O ALCALDE DE PORTAS DENUNCIA GRAVES DANOS PRODUCIDOS POR ACTOS VANDÁLICOS NOS TELLADOS DAS ESCOLAS UNITARIAS DE LANTAÑO E ROMAI

O alcalde de Portas, Ricardo Martínez, denuncia graves danos producidos por actos vandálicos nos tellados das escolas unitarias de Lantaño e Romai a escasas horas do comezo do curso escolar. Os operarios terán que actuar sobre as cubertas destes edificios para retirar as tellas rotas, recolocar as que están movidas e repoñer os sistemas de suxeción para garantir a súa seguridade.

Uns descoñecidos arroxaron esta semana palés de madeira que causaron graves destrozos nos tellados, con rotura de tellas e o desprazamento de zonas da cuberta que poñen en serio risco a estas instalacións municipais.

Ricardo Martínez considera un grave atentado contra o patrimonio público estas accións realizadas por desaprensivos a escasas horas de dar comezo ao novo curso escolar e nuns edificios que dan cobertura e servizo aos nenos e nenas de Lantaño e Romai, que son os que fan uso destas instalacións.

Operarios municipais procederán a partir deste luns a reparar os desperfectos causados nas cubertas así como a correxir o corrimento das tellas existentes que deixaron nun estado de deterioro importante o tellado destas instalacións educativas.

Os traballos levaranse a cabo coa máxima preocupación e tomando as máximas medidas de seguridade para garantir que os cativos poidan acudir ao centro educativo e non causar ningún percance ás familias á hora de conciliar a vida laboral coa familiar. Nestes momentos hai matriculados uns 18 nenos e nenas entre as dúas escolas unitarias que prestan un gran servizo educativo e social á veciñanza.

O rexedor cualificou o feito de grave e sinalou que “é unha broma de mal gusto atentar precisamente contra unhas instalacións que van ser utilizadas por nenas e nenos moi cativos e que prestan un servizo moi importante desde o punto de vista da facilitación da vida familiar e laboral así como a primeira escala na formación dos nosos nenos e nenas polo que deberían de ter un mínimo de respecto”.

O alcalde solicitou a colaboración veciñal para identificar aos autores destes feitos tan lamentables para poñelos en coñecemento da autoridade e que responsan dos seus actos.

UNHA TRINTENA DE MOZOS E MOZAS PARTICIPA NA SÉTIMA EDICIÓN DO CAMPUS “INGLÉS NA MIÑA CONTORNA” DA UNED EN COLABORACIÓN CO CONCELLO

O concello de Portas, a través da Aula Universitaria da UNED acolle o “VII Campus Inglés na Contorna” que se desenrolará ata o 21 de xullo e no que participará unha trintena de alumnos e alumnas que recibirán de xeito intensivo unha inmersión lingüística harmonizada con actividades lúdicas orientadas a dar visibilidade á “Axenda 2030 para o Desenrolo Sostenible e os seus 17 Obxectivos de Desenrolo Sostenible (ODS)”.

Estes mozos e mozas aprenderán a dominar técnicas de comprensión e comunicación en inglés de tal xeito de que se perda o medo para falar nun idioma extranxeiro. O alumno gañará en confianza para desenvolverse dunha maneira natural e descubrirá dun xeito lúdico e divertido a súa contorna máis próxima, utilizando o inglés como ferramenta de comunicación durante toda a actividade.

Outro dos obxectivos deste campus intensivo será ampliar as relacións sociais e humanas, coñecer as bases de traballo en equipo e a responsabilidade individual nas tarefas comúns nun ambiente enriquecedor.

Tamén se pretende facilitar, a través das distintas actividades deportivas e culturais, un amplo caudal de posibilidades enriquecedoras para a súa personalidade, gozar de novas formas e boa utilización do tempo de lecer a través da práctica de actividades físicas saudables e a utilización de xeito habitual das tecnoloxías da información e da comunicación.

O alcalde, Ricardo Martínez, amosou a súa satisfación porque o concello de Portas volva acoller este tipo de campus formativo e lúdico “o que dá boa idea da aposta da UNED polo noso municipio que se está a converter en punto de referencia de todo tipo de actividades como se está a demostrar durante este verán”, indicou o rexedor.

PRESENTADA A NOVA EDICIÓN DE PORTAMÉRICA QUE REUNIRÁ OS DÍAS 13, 14 E 15 DE XULLO A 15.000 PERSOAS DIARIAS EN PORTAS

Este mediodía tivo lugar a presentación oficial da nova edición de PortAmérica na que estiveron o alcalde de Portas, Ricardo Martínez, o presidente da Deputación de Pontevedra, Luís López, que asistía ao seu primeiro acto oficial desempeñando ese cargo, o director de Turismo de Galicia, Xosé Manuel Merelles, Juan Martínez Inchausti, de patrocinios musicais Estrela Galicia; Pepe Solla, chef e comisario do Showrocking; e Kin Martínez e Carlos Rodríguez, directores de Esmerarte Industrias Creativas e PortAmérica.

O alcalde de Portas, Ricardo Martínez, deulles a benvida a todos e agradeceu que a organización de PortAmérica volvera a elixir este municipio para celebrar un dos mellores e máis importantes festivais de música no só de Galicia senón de España. Martínez salientou a importancia que este festival ten para a promoción exterior da imaxe de Portas desde un punto de vista turístico e de dinamización da economía local.

O 90% das entradas xa se atopan vendidas e a ocupación hostaleira na comarca atópase ao 100% para os días do Festival, entre o 13 e o 15 de xullo, segundo a organización. Tamén están practicamente esgotadas as entradas para a zona de acampada e o aparcadoiro de autocaravanas e furgonetas xa colga o cartel de completo.

A organización lembra que o Festival xera 250 empregos directos e máis de 600 indirectos. As estimacións establecen o gasto medio por visitante sobre os 400 euros, cun prezo medio dos abonos do PortAmérica de 70 euros. Tamén lembran que máis de 15.000 persoas diarias pasarán por Portas para asistir aos concertos e ás actividades de PortAmérica.

O inicio desta edición contarán con propostas musicais para todas as idades e para distintos estilos musicais co foco establecido na viaxe de ida e volta Europa – América Latina.

Sebastián Yatra, Nicki Nicole, Loquillo, Deluxe, Bad Gyal, Jorge Drexler, A M.Ou.D.A ou M-Clan soarán ao ritmo das cociñas do multipremiado ShowRocking, unha iniciativa gastronómica onde máis de 35 chefs de alto nivel e 14 Estrelas Michelin, como Anxo León, Martina Puig Vert, Maca de Castro ou Javi Oleiros, baixo a dirección de Pepe Solla, ofrecerán unha degustación de máis de 20.000 petiscos a prezos populares creados expresamente para o PortAmérica. O toque doce figura na selección de Pastelería, da man dalgúns dos mellores profesionais reposteiros. Ademais están previstas actuacións sorpresa.

O CONCELLO DE PORTAS PON EN MARCHA O NOVO PROGRAMA “CÓIDOME” PARA PREVIR A VIOLENCIA DE XÉNERO E PROMOVER A IGUALDADE

O Concello de Portas quere por en marcha un novo programa: Cóidome. Un programa de intervención e prevención da violencia de xénero e promoción da igualdade de oportunidades. Consta de dúas liñas de traballo: unha centrada nos autocoidados persoais e outra na defensa persoal feminina (pilates, yoga, risoterapia, etc.)

  • A metodoloxía será activa  realizando diversas dinámicas, activas  e participativas.
  • Poboación: mulleres maiores de idade do Concello de Portas
  • Horario: Martes e Xoves de 10:30-11:30
  • Lugar: Casa de Cultura/ Pavillón
  • Prazo de inscrición: 3 de xullo ao 13 de xullo.
  • Teléfono: 662 620 397 (Rosa)

O PROGRAMA “LER CONTA MOITO” DA XUNTA CHEGA A PORTAS CON VARIAS ACTIVIDADES A DESENVOLVER DURANTE O MES DE XULLO

Dentro das actividades programadas polo Concello de Portas para este verán figuran varias que chegan ao concello por mediación do Programa “Ler conta moito” da Xunta de Galilcia”. Así, o vindeiro xoves 13 de xullo ás 12 horas na Biblioteca Pública Municipal terá lugar o espectáculo “ANTOLOXÍA DE DESPROPÓSITOS” do Mago Martín.

✅ “A BIBLIOTECARIA ESTRAFALARIA” de Cris de Caldas o luns 17 de xullo ás 12:00h na Biblioteca Pública Municipal.

Actividades GRATUÍTAS. Esperámosvos a tod@s!!!

O CONCELLO DE PORTAS LOGRA UNHA SUBVENCIÓN DA DEPUTACIÓN PROVINCIAL DE PONTEVEDR PARA ACTIVIDADES DE DINAMIZACIÓN DA LINGUA GALEGA DO ANO 2023

A Deputación de Pontevedra, dende o Servizo de Normalización Lingüística e Servizos Lingüísticos, ven de conceder unha subvención ao Concello de Portas por importe de 4.199,05 euros, para cofinanciar o proxecto de publicación do libro infantil “MULLERES DA NOSA TERRA”, que homenaxea a figura de María Concepción Pérez Iglesias, “Doña Concha”, rexidora de Portas nomeada o 9 de xaneiro do ano 1925, primeira alcaldesa de Galicia e unha das pioneiras en acceder a este cargo en España.