A XUNTA IMPULSA A EFICIENCIA ENERXÉTICA NOS EDIFICIOS MUNICIPAIS DE PORTAS CO FONDO DE COMPENSACIÓN AMBIENTAL 

A Xunta de Galicia, a través da Vicepresidencia primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo, vén de impulsar a eficiencia enerxética e a iluminación sostible nos edificios municipais do Concello de Portas cunha achega de 29.329 euros ao abeiro do Fondo de Compensación Ambiental (FCA). 

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, supervisou esta mañá, acompañado polo alcalde, Ricardo Martínez, esta actuación, consistente na implantación dunha instalación fotovoltaica nas cubertas da casa consistorial, o centro de saúde e a biblioteca municipal para o autoconsumo enerxético destes inmobles. 

O proxecto impulsouse por parte do Concello de Portas posto que os gastos eléctricos derivados dos edificios municipais eran bastante considerables, polo que precisaba dun sistema de xeración alternativo, que encaixa á perfección no financiamento do FCA, para diminuír estes custos. A iniciativa complementouse coa colocación, na contorna da Rapeira, dun punto interactivo táctil sobre esta instalación solar e outras cuestións das enerxías renovables orientado á concienciación cidadá. 

Deste xeito, o Concello de Portas segue a mellorar as súas infraestruturas e servizos municipais ao abeiro das distintas ordes da Dirección Xeral de Administración Local, que xa lle reportou máis de 430.000 euros nos últimos anos. 

“A cooperación cos concellos é clave na acción de goberno da Xunta e, no caso do Fondo de Compensación Ambiental, ten unha gran importancia para fomentar actuacións de sostibilidade como a desenvolvida en Portas, xa que permitirá reducir a factura enerxética municipal, incrementar as accións de conservación do medio ambiente e minguar a pegada de carbono”, sinalou o representante autonómico. 

Así mesmo, o delegado territorial tamén informou de que o prazo de solicitude do FCA 2022, na súa liña competitiva, permanece aberto ata o vindeiro 25 de febreiro co obxectivo de colaborar cos concellos en accións de protección medioambiental e busca da eficiencia para os servizos municipais. Esta orde, xunto coa liña non competitiva para os municipios que acollen parques eólicos e que se determina segundo a cifra de aeroxeneradores, conta este ano cun orzamento de 11,3 millóns de euros. 

Entre as actuacións que se poden acoller ás axudas do FCA, figuran campañas divulgativas de carácter ambiental, accións de eficiencia enerxética en alumeado público ou dependencias municipais, adquisición de equipamentos eficientes e vehículos eco ou de cero emisións e actuacións que corrixan deterioros ambientais ou impulsen melloras de integración paisaxística. 

MELLORARASE A SEGURIDADE VIAL NA ESTRADA PROVINCIAL EP-8101 ENTRE PORTAS E ROMAI CUN INVESTIMENTO DUNS 609.000 EUROS

O alcalde de Portas, Ricardo Martínez, e o deputado de Infraestruturas, Gregorio Agís, visitaron esta mañá á estrada provincial EP-8101 Portas-Romai na que a Deputación investirá na mellora da súa seguridade viaria un total de 609.950 euros. Renovarase prácticamente a totalidade do firme da estrada, de 4.082 metros de lonxitude. As actuacións, que terán un prazo de execución de seis meses.

Tralas actuacións, a EP-8101 verá adaptadas as súas beirarrúas, ampliándose a da marxe dereita no seu treito final para dotar á marquesiña de autobús existente dunha adecuada zona de espera conectada a un itinerario peonil. Tamén se executará un muro de sostemento da estrada e realizarse unha zona de estacionamento na que os distintos espazos estarán claramente definidos. Así, evitarse o estacionamento de vehículos nas inmediacións de pasos de peóns e peoas e cruces á vez que se mellora a visibilidade.

Para completar as obras, en dúas zonas da EP-8101 instalaranse separadores de carril cada cinco metros que permitirán definir correctamente o espazo para o tráfico peonil nesas zonas. O proxecto comprenderá ademais a implantación de redutores físicos de velocidade e de pasos sobreelevados para mellorar a seguridade viaria das e dos usuarios da máis vulnerables desta estrada provincial. Na mesma liña, replanificarase a sinalización vertical dos límites de velocidade e renovarase a sinalización horizontal.

A PLANTACIÓN DE PORTAMÉRICA DE “UNHA ÁRBORE UNHA ENTRADA” ADIÁNTASE AO SÁBADO 12 DE FEBREIRO EN PORTAS

A reforestación de PORTAMÉRICA finalmente terá lugar o sábado 12 de febreiro ás 11:00 da mañá no Outeiro Grande, en terreos da Comunidade de Montes de Lantaño. Plantaranse 300 pés de 8 especies diferentes de árbores que servirán para compensar as emisións de CO2 xeradas durante a realización do festival, de franxa de protección fronte a incendios e incrementarán a biodiversidade da zona. Ao mesmo tempo, ao ser algunhas delas, especies de froito, poderán ter un aproveitamento sostible por parte da fauna e os veciños do municipio.

Alí recibirás todo o equipo e instrucións necesarias para participar na reforestación.

MÁIS INFORMACIÓN:

https://portamerica.es/unha-entrada-unha-arbore-todo-lo-que-necesitas-saber/?fbclid=IwAR1QcMcXPdZUpACD3lEG9EKFpZ21NdWJ-cvHk52SEjC71nYbfJ4HCODfhiI

O RECINTO DA EMBLEMÁTICA AZUCREIRA DE PORTAS CONVÉRTESE ESTE DOMINGO EN SEDE DO CAMPIONATO PROVINCIAL DE CAMPO A TRAVÉS

O recinto da emblemática Azucreira de Portas convertirase este domingo 13 de febreiro no escenario onde se disputará o Campionato Provincial de Campo a Través correspondente ao programa XOGADE da Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia que foi presentado esta mañá coa presenza do alcalde de Portas, Ricardo Martínez.

Un total de 627 participantes pertencentes a 25 entidades diferentes participarán nesta proba nas diferentes categorías: benxamín, alevín, infantil e cadete. Despois de dous anos de parón debido á pandemia, volve a celebrarse esta competición que estará marcada polo establecido no protocolo FISICOVID.

Faranse saídas por quendas dun máximo de 20 participantes exceptuando na categoría cadete na que haberá unha saída feminina e outra masculina.

As probas comezarán as 10:15 horas coa carreira cadete feminina rematando as 12:30 horas coa carreira benxamín masculina. As distancias serán de 2.300 m. para os cadetes; 1.800 m. para infantís; 1.300 m para alevíns e de 800 m. para benxamíns.

En xogo estará a clasificación para o Campionato Galego que se celebrará o domingo próximo na localidade lucense de Lourenzá. Os dous mellores equipos e os dez mellores individuais de cada categoría e sexo obterán a clasificación para participar na final autonómica.

O CONCELLO E PROTECCIÓN CIVIL DE PORTAS COORDINAN O PERCORRIDO SEGURO QUE REALIZARÁ A CABALGATA DAS SÚAS MAXESTADES OS REIS MAGOS

O mércores 5 de xaneiro a partir das 15:00h as Súas Maxestades Os Reis Magos, percorrerán as parroquias do Concello de Portas facendo o percorrido que se achega e tendo en conta as seguintes condicións:

✔Este Percorrido elaborouse de forma pormenorizada, tendo en conta o tipo de vehiculos participantes e a tipoloxía das rúas polas que discorre.

✔Os Horarios son aproximados, dependendo do fluído da circulación e da climatoloxía.

✔Será obligatorio o uso da máscara e manter a distancia de seguridade.

O APALPADOR REALIZA UNHA VISITA AOS NENOS E MAIORES NO CAMPO DE FÚTBOL DA RAPEIRA DENTRO DAS ACTIVIDADES DE NADAL PREVISTAS DESDE O CONCELLO

O Apalpador visitou a nenos e maiores no campo de fútbol da Rapeira dentro das actividades organizadas polo Concelllo de Portas en colaboración coa Deputación de Pontevedra, así, o pasado venres 24 de decembro, ás 19:00h chegou o Apalpador ao campo de fútbol da Rapeira en Portas acompañado de músicos e títeres.

O Apalpadador, que viaxa co seu burro Río Lor e un grupo de amigos músicos, fixo gozar a nenos/as e maiores cantando, bailando e narrando divertidas historias que recuperan as vellas tradicións do Nadal galego.

OS CONCELLOS DE PORTAS, MORAÑA E CAMPO LAMEIRO INAUGURAN UN SERVIZO DE PUNTO LIMPO MÓBIL AGRUPADO GRAZAS AO QUE A XUNTA DESTINA 90.000 EUROS


A Xunta, a través da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, destinou 90.000 euros para a adquisición dun novo punto limpo móbil que prestará este servizo para o fomento da reciclaxe na agrupación de concellos conformada por Moraña, Portas e Campo Lameiro.


O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, asistiu este mediodía ao acto de entrega e presentación desta infraestrutura medioambiental na Praza do Concello de Moraña xunto ao alcalde anfitrión, José Cela, e os rexedores de Portas e Campo Lameiro, Ricardo Martínez e Carlos Costa.


“Queremos seguir liderando a xestión ordeada e sostible do lixo e por iso estamos a impulsar a dotación de puntos limpos móbiles nos concellos rurais co obxectivo de achegar ao máximo aos cidadáns a posibilidade de que separen axeitadamente os seus residuos”, comentou o representante autonómico.


O punto limpo móbil de Moraña, Portas e Campo Lameiro vai funcionar de xeito itinerante polas súas contornas rurais e incluso urbanas con estancias periódicas, que en principio serán semanais, para que os veciños de cada zona depositen os seus residuos, mellorando as ratios de reciclaxe, impulsando a separación para a súa reutilización e evitando a conformación de vertedoiros incontrolados.


Esta adquisición foi posible grazas á orde de axudas dirixida a entidades locais de Galicia para o financiamento de actuacións en materia de residuos de competencia municipal, cofinanciada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional con cargo ao programa operativo Feder Galicia 2019-2020.

Presentado o cartel de actuacións para o PortAmérica 2022 que se celebrará do 2 ao 4 de xuño en Caldas de Reis e Portas

O festival PortAmérica, que se celebrará os días 2, 3 e 4 de xuño nos municipios de Portas e Caldas de Reis, confirmou a Lori Meyers, Coque Malla, Delaporte, Rozalén ou Andrés Suárez, entre outros, para o seu cartel de 2022. Amparanoia, Arde Bogotá, A Randeeira Asasina, A A Love You, Mikel Erentxun, Muchachito Bombo Inferno, Natalia Lacunza, Queralt Lahoz ou Viva Suecia tamén soarán neste festival.

Os galegos Baiuca, Dani, Fon Román, Grande Amore, Igloo e vos esquimós do Salnés e Víctor Coyote figuran neste primeiro avance, que completan, chegados do outro lado do Atlántico, os peruanos Dengue Dengue Dengue, a arxentinos Cápsula ou os mexicanos Serbia.

PortAmérica recuperará ademais este ano o seu aclamado espazo gastronómico que, baixo o nome de ShowRocking, reunirá a numerosos cociñeiros de gran prestixio, moitos deles con Estrela Michelin nos seus restaurantes, capitaneados polo galego Pepe Solla. Así, entre os chef que ofrecerán as súas creacións culinarias ao público do festival estarán Andoni Luís Aduriz ( Mugaritz), Anxo León ( Aponiente), Begoña Rodrigo (A Salita), Diego Guerrero ( Dstage), *Édgar Núñez ( Sud777, México), Eneko Atxa ( Azurmendi) ou Maca de Castro.

A eles sumaranse Artur Martínez, Benito Gómez, Dani López, David Abalo, David García, Diego López, Francis Paniego, Gonzalo García, Juan Carlos Perret, Juanjo Pérez, Marcos Morán, Roberto Ruiz, Rodrigo G. Fonseca e Nagore Irazuegi, Vicky Sevilla, Xanty Elías e Yolanda León.

As entradas compradas para a edición de 2020, que foi cancelada polo COVID, serán válidas para estas novas datas e os novos abonos, que teñen un prezo de 65 euros, xa están á venda.

A edición de 2021 celebrouse en outubro en Portas, pero tampouco puido desenvolverse por completo debido ao mal tempo, que cancelou a segunda parte dos concertos.

PAPÁ NOEL VISITA O CONCELLO DE PORTAS E DETENSE NAS ESCOLAS UNITARIAS DE LANTAÑO E ROMAI, VISITA A GALIÑA AZUL, O COLEXIO DOMINGO FONTÁN E O CENTRO DE DÍA

O Concello de Portas colaborou novamente con Papá Noel no seu habitual periplo que o levou a visitar aos nenos e nenas das escolas unitarias de Lantaño e Romai, Escola Infantill, ao colexio CPI Domingo Fontán e tamén aos usuarios do Centro de Día da Portas, a quen lles deixou un pequeno agarimo, moita ilusión e tomou boa nota dos desexos para a noite do 24 de decembro.
Foi unha experiencia máxica para todos e todas e axudo a manter activo o espírito e a ilusión polo Nadal entre os máis cativos e tamén os nosos maiores.
Gozade do Nadal con #sentidiño.

O CONCELLO DE PORTAS MELLORA A ACCESIBILIDADE DO CAMIÑO MOURIGÁN-COSTA, EN ROMAI, CUN INVESTIMENTO DUNS 30.000 EUROS

O alcalde de Portas, Ricardo Martínez, inspeccionou os traballos de ensanche e mellora do camiño Mourigán-Costa, na parroquia de Romai, que vai permitir unha mellor accesibilidade de vehículos de maior porte e de emerxencias ao tempo que facilitará a vertebración viaria interior do municipio para o tráfico ordinario e doméstico.

O Concello de Portas destina a esta obra uns 30.000 euros procedentes das baixas logradas nos concursos públicos do Plan Concellos xestionados ao longo do ano 2020 e que contaron coa colaboración económica da Deputación Provincial.

Ricardo Martínez agradeceu a colaboración veciñal a través da cesión de terreo co fin de permitir que esta obra se pudera levar a cabo coa maior intervención posible co fin de favorecer o paso por este vial de vehículos de maior porte así como os de emerxencia en caso de que fora necesario.

As obras consisten no ensanche do camiño actual a través da realización dun desbroce previo do terreo, demolición de fábrica  de mampostería executada en seco, eliminación dun muro de formigón armado de ata 30 cms. de espesor con medios mecánicos, excavación e acopio de material seleccionado, apertura de caixa para posterior construción de firme de cantería autorizada, tipo pedra en rama ou cachote, limpo, cribado e de granulometría uniforme.

A actuación contempla a colocación mampostería de pedra granítica en muros e obras de contención ou sostemento en fuste e zapatas con acabado rústico na cara vista construído a base de pedra granítica en bloque de peso superior aos 750 Kg/ud. cada bloque. Tamén se prevé o tratamento bituminoso da calzada e un firme a base de aglomerado en quente tipo D-12 de 5 cms. de espesor, medido unha vez extendido e compactado, incluso rega de adherencia con 1 Kg. De emulsión tipo ECR-2.

Segundo manifestou o alcalde Ricardo Martínez “esta mellora permitirá que os veciños que residen nesta zona teñan poidan acceder ás súas vivendas nos seus vehículos con maior seguridade e tranquilidade, ademais tamén os viandantes poderán utilizar este vial con maior comodidade xa que ao ser máis ancho goza de maiores medidas de seguridade viaria. Tamén, en caso de ser necesario, o camiño é máis operativo para o uso de vehículos de gran porte e de emerxencias. Ao mesmo tempo permitirá unha mellor vertebración nas vías de comunicación interior da parroquia de Romai”, sinalou o alcalde.