PORTAS SEGUE A HOMENAXEAR ÁS MULLERES POLO 8-M: SONIA VÁZQUEZ CARBALLO, COMERCIANTE DE ALIMENTACIÓN

Sonia Vázquez Carballo é veciña de Portas onde vive hai 38 anos. Medrou nunha familia adicada xeración tras xeración ao comercio da alimentación. Tomou o relevo xeracional e segue a exercer como autónoma na coñecida Tenda de Alimentación Sonia.

É unha muller afeccionada á xardinería pero tamén nos comenta que lle gusta moito a cociña e a repostería. Considérase unha muller de carácter máis ben serio, respectuosa coas persoas e veciñanza e tamén moi próxima no trato persoal.

Preguntada pola súa opinión sobre o concello de Portas, Sonia destaca a súa tranquilidade, a calma, un lugar onde non acontecen altercados na vida diaria son cualidades que destaca do seu pobo. Para Sonia o mellor de ser muller é poder ser nai, e non atopa ningunha connotación negativa en ser muller.

Dende que comezou a súa andaina laboral nunca se enfrontou a discriminación laboral por ser muller. Aconsella ás mulleres que comezan a traballar que sexan disciplinadas, que traballen no que lles gusta con moitas gañas e sempre con afán de superación dentro do desempeño do seu labor.

No seu futuro próximo desexa mellorar dirixíndose máis cara ao ramo da alimentación, nestas ideas de futuro está a traballar e vai continuar medrando xunto co Agro de Portas no que tamén traballa conxuntamente co seu marido.

#MulleresdePortas#8M#Empoderamento#PactodeEstado

O CONCELLO DE PORTAS EDITA UN BANDO PARA ADVERTIR DA PROHIBICIÓN DE DEPOSITAR RESIDUOS NON PERMITIDOS NOS CONTEDORES DO LIXO

O alcalde de Portas, Ricardo Martínez, acaba de editar un Bando Municipal advertindo da prohibición de botar residuos non permitidos nos contedores de lixo. Desde hai algún tempo que se veñen detectando na recollida do lixo de residuos non permitidos como entullos de obra, pneumáticos, etc. O mesmo sucede con restos de poda, maleza e broza que tampouco están autorizados.

O Concello de Portas lembra que ten a disposición da veciñanza dun servizo de recollida de voluminosos a domicilio (previa chamada telefónica) polo que non se entende que sigan aparecendo mobles, colchóns, sofás, etc. ao carón dos colectores de lixo.

Por todo isto, o Concello de Portas solicita a colaboración veciñal para un uso correcto do sistema de recollida de lixo.



PORTAS SEGUE A HOMENAXEAR ÁS MULLERES POLO 8-M: SARA VÁZQUEZ ALDREY, ADESTRADORA DE FÚTBOL

Sara Vázquez Aldrey ten 27 anos e sempre viviu no concello de Portas onde desenvolve a súa profesión de adestradora de Fútbol. Dentro da súa preparación académica destaca o Máster especialista en fútbol pola Federación Española e a Universidade Rey Juan Carlos I de Madrid.

Entre as súas afeccións indica que lle gusta ler e viaxar, conxugando estas actividades coa práctica doutros deportes. Sara ten múltiples habilidades, entre elas destaca que é unha muller moi sociable, alegre e constante, pois non para ata conseguir as súas metas, “si ou si, chégase”.

Segundo considera Sara, o mellor de residir en Portas é a facilidade nas comunicacións, a proximidade coa xente e o coñecerse todas e todos. Para esta veciña de Portas ser muller ten todo de bo. As mulleres demostran cada día que en todas as facetas somos iguais aos homes e que o importante é o coñecemento, o desempeño do traballo e a calidade persoal. O peor de ser muller para Sara é que en algunhas ocasións as mulleres non son suficientemente valoradas aínda hoxe en día.

Indica que moitas veces, demasiadas, enfrontouse á discriminación laboral, incluso xa nas etapas formativas. “Se ti queres, podes” é o consello que dá ás mulleres para acadar a igualdade entre mulleres e homes. Asegura que as mulleres deben loitar polo que queren e que deben impedir que nunca nada as pare.

Ás mulleres que comezan a súa vida laboral recoméndalles que non teñan medo a nada, e que si o teñen, non oculten o sufrimento porque si hai que chorar, chórase. Suxírelles que teñan presentes como referentes ás súas nais e avoas, que tanto loitaron, e que como ela cheguen e amosen que o xénero non é todo.

Nos plans futuros de Sara está acadar adestrar a un equipo de fútbol masculino de Primeira División.

#MulleresdePortas#8M#Empoderamento#PactodeEstado

PORTAS SEGUE A HOMENAXEAR ÁS MULLERES POLO 8-M: CONCEPCIÓN MÉNDEZ DOMÍNGUEZ, MESTRA NACIONAL

Concepción Méndez Domínguez “Concha” é mestra nacional, máis exerceu como ama de casa e incluso ás veces de enfermeira. Esta veciña de Portas tamén viviu en Santiago de Compostela e Vigo. Entre as súas afeccións, que non son poucas, podemos destacar: ler, a costura, o teatro, o entroido, cantar, xogar ao fútbol e ensinar o catecismo.

En Concha destaca a súa capacidade de empatía e a inquietude que mantén con máis de 80 anos. Ela sempre percorría Lantaño en vespino, bicicleta ou a pé, coñecendo cada recuncho e sentindo a liberdade de vivir neste concello.

Para ela ser muller é ter a capacidade de sacrificio e de entrega. O peor da experiencia vital dunha muller é sufrir a invisibilidade e a indiferenza polo solo motivo do noso xénero. Concha é unha muller do pobo e neta da primeira alcaldesa galega. Foi nomeada Alcaldesa de Honra na I Festa da Dona o 29 de maio do 2016 por unanimidade a través das distintas asociación do concello de Portas.

Dende cativa, Concha viviu a experiencia da igualdade entre mulleres e homes dentro da súa familia. Aconsella que hai que situar no mesmo plano a mulleres e homes. Tamén di que a formación, o bo carácter, respectar e respectarse, amor ao traballo,… deben ser a folla de ruta, o diario de abordo de toda muller que accede ao mundo laboral.

Considérase amiga dos seus amigos “porque as amizades elíxoas eu e á familia dánola Deus”. Atesoura fermosas vivencias nas que sen pretendelo foi a líder das mozas do seu tempo. A perda do seu fillo e do seu pai fixo efecto nela, máis da súa forza e da súa actividade renaceu unha muller valente.

Concha ten sempre un sorriso para toda a veciñanza e destaca nela que é unha muller moi actual e moderna. Hoxe en día segue aprendendo e posicionándose nas redes sociais. Outras das súas tarefas hoxe en día é ser a mestra das súas netas.

#MulleresdePortas#8M#Empoderamento#PactodeEstado

PORTAS SEGUE A HOMENAXEAR ÁS MULLERES POLO 8-M: MARÍA DEL MAR GONZÁLEZ LOUREIRO, CANTANTE E COMPOSITORA

María del Mar González Loureiro é unha veciña de Portas de 37 anos nada en San Sebastián. A súa profesión é a de cantante e compositora, liderando actualmente o grupo de Folk Contemporáneo Celta “Ancestros”. Mar xa leva moitos anos vivindo en Lantaño. Destaca que cada día desfruta moito a tranquilidade do rural, pois asegura que é un luxo que non ten prezo.

Dentro da súa traxectoria laboral previa á esta etapa comenta que traballou como teleoperadora e na hostalería. Pero o que move a Mar dende sempre é a súa afección a cantar e a escribir. Saber escoitar, traballar en equipo e ser boa observadora son habilidades que destacan en Mar.

Considera que o mellor de ser muller é ter a capacidade de atopar recursos resolutivos en diversas situacións empregando a empatía e a sensibilidade. “Isto é unha capacidade que temos as mulleres pese aos muros, límites e prexuizos cos que nos atopamos ás veces, para acadar o éxito no emprendemento feminino”, asegura.

“Non consintas que os necios fagan cautiva a túa voz” forma parte da letra dunha das súas cancións e a súa proclama para a igualdade entre mulleres e homes.

Mar suxire que engadindo espírito de sacrificio e crendo en nós mesmas poderemos loitar polas nosas metas. Enfocar o teu destino cara ó que che fai sentir ben é determinante para ser boa profesional e, tamén é preciso esquecer as afirmacións negativas que che puideran facer os demais.

Os seus plans próximos consisten en posicionar ao grupo musical Ancestros transmitindo os valores da cultura e as crenzas do noso pobo, para isto precisa o apoio e a aposta decidida das institucións. Outro plan de futuro a longo prazo é poder publicar o seu libro.

Convida á veciñanza de Portas a descubrir o grupo de Folk Contemporáneo Celta Ancestros e sobre todo recomenda que sexan “persoas emprendedoras de soños sen prexuízos”.

#MulleresdePortas#8M#Empoderamento#PactodeEstado

PORTAS SEGUE A HOMENAXEAR ÁS MULLERES POLO 8-M: MARÍA MERCEDES ABUÍN MIRÁS, PROFESORA

María Mercedes Abuín Mirás reside desde sempre na parroquia de Lantaño no concello de Portas, e ten 71 anos de idade. Estudou Maxisterio e exerceu como profesora. A súa paixón é e foi a do ensino, pois sempre foi moi activa nas aulas, motivando ao alumnado e facendo as clases amenas e participativas. Entre as súas afeccións atópase o baile tradicional galego, ler moito e camiñar.

Preguntada sobre que é o que lle gusta máis do concello de Portas, Mercedes confesa que é un lugar tranquilo, non conflitivo, con servizos semellantes ós das cidades e coa grandeza da paisaxe, ríos, monte, praia fluvial e roteiros de sendeirismo.

Para Mercedes Abuín, a maior honra de ser muller é poder ter fillos e o máis duro a superioridade coa que moitos homes aplicaban o “ordeno e mando” sobre a muller. “As mulleres non eran valoradas porque non traían un salario á casa”, asegura.

No maxisterio non tivo que enfrontarse á discriminación laboral, foi directora no Colexio Domingo Fontán de Portas ocupando un cargo moi masculinizado entón. Explica Mercedes que para acadar a igualdade entre mulleres e homes é preciso ter presente sempre que é a igualdade en dereitos e tamén a igualdade en obrigas e que ningunha muller permita xamais nin inxustizas nin humillacións.

Mercedes Abuín recomenda que cando as mulleres se incorporen á vida laboral deben ter presente que o traballo é sagrado, os horarios son para ser cumpridos e que procuren que ninguén as teña que reprender por calquera cousa na que alguén superior teña razón e que hai que render e formarse constantemente. Agora, con 71 anos é feliz cos seus fillos e netos.

#MulleresdePortas#8M#Empoderamento#PactodeEstado

PORTAS SEGUE A HOMENAXEAR ÁS MULLERES POLO 8-M: MARÍA DEL CARMEN LAGO DIZ, MODISTA

María del Carmen Lago Diz ten 78 anos de idade e reside na parroquia de San Xulián de Romai. Carmen é modista de profesión e tivo unha tenda de roupa. Este emprendemento xunto coa casa foron os seus traballos. É unha muller cargada de enerxía e viviu tamén 8 anos en Londres onde se diplomou no estudo o inglés.

Leva 27 anos na Asociación de Mulleres Rurais que preside. Posúe unha grande habilidade para a costura, o deseño e a creación dos traxes das comparsas do entroido. Para Carmen estar ao carón da familia é o mellor de vivir en Portas.

Considera que o mellor de ser muller é poder ser nai e o peor sería que todas as responsabilidades da vida, dende sempre recaen, ou case sempre, nas mulleres. Carmen pensa que non foi discriminada laboralmente e que para acadar a igualdade cre que é preciso cada vez máis formación e que non só debemos defender a igualdade de remuneración a igual traballo, senón que temos que defender que a igual traballo igual valor e igual recoñecemento.

Aposta por unha maior unión entre compañeiras e que se traballe dende o respecto e a responsabilidade como consello para aquelas mulleres que inicien unha nova vida laboral. Os seus plans de futuro son sinxelos: gozar con saúde dos fillos e do seu neto, celebrar o 25 Aniversario da asociación e emprender algunha viaxe.

#MulleresdePortas#8M#Empoderamento#PactodeEstado

A MURGA DOS DO VAL DO LÉREZ E O SON DAS TABERNAS PUXERON A MÚSICA E O BO HUMOR NA CELEBRACIÓN DO ENTROIDO NA AZUCREIRA DE PORTAS

Portas celebrou o entroido aproveitando a música e o bo humor da Murga dos do Val do Lérez e do grupo Son das Tabernas que animaron ao público presente na Azucreira. A xornada lúdica comezou ás 16 horas con obradoiros e inchables para nenos e nenas que brincaron e gozaron ao longo de toda a tarde.

A partir das 19 horas tomou o relevo a música da Murga dos do Val do Lérez que coas súas parodias musicais achegaron ao público presente o seu humor ácido sobre a actualidade dos últimos meses. Como remate final da festa, o grupo Son das Tabernas animaron o resto da xornada na Azucreira de Portas.Pese ao mal tempo, os veciños e veciñas de Portas gozaron un entroido que pouco a pouco vai retomando a súa normalidade despois do parón obrigado da pandemia.

PORTAS SEGUE A HOMENAXEAR ÁS MULLERES POLO 8-M: MARGARITA PAZ RODRÍGUEZ, EX EMPREGADA DO FOGAR

Margarita Paz Rodríguez é unha veciña de Lantaño, parroquia na que reside dende fai 63 anos. Actualmente traballa nas labores do seu fogar e traballou durante moito tempo como empregada do fogar.

Preguntada polas súas afeccións preferidas, Margarita confesa que é moi activa, por exemplo nas actividades da parroquial na Igrexa de S. Pedro de Lantaño. Leva xa 25 anos na directiva do Centro Cultural “Candelas”. Neste centro organizan o entroido, o San Xoán, a festa das Letras Galegas, o Magosto e o Nadal.

Margarita foi nomeada Alcaldesa de Honra na III Festa da Dona o 27 de maio do 2018 por unanimidade a través das distintas asociacións do concello de Portas. O que lle gusta é viaxar, e sobre todo pásao ben ao cociñar para os seus amigos e familiares cando se xuntan.

É unha muller sociable a quen lle gusta falar con todo o mundo, esta relación coa veciñanza do pobo é para ela o mellor de vivir en Portas. Para Margarita o mellor de ser muller é poder ser nai e ser avoa.

Afirma que non atopa nada negativo en ser muller. Non se sentiu nunca discriminada no traballo durante a súa vida e aconsella ás mulleres que loiten polos seus soños e dereitos e que tomen o traballo con cariño, con ánimo de medrar, aprender e superarse para continuar formándose sempre.

Ela sempre quixo ser mestra. Os seus plans agora son viaxar, vivir tranquila coa familia e ir facendo as súas tarefas “ao xeito do corpo”.

#MulleresdePortas#8M#Empoderamento#PactodeEstado

SEGUINDO AS INDICACIÓNS DA FEGAMP, XUNTA E ONGs, O CONCELLO DE PORTAS RECOMENDA QUE SE FAGAN INGRESOS EN CONTAS DE ENTIDADES ESPECIALIZADAS EN ATENCIÓN AOS REFUXIADOS

O Concello de Portas deixará de recoller material para a axuda humanitaria a partir do luns, tal e como indica a Fegamp, Xunta de Galicia, Coordinadora Galega de ONGs, Farmacéuticos Mundi, Médicos del Mundo, UNICEF, Cruz Vermella, Educo, Entreculturas, ACNUR, Axuda en Acción, Movimiento por la Paz, El Desarme y la Libertad e o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade.

Seguindo estas indicacións, recoméndase a calquera persoa que queira doar para socorrer aos refuxiados ucraínos o faga a través das distintas ONGs aquí enumeradas e que dispoñen de páxinas web e sistemas de recollida de fondos a través de internet para lograr unha axuda máis rápida e efectiva sobre o terreo.De tódolos xeitos, desde o Concello de Portas agradecemos a solidariedade e as mostras de colaboración de todas aquelas persoas que se puxeron en contacto con esta administración local.