que presta servizos bancarios no concello.

Por outra banda, o alcalde en nome da Corporación deu as instrucións oportunas aos funcionarios municipais para que dean traslado de inmediato dos acordos plenarios adoptados por unanimidade e remitan canto antes o decálogo reivindicativo tanto á Dirección de Abanca como á Xunta de Galicia, Goberno Central e Banco de España, como órgano regulador da actividade bancaria co fin de que se teña coñecemento do proceder unilateral e inxustificado de Abanca solicitándolles amparo ante unha situación que consideran un atentado contra os dereitos dos veciños e veciñas de Portas.

Asemade, os voceiros municipais aprobaron esta mañá o contido da carta que a Corporación Municipal de Portas decidiu enviar a Juan Carlos Escotet, presidente de Abanca, para explicarlle as graves consecuencias que a aplicación desa decisión unilateral de pechar a sucursal suporía para o futuro do municipio e o perxuizos sociais que tería, sobre todo para as persoas maiores, vítimas da fenda tecnolóxica.

No escrito os edís insisten en que o peche “sumirá ao noso concello nunha situación sen precedentes nos últimos anos xa que privará a clientes particulares e empresas de dispoñer da ferramenta crediticia que desde sempre nos acompañou nos bos e nos malos momentos compartindo esforzos por construír un país máis próspero a través do acceso igualitario aos mesmos servizos que calquera outro cidadán residente en Galicia”.

Os concelleiros ratifícanse no seu escrito de que “a fenda tecnolóxica e a imposibilidade de contar cunha rede de transporte axeitada farán que esta decisión inxustificada provoque un desequilibrio e un custe social moi importante nun municipio rural, como o noso, que verá detido o seu avance consolidado dos últimos tempos, como o testemuñan tamén a marcha e o funcionamento da propia sucursal de Portas como receptora de gran parte do tráfico de usuarios doutros lugares e municipios próximos como Caldas de Reis”.

ACUSAN AO PRESIDENTE ESCOTET E ABANCA DE “DESLEALDADE”

A carta recrimina tamén a Juan Carlos Escotet e á dirección de Abanca a “deslealdade” coa Galicia rural en xeral e con Portas en particular. “O noso municipio respondeu sempre con lealdade ás novas esixencias do mercado bancario e ás distintas transformacións que foron sufrindo as caixas galegas ata a chegada de Abanca como herdeira dun pasado glorioso (económico e social) no fornecemento financeiro de Galicia que, agora, con esta decisión unilateral vai camiño de se converter nun cruel acto de deslealdade e de frustración de todo un pobo sen precedentes”, especifican no escrito.

Finalmente, a Corporación Municipal de Portas ínstalle a Juan Carlos Escotet e á Dirección de Abanca a reconsiderar a súa decisión e que non leven a efecto o peche da súa oficina o vindeiro 22 de setembro.

“DESCONCERTO” E “ANCESTROS” MARCARÁN AS ACTUACIÓNS MUSICAIS DO MES DE SETEMBRO NO COMLEXO DA AZUCREIRA DE PORTAS

Con motivo do Xacobeo 21-22, Cultura no Camiño da Xunta de Galicia e AGADIC xunto co Concello de Portas organiza varias actividades, entre elas, a actuación de “DESCONCERTO”, o domingo 12 de setembro ás 20:30h, no Auditorio Municipal da Azucreira de Portas.

DESCONCERTO é un espectáculo cómico sobre a música clásica posta en escena por Félix Rodríguez e Fran Rei e dirixido por Marcos Orsi. Os nosos protagonistas aparecen, por accidente, no escenario dun concerto de música culta. Coa orquestra a piques de comezar o repertorio e o público preparado para gozar co recital, ven no deber de facerse pasar por reputados músicos para saír da situación. Curiosamente, a partir deste aloucado punto de partida, o espectáculo vai avanzando e o programa previsto vaise executando, non sen diversos atrancos cómicos.

DESCONCERTO é, en definitiva, unha montaxe cómica que combina música, teatro, humor e moito ritmo para ofrecer unha imaxe amena e atractiva da música clásica.

“ANCESTROS” TOMA O RELEVO O DOMINGO 26 DE SETEMBRO ÁS 20:30 HORAS

Por outra banda, o domingo 26 de setembro ás 20:30h no Anfiteatro da Azucreira (en caso de mal tempo, no Auditorio Municipal), gozarase dunha actuación musical, grazas ao grupo de Lantaño “ANCESTROS”.

“ANCESTROS” nace en Terras de Lantaño, no Concello de Portas no ano 2019. Unha nova agrupación musical contemporánea con influxo celta e nórdico, mesturado con fusións étnicas e tradicionais, que dan vida a unha identidade e son propios e que só se pode definir como: ESTILO DEVANCEIROS.

Mestúrase a musicalidade coa interpretación da sabedoría da nosa cultura , os valores do pobo e as crenzas dos nosos devanceiros.Unha homenaxe a gran parte da riqueza histórica, que conseguirá trasladar por un instante a unhas épocas esquecidas que xa só viaxan polo recordo.

📞Para asisitir a calquera das dúas actuacións deberá recollerse entrada no Concello de Portas, ou ben facer a reserva nos teléfonos: 986 53 61 61 ext. 5 ou 986 53 69 25.

CLAUSURADAS CON ÉXITO AS ACTIVIDADES DE VERÁN ORGANIZADAS POLO CONCELLO DE PORTAS PARA DISFRUTE DOS CATIVOS DA CASA

No día de onte, 31 de agosto, déronse por clausuradas as actividades de verán postas en marcha nesta ocasión polo Concello de Portas para ofrecer unha alternativa de lecer e conciliación laboral ás familias do municipio. Na Azucreira de Portas déronse cita tódolos nenos e nenas participantes nas actividades, para poñer o peche a un verán cheo de actividades, saídas, excursións, xogos, obradoiros…

Gozaron dunha mañá chea de actividades, colchonetas e unha gran exhibición de baile grazas ao Clube de Baile Btroula.

O Concello agradece aos pais e nais dos nenos e nenas pola confianza depositada, un ano máis, na Ludoteca de Portas. Tamén agradece a monitores e monitoras o seu esforzo e traballo diario, pero sobre todo, un agradecemento especial para todos e cada un dos nenos e nenas participantes pois son o motor das actividades.

A CORPORACIÓN MUNICIPAL APROBA POR UNANIMIDADE DECRETAR UN DÍA DE LOITO OFICIAL SI PECHA A SUCURSAL DE ABANCA E INICIAR MOBILIZACIÓNS DE PROTESTA

A Corporación Municipal de Portas decidiu, por unanimidade, no Pleno Extraordinario celebrado esta mañá un decálogo que recolle o rexeitamento á decisión da Dirección de Abanca de pechar a única oficina bancaria que posúe este municipio e decretar un día de loito oficial para o día 22 de setembro, data prevista do peche da sucursal.

A totalidade dos concelleiros apoiaron a convocatoria de actos de protestas e mobilización e instaron ao goberno municipal a iniciar contactos con outras entidades financeiras ou axentes bancarios co fin de que poidan instalarse no municipio. O Concello de Portas clausurará tódalas súas contas en Abanca no caso de que leve a cabo a decisión anunciada de pechar a súa sucursal no municipio.

Os voceiros municipais coincidiron na necesidade de conservar a unidade de acción e acordaron pendurar mañá na fachada do Consistorio así como noutros lugares estratéxicos varias pancartas de protesta. Tamén confirmaron o seu desexo de convocar unha manifestación unitaria de protesta que terá lugar en datas próximas e que será consensuada entre tódolos grupos unha vez analizadas as mellores opcións para garantir o maior número de persoas posibles neste acto de repulsa cívica cidadá.

DECÁLOGO APROBADO POR UNANIMIDADE POLA CORPORACIÓN

Por outra banda, o Pleno da Corporación Municipal aprobou por unanimidade unha declaración institucional, base da unidade de accións dos grupos presentes na Corporación (PPdeG, BNG, VUP e PSdeG-PSOE), e que se resume nestes dez puntos que enumeramos a continuación:

1.- Expresar ante a Dirección de Abanca, Xunta de Galicia, Goberno Central e Banco de España o seu malestar e rexeitamento total a esta decisión unilateral e inxustificada tomada de xeito irreflexivo pola Dirección de Abanca.

2.- Manifestar á Dirección de Abanca, Xunta de Galicia, Goberno Central e Banco de España o seu desacordo polas consecuencias económicas e sociais negativas que esta decisión traerá para os clientes e usuarios da entidade no municipio.

3.- Responsabilizar á Dirección de Abanca deste ataque contra os dereitos dos nosos maiores, vítimas da fenda tecnolóxica e abandonados á súa sorte á hora de poder cobrar as súas pensións ou atender as súas xestións bancarias.

4.- Comisionar ao Goberno Municipal de Portas a buscar calquera alternativa que permita recuperar o servizo bancario no municipio a través doutra entidade financeira, un asesor bancario ou fórmula similar que poida ser implantada para resolver o problema creado á veciñanza pola marcha de Abanca.

5.- Instar ao Goberno Municipal a retirar de Abanca tódolos fondos dos que dispón o Concello de Portas e aperturar novas contas na entidade que se instale no municipio.

6.- Solicitar ao Goberno Municipal que coordine tódalas accións necesarias de mobilización social para expresar o rotundo desacordo da nosa sociedade coa medida emprendida por Abanca.

7.- Adoptar todo tipo de medidas en defensa dos intereses económicos e sociais dos veciños e veciñas de Portas.

8- Decretar un día de loito e de reivindicación oficial polo peche de Abanca no momento en que se efectúe a clausura da oficina bancaria.

9.- Instar á Xunta de Galicia para que actúe como garante dos Concellos rurais da nosa Comunidade e poida esixir anta as Administracións do Estado que lexislen para velar polo mantemento de servizos básicos nos concellos rurais, estando entre eles a existencia de oficinas bancarias para que non deixen de prestar os seus servizos á veciñanza, ademais para poder garantir o funcionamento da actividade económica destes concellos.

10.- Evitar o despoboamento e o abandono por parte das Administracións públicas tentando lexislar e adoptar medidas que favorezan o asentamento de poboación e a forma de vida rural no noso país como, por exemplo, impedir ás entidades financeiras deixar sen servizos bancarios presenciais ao mundo rural.

Finalmente, e en aras de manter a unidade de acción e coordinar de xeito consensuado as accións a levar a cabo, o alcalde Ricardo Martínez e os voceiros municipais acordaron manterse en contacto permanente para ir tomando as decisións que se consideren oportunas.