Baixo o lema Orixe, o festival PortAmérica aposta polo regreso ás súas raíces nunha novena edición que se celebrará os días 1 e 2 de outubro en Portas e para a que volve contar co patrocinio da Xunta no marco do Xacobeo 21-22. O acto de presentación contou coa participación da presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, o alcalde de Caldas de Reis, Juan Manuel Rey, o tenente de alcalde de Portas, Alfonso Vázquez, o director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, a comisaria do Xacobeo 21-22, Cecilia Pereira, os representantes doutras das institucións colaboradoras e Kin Martínez, fundador e director de Esmerarte Industrias Creativas, empresa promotora do evento. O acto tivo lugar no auditorio da Azucreira de Portas, que este ano se estrea como nova sede para un PortAmérica nun formato máis íntimo e adaptado ás medidas sanitarias.
O representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade referendou o compromiso da Xunta co festival pontevedrés como exemplo de moitos dos valores que defende FEST Galicia na súa promoción da nosa Comunidade como destino musical seguro e de calidade. Neste sentido, PortAmérica caracterízase pola súa combinación de música, gastronomía e natureza para ofrecer unha experiencia integral de cultura e de ocio.
Recoñecemento do labor dos festivais
Lembrou, asemade, que a Xunta incrementou en 2021 o seu investimento nos festivais profesionais de música no marco do seu Plan de reactivación do sector cultural. Recoñécese, deste xeito, o esforzo dos equipos organizativos por sacar adiante os seus eventos a pesar dos condicionantes impostos pola pandemia, así como o seu carácter estratéxico tanto para o sector musical como para a economía e o turismo das comarcas que os acollen.
As dúas principais vías de apoio da Administración autonómica aos festivais profesionais de música suman este ano un orzamento de 840.000 euros. Dunha banda, a través da devandita marca FEST Galicia, que se reforzou cun investimento de 500.000 euros, un 25 % máis que en 2020, para patrocinar os 14 festivais adheridos.
Doutra, mediante convocatoria de subvencións a festivais de música, que se retomou este ano tras ser suspendida en 2020 ante a imposibilidade de levar a cabo os eventos nos seus formatos habituais. Esta liña de axudas distribúe outros 340.000 euros entre os 19 encontros beneficiarios.
Pola súa banda, a comisaria do Xacobeo 21-22 explicou que “para nós PORTAMERICA é un socio estratéxico na difusión da marca Xacobeo 21-22 porque constitúe unha magnífica ocasión para atraer visitantes ao noso territorio e proxectar unha imaxe dunha Galicia innovadora, dinámica, terra de grandes creadores e excelentes profesionais na xestión musical”, ademais de destacar que o novo emprazamento escollido, o Concello de Portas, segue mantendo a presenza do Camiño Portugués no seu ADN.
Concertos únicos e de pé
Para esta edición especial Orixe, Esmerarte reúne en PortAmérica gran parte dos artistas cos que traballa desde os seus inicios, ademais de homenaxear a antiga banda de Xoel López, Deluxe, e o grupo Le Punk, que volven xuntarse sobre o escenario na que será unha oportunidade única de gozar dos seus directos tras anos de inactividade.
Vetusta Morla, Xoel López coa súa formación actual, Novedades Carminha ou Carlos Sadness co seu proxecto Tropical Jesus son outros dos nomes destacados do cartel deste ano, que se completa con Jenny & The Mexicats, Ortiga, Eladio y los Seres Queridos, Pablo Lesuit, Furious Monkey House e La Duendeneta.
O recinto contará con oito sectores burbulla e os concertos celebraranse de pé, seguindo o protocolo sanitario que garantirá a distancia e resto de medidas de seguridade. Os abonos poranse á venda este xoves 23 a través da web www.portamerica.es.