AVANZAN A BO RITMO AS OBRAS DA BASE DA UNIDADE OPERATIVA (BUO) EN PORTAS QUE, CUN INVESTIMENTO DE MÁIS DUN MILLÓN DE EUROS, REFORZARÁ A PREVENCIÓN E EXTINCIÓN DE INCENDIOS NA ZONA

O alcalde de Portas, Ricardo Martínez, e o tenente de alcalde, Alfonso Vázquez, visitaron as obras de construción da nova Base de Unidade Operativa (BUO) que a Xunta de Galicia está a executar en Portas, unha infraestrutura destinada a reforzar a prevención e a capacidade de resposta fronte aos incendios forestais na contorna.

Durante a visita ás obras, os responsables municipais puideron comprobar o avance desta actuación, que conta cun prazo de execución estimado de doce meses e cun investimento total de 1.086.954,75 euros. A iniciativa está promovida pola Dirección Xeral de Defensa do Monte e conta cun cofinanciamento do 80 % a través do Fondo Europeo Agrario de Desenvolvemento (FEADER), no marco do Plan Estratéxico da PAC 2023-2027.

O alcalde Ricardo Martínez destacou a importancia desta infraestrutura para mellorar a protección do territorio e a seguridade da veciñanza. “Estas novas bases operativas suporán unha mellora importante na capacidade de resposta fronte aos incendios forestais, permitindo unha organización máis eficiente dos medios de extinción e reducindo os tempos de intervención cando se produce unha emerxencia”, sinalou.

Martínez subliñou tamén que actuacións como esta son fundamentais nun territorio cunha forte presenza forestal como o da comarca. “Estamos a falar dun investimento estratéxico que reforza a prevención e a seguridade dos nosos montes, pero tamén a protección das persoas e das vivendas do noso entorno rural”, engadiu.

Pola súa banda, o tenente de alcalde Alfonso Vázquez puxo en valor a importancia da colaboración institucional para facer realidade este tipo de proxectos. “Esta actuación é un claro exemplo de cooperación entre administracións. A implicación da Xunta de Galicia, co apoio do Goberno de España e da Unión Europea a través dos fondos FEADER, permite que cheguen ao territorio rural infraestruturas fundamentais para mellorar a xestión forestal e a loita contra os incendios”, explicou.

Vázquez lembrou ademais que as BUO permitirán unha mellor planificación dos dispositivos de prevención e extinción, facilitando o traballo dos profesionais que actúan nos montes galegos e incrementando a eficacia dos operativos.

A construción destas bases en Portas e Valga forma parte da estratexia de reforzo da rede de infraestruturas destinadas á defensa do monte galego, apostando por máis prevención, máis medios e unha mellor coordinación na protección dun dos principais recursos naturais do territorio.

UN NUMEROSISIMO DESFILE DE ENTROIDO REÚNE EN PORTAS A CENTOS DE PERSOAS QUE CONFIRMAN O GRAN NIVEL PARTICIPATIVO DESTE EVENTO

O concello de Portas celebrou esta fin de semana o seu tradicional Desfile de Entroido, unha cita xa consolidada no calendario festivo local que volveu demostrar a súa capacidade de convocatoria e o dinamismo cultural do municipio. A pesar de coincidir na mesma xornada con outros desfiles de referencia como os de Marín ou A Estrada, o evento contou cunha gran asistencia de público, que encheu as rúas para desfrutar da creatividade, o humor e o esforzo das persoas participantes.

A elevada participación foi outro dos aspectos máis destacados da xornada, cun importante número de grupos, comparsas, parellas e participantes individuais, tanto na categoría adulta como infantil, que amosaron un altísimo nivel na elaboración dos seus disfraces e posta en escena.

Ao desfile asistiron o alcalde de Portas, Ricardo Martínez; o tenente de alcalde Alfonso Vázquez; e a concelleira de Cultura e encargada da organización do Entroido, Ana Peña, quen agradeceron a implicación da veciñanza e o traballo realizado durante semanas para facer posible esta celebración.

A concelleira Ana Peña destacou que “é unha satisfacción ver como, malia coincidir con outros desfiles importantes, Portas volve responder con forza, tanto en participación como en asistencia. O Entroido é unha festa feita pola veciñanza e para a veciñanza, e iso nótase no ambiente e na calidade das propostas”.

Pola súa banda, Alfonso Vázquez sinalou que “o nivel dos disfraces e das escenografías foi excepcional. Cada ano sorpréndennos máis, o que demostra o compromiso e a creatividade das persoas participantes”.

O alcalde, Ricardo Martínez, subliñou que “o Entroido é unha das celebracións máis esperadas do ano en Portas. Ver as rúas cheas de xente, familias e grupos de amigos compartindo esta festa é unha mostra do orgullo e da vitalidade do noso concello”.

RELACIÓN DE PREMIADOS – ENTROIDO PORTAS 2026

Grupos de máis de 20 persoas

            •          1º – 300 € – Héroes da Ría

            •          2º – 200 € – El dragón en la muralla china

            •          3º – 120 € – Dioses del Nilo

            •          4º – 70 € – O ciclo da vida nace no San Fermín

Grupos de 3 a 19 persoas

            •          1º – 250 € – Os ratos de laboratorio

            •          2º – 150 € – O resurxir dos Picapedra

            •          3º – 100 € – La tarta se comparte

            •          4º – 50 € – Vikingos

Grupo Infantil

            •          1º – 250 € – Quen vive é quen o goza. Barranquilla

            •          2º – 150 € – Revelión na colmena

            •          3º – 100 € – Los piratas con máis pluma del Caribe

            •          4º – 50 € – A churrería do abuelo

Parellas Adulto

            •          1º – 120 € – De volta á prehistoria

            •          2º – 90 € – Volando voy

            •          3º – 70 € – Raíñas reciclaxe

Parellas Infantil

            •          1º – 120 € – A vixe máxica

            •          2º – 90 € – Las diosas del mar reciclado

            •          3º – 70 € – Os animalíños da fraga

Individual Adulto

            •          1º – 100 € – A muller escorpión

            •          2º – 70 € – Recicleitor

            •          3º – 50 € – Vamos de pesca

Individual Infantil

            •          1º – 100 € – Unicornio volador

            •          2º – 70 € – Señora do monte

            •          3º – 50 € – Filla da terra galega

Premios Especiais

            •          Premio Especial Orixinal – 50 € – Juego de la Oca

            •          Premio Especial Reciclado – 50 € – Ulla en rosa

            •          Premio Especial Marchoso – 50 € – Arendelle en fuego

            •          Premio Especial Artístico – 50 € – Super Meaño Kart

O Concello de Portas agradeceu a implicación de todas as persoas participantes, do xurado e do público asistente, que fixeron posible un Entroido 2026 marcado pola convivencia, a creatividade e a alta participación.

PORTAS CONMEMORA O 8 M, DÍA DA MULLER, CON DIVERSAS ACTIVIDADES QUE TERÁN COMO PROTAGONISTAS AO ALUMNADO DO CPI DOMINGO FONTÁN E ÁS ESCOLAS DE LANTAÑO E ROMAI

Ao abeiro das medidas sinaladas no Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero, financiado con cargo aos créditos recibidos do Ministerio de Igualdade, Secretaría do Estado de Igualdade e contra a Violencia de Xénero, con motivo do 8 de Marzo, Día Internacional da Muller, o Concello de Portas en colaboración co Colexio C.P.I. Domingo Fontán e coas Escolas Infantis de Lantaño e Romai, levará a cabo:

  • Un contacontos co alumando infantil das EEI de Lantaño e Romai onde se traballará os estereotipos de xénero e se fomentará a igualdade de oportunidades entre homes e mulleres dende a infancia.  
  • Un obradoiro co alumando de 3º e 4º de primaria do CPI Domingo Fontán, a través do cal se traballará a importancia da empatía, o respecto e a xestión emocional como ferramentas de prevención da violencia.                                                                                                                                                                                   

OS CONCELLOS DE CAMPO LAMEIRO, MORAÑA E PORTAS POÑERÁN EN MARCHA UN IRMANDAMENTO XUVENIL A TRAVÉS DUNHA VIAXE AO PARQUE NATURAL DE IGUAZÚ, EN SUDAMÉRICA

A reunión terá lugar o mércores 18 de febreiro ás 19:30 horas na Casa da Cultura de Portas e a viaxe terá lugar do 20 ao 29 de marzo.

O intercambio xuvenil internacional que baixo o título “Irmandade entre culturas”, terá lugar do 20 ó 29 de marzo no Parque Nacional de Iguazú, con actividade en Arxentina, Brasil e Paraguai. Este programa, organizado conxuntamente polos concellos de Campo Lameiro, Moraña e Portas, está destinado a mozas e mozos empadroados con idades comprendidas entre os 18 e os 30 anos, ofrecendo unha oportunidade única para coñecer outras realidades socioculturais, lingüísticas e económicas, así como para fomentar valores como a cidadanía activa, a solidariedade e a tolerancia.

O intercambio desenvolverase na cidade de Puerto Iguazú (Misiones, Arxentina), con extensións a Brasil e Paraguai, e incluirá actividades culturais, institucionais e de convivencia, así como visitas ó Parque Nacional de Iguazú e ás Cataratas tanto pola vertente arxentina como brasileira, entre outras experiencias formativas e de coñecemento da contorna.

Cada concello realizará un reunión informativa previa onde se explicarán as condicións de participación, o proceso de inscrición, a documentación necesaria, así como todos os aspectos organizativos do intercambio. A reunión permitirá resolver dúbidas e garantir que as persoas interesadas dispoñan de toda a información precisa para formalizar correctamente a súa solicitude.

Anímase a mocidade a aproveitar esta oportunidade de crecemento persoal, aprendizaxe intercultural e representación do municipio nun proxecto de proxección internacional que reforza os lazos da amizade entre territorios e culturas.

BASES PARA INTERCAMBIO XUVENIL: “IRMANDADE ENTRE CULTURAS”

O CONCELLO DE PORTAS DISPÓN XA DO III PLAN DE IGUALDADE DE OPORTUNIDADES DE MULLERES E HOMES QUE TERÁ UNHA VIXENCIA ENTRE O ANO 2026 E 2029


O Concello de Portas dispón xa do III Plan de Igualdade de Oportunidades de Mulleres e Homes (2026-2029) co que se pretende desde a adminstración local dar resposta aos novos desafíos sen perder de vista os logros acadados. Este plan, que recolle tanto actuacións xa consolidadas como novas medidas derivadas da diagnose participativa, ten como finalidade impulsar unha transformación real no municipio. A súa elaboración e desenvolvemento baséanse na colaboración con entidades locais, persoal técnico, centros educativos e coa implicación directa da veciñanza. 

III PLAN DE IGUALDADE DE OPORTUNIDADES DE MULLERES E HOMES (2026-29)

O ANTIGO CONSISTORIO REABRE AS SÚAS PORTAS COMO NOVO ESPAZO PÚBLICO AO SERVIZO DA VECIÑANZA TRAS UNHA REHABILITACIÓN INTEGRAL

O Concello de Portas inaugurou a rehabilitación do antigo edificio da Casa Consistorial, que pasa a contar cunha nova vida como espazo público moderno, eficiente e adaptado ás necesidades actuais da veciñanza. O acto contou coa presenza do presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, e do alcalde e deputado provincial, Ricardo Martínez, así como veciños e membros da Corporación Municipal.

A obra contou cun orzamento total de arredor de 231.000 euros, dos cales 176.500 euros procederon do PON2030 e os 54.500 restantes da anualidade 2024 do Plan +Provincia. A intervención permitiu transformar o antigo inmoble nun edificio enerxeticamente eficiente, cunha nova cuberta, portas e ventás renovadas, así como sistemas de calefacción e ventilación que melloran o confort térmico durante todo o ano. O resultado é un edificio público de calidade, moderno e funcional, pensado para o uso veciñal.

Ademais da mellora dos servizos públicos, a inauguración serviu para render homenaxe a unha figura clave da historia local e do municipalismo galego. O edificio leva o nome de Concepción Pérez Iglesias, Dona Concha, primeira alcaldesa da historia de Portas e tamén de Galicia. “Estamos a resituar a figura de Dona Concha no lugar que merece: mestra querida e pioneira na política e na igualdade”, subliñou o presidente da Deputación.

PUBLICADAS AS BASES DE SELECCIÓN QUE REXERÁN O PROCEDEMENTO PARA A CONTRATACIÓN NA MODALIDADE FORMATIVA DUN TITULADO NO GRAO DE DIRECCIÓN E XESTIÓN PÚBLICA PARA O CONCELLO CO PROGRAMA +EMPREGA 2025 

 

O Concello de Portas acaba de publicar as bases que regulan o procedemento selectivo para a contratación laboral, na modalidade de contrato formativo, co fin de adquirir a práctica profesional adecuada ao nivel de estudos cursados e facilitarlles a súa inserción no mercado laboral. Neste caso a praza será para un contrato formativo dun titulado no grao de Dirección e Xestión Pública a través do PROGRAMA +EMPREGA 2025.

O contrato terá unha duración inicial de 6 meses, prorrogable ata o máximo dun ano, a xornada completa, e co 70% das retribucións mensuais de acordo ao convenio colectivo do Sector de Oficinas e Despachos da Provincia de Pontevedra (BOPPO 47 – 10/03/2024) coas correspondentes táboas salariais, complementado ata o correspondente SMI, dun/ha TITULADO/A NO GRAO DE DIRECCIÓN E XESTIÓN PÚBLICA.

BASES:

RESOLUCIÓN DE ALCALDÍA:

RESOLUCIÓN ALCALDÍA:

O CONCELLO RECIBE UNHA SUBVENCIÓN DE 16.380,09 EUROS COFINANCIADA POLA UE PARA CONTRATAR UN MOZO BENEFICIARIO DA GARANTÍA XUVENIL COMO PEÓN DE LIMPEZA DURANTE 9 MESES

O Concello de Portas recibiu unha subvención de 16.380,09 euros destinada á contratación de persoas mozas inscritas no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, a través da colaboración con entidades locais, cofinanciadas pola Unión Europea no marco do Programa FSE+Galicia 2021 – 2027.

Neste caso a subvención destinouse a contratar un mozo como peón de limpeza durante 9 meses e esta axuda cubre os gastos equivalente aos custos salariais da persoa traballadora contratada máis a cotización empresarial á Seguridade Social derivada do devandito salario.

O CONSELLEIRO DE CULTURA E O ALCALDE VISITAN AS OBRAS DE MELLORA DA ESCOLA MUNICIPAL DE MÚSICA DE PORTAS NA QUE A XUNTA INVISTE UNS 115.000 EUROS

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, acompañado polo alcalde de Portas, Ricardo Martínez, visitou as obras de mellora da Escola Municipal de Música de Portas, un proxecto para o que a Xunta achegou 115.000€ mediante un convenio co Concello, que ascende en total a 617.000€, e cuxa finalización está prevista para agosto de 2026.

Así, o representante da Xunta indicou que con esta actuación “desde o Goberno galego continuamos respondendo ao compromiso coas administracións locais no que respecta ao mantemento nas mellores condicións dos seus equipamentos culturais”. Deste xeito, tal e como explicou, “con este convenio sumámonos a un proxecto que se destinará a solucionar os problemas de accesibilidade e distribución dos espazos funcionais do edificio, en liña coa Lei de cultura inclusiva e accesible de Galicia”.

Así, a Xunta colabora coa adaptación deste edificio, construído en 1947 no lugar de San Xoán, e que antigamente acolleu unha escola pública, ás necesidades da actividade que actualmente se leva a cabo nas mesmas e “que contribúe á dinamización cultural da localidade”, apuntou López Campos. Neste senso, o proxecto contempla a modificación na organización dos espazos, a mellora nos accesos e a construción dun local anexo ao inmoble destinado a almacén e cuarto de instalacións. Ademais, tamén se pretende optimizar o sistema térmico para ofrecer un servizo axeitado ás persoas usuarias deste equipamento.

Un equipamento máis eficiente

O inmoble que alberga a Escola de Música de Portas está dividido en dúas partes, unha zona anterior dedicadas ás distintas actividades da entidade e outra posterior que se usa habitualmente para ensaios.

Con esta actuación pecharase a zona do porche para un mellor aproveitamento desta área, intervirase no illamento térmico do edificio e procederase a cambiar a estructura da cuberta. Tamén se dotarán as instalacións con mobiliario, equipos informáticos e de imaxe e son.

A AGRUPACIÓN PORTAS-MORAÑA-CAMPO LAMEIRO RECIBE UNHA AXUDA DE 23.130 EUROS PARA A IMPLANTACIÓN DE RECOLLIDAS SEPARADAS DE TEXTIL

A Agrupación Portas-Moraña-Campo Lameiro resultou beneficiaria das axudas destinadas a entidades locais galegas para o financiamento de actuacións en materia de residuos de competencia municipal para a implantación de recollidas separadas de biorresiduos, aceites de cociña usados e téxtiles. Fondos de recuperación e resiliencia na actuación L4 – TEXTIL, cunha axuda concedida de 23.130 euros no procedemento MT975T. Sendo esta unha operación cofinanciada pola Unión Europea, a través do fondo europeo relativo ao Mecanismo de Recuperación e Resiliencia da UE — NextGenerationEU.