Unha nutrida procesión entre os cruceiros do Culebrón e de Paredes serviu para honrar a San Pedro Martír e recuperar a normalidade da vida social, cultural e relixiosa en Lantaño (Portas) despois do parón imposto pola pandemia da Covid-19.

Despois da misa solemne, tivo lugar a procesión na que participou o alcalde, Ricardo Martínez, e varios membros da Corporación Municipal que acompañaron ás imaxes no percorrido que, partindo desde a capela de San Pedro Mártir e o cruceiro do Culebrón, se dirixiu ata o de Paredes onde os devotos deron a volta acompañados pola Banda de Música Unión de Lantaño ata concluir de novo fronte ao templo relixioso.

A continuación a Banda de Música Unión de Lantaño amenizou a xornada cun concerto mentras se procedía a repartir entre os asistentes un aperitivo que foi compartido polos numerosos veciños da parroquia que se deron cita neste lugar.

UNHA CAPELA MUNICIPAL

Esta celebración se enmarca dentro do acordo de doazón da capela de San Pedro Mártir ao Concello de Portas feita polos señores Gándara Gómez e Remedios Junquera Gómez, herdeiros da familia Buceta Quintáns.

A celebración rematará esta tarde, a partir das 20 horas, cando terá lugar a actuación do grupo musical Vilamariachi no Centro Cultural Candelas de Lantaño.

Recomendados