O Xantar da Terceira Idade organizado polo Concello de Portas celebrou a súa 30ª edición con gran éxito de participación con máis de 350 comensais que se deron cita no pavillón municipal de deportes nun acto que contou coa presenza do alcalde, Ricardo Martínez, o xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, o alcalde de Meaño, Carlos Viéitez e membros da Corporación Municipal entre os que estaban a concelleiras Chus Fontán, Ana Peña e Alfonso Vázquez.

En torno ás 12:30 horas, do mediodía, a Banda de Música de Lantaño foi a encargada de abrir o evento e de ir entretendo ás persoas que ían chegando para asistir á misa de campaña oficiada, ás 13 horas, polo cura párroco D. Román quen ensalzou a celebración do Día da Virxe do Pilar, patroa da Garda Civil, e tamén se referiu ao Día da Hispanidade.

Posteriormente, a Banda de Música de Lantaño ofreceu un concerto que serviu de entretemento para as persoa que se foron achegando para poder entrar no pavillón municipal de deportes, lugar habilitado e especialmente decorado para a ocasión e dar acubillo a este Xantar da Terceira Idade.

30 ANOS DUN EVENTO QUE SIRVE DE LUGAR DE ENCONTRO

O alcalde de Portas, Ricardo Martínez, e o xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, foron os encargados de darlle a benvida oficial aos comensais e agradecerlles a súa presenza neste acto de confraternidade e reecontro veciñal que se afianza como un dos eventos máis entrañables polo concurrido que resulta e pola participación de residentes en todas e cada unha das catro parroquias que compoñen o municipio.

Ricardo Martínez lembrou e honrou aos pioneiros en organizar este encontro, que acada a súa 30ª edición, e sinalou que se convertera nunha festa na que o principal motivo é o reencontro veciñal e a homenaxe aos nosos maiores que son “un exemplo vital da cultura do esforzo e do sacrificio. Grazas a eles somos o que somos e seguimos avanzando”, indicou o alcalde.

A sobremesa completouse cunha gran queimada realizada por Ramón e a animación musical a cargo do Dúo Marema, unha agrupación moi coñecida na comarca que se caracteriza pola súa empatía co público e a súa diversión.

Recomendados