Presentado o Rallymix que se disputará no municipio de Portas durante a fin de semana entre o 27 e 28 de novembro

O I RallyMix de Portas foi presentado esta mañá na Azucreira coa presenza do alcalde Ricardo Martínez Chantada, o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luís López Diéguez, os concelleiros Alfonso Vázquez e María Jesús Fontán así como representantes da escudería Viva Eventos Deportivos, organizadora da proba.

O representante autonómico, acompañado do alcalde, Ricardo Martínez, e de membros da organización e doutros organismos colaboradores, considerou que a celebración desta proba, na fin de semana do 27 e 28 de novembro, “é unha satisfacción e un avance máis na recuperación da nosa vida social, deportiva e cultural, pero debemos seguir estando alerta e extremando as precaucións e a seguridade sanitaria pola situación epidemiolóxica das últimas semanas cos contaxios da covid-19 en alza”.

Esta proba do Campionato Galego de RallyMix conta co apoio e a colaboración da Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia e do Xacobeo 21-22, será definitoria do podio definitivo do campionato galego xa que se chega a Portas cunha igualdade total nos postos de cabeza.

800 RAPACES E RAPAZAS NUN CAMPIONATO ESCOLAR

Por outra banda, esta mañá celebrouse nas inmediacións da Azucreira a disputa do Campionato Escolar Zonal de Campo a Través, do programa Xogade da Fundación Deporte Galego da Xunta de Galicia, que trouxo ata Portas a preto de 800 rapaces e rapazas de centros educativos dos arredores como Cambados, Barro, Moraña, etc.

O CONCELLO, EN COLABORACIÓN CO C.P.I. DOMINGO FONTÁN, LEVARÁ A CABO ACTIVIDADES A PROL DA IGUALDADE CON MOTIVO DA CELEBRACIÓN DO 25-N

25 DE NOVEMBRO- DÍA INTERNACIONAL CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO

Con motivo da conmemoración do 25 de novembro, Día internacional contra a Violencia de Xénero, o Concello de Portas en colaboración co Colexio C.P.I. Domingo Fontán, vai levar a cabo actividades dirixidas a asentar as bases da igualdade e o empoderamento destinadas a todo o alumnado neste mes de novembro, ao abeiro das medidas sinaladas no Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero, financiado con cargo aos créditos recibidos do Ministerio de Igualdade, Secretaría do Estado de Igualdade e contra a Violencia de Xénero.

O CONCELLO DE PORTAS SÚMASE ÁS ACTIVIDADES DE CONMEMORACIÓN DO DÍA INTERNACIONAL SEN ALCOL

Hoxe, 15 de Novembro, conmemórase en todo o mundo o Día Mundial sen alcol. Esta data foi instaurada pola OMS co obxectivo de concienciar á poboación sobre os graves efectos que conleva o consumo abusivo de alcol na idade adulta e calquer consumo en menores de idade.

Como medida de apoio das campaña de sensibilización da OMS no Día Mundial sen alcol 2021, dende o Proxecto de prevención das condutas adictivas no eido local de Cuntis, Barro, Campo Lameiro, Moraña e Portas, promóvese a campaña ALCOL “MENOS É MÁIS”; a través da cal, preténdese sensibilizar á poboación xeral, e particularmente á xuventude, sobre as serias repercusións do alcol na saúde física, mental e social das persoas.

#ALCOLMENOSÉMÁIS

ANDREA POUSA ESTARA NO AUDITORIO DA AZUCREIRA O VINDEIRO DOMINGO 28 DE NOVEMBRO DENTRO DA PROGRAMACIÓN DO MUSIGAL

A cantante galega Andrea Pousa actuará o vindeiro domingo 28 de novembro no Auditorio da Azucreira de Portas a partir das 19:00h. Para asistir a este concerto a entrada será gratuíta, pero para asistir a este vento cultural e musical os interesados deberán anotarse no Concello de Portas ou ben nos teléfonos 986 53 61 61(ext. 5) ou 986 53 69 25.

Andrea Pousa chega ao Auditorio da Azucreira de Portas a través do programa cultural Musigal que patrocina a Deputación de Pontevedra.

O CONCELLO DE PORTAS DESÉXALLE AOS MÁIS PEQUENOS DA CASA QUE TEÑAN UNHA BOA CELEBRACIÓN DO SAMAÍN E RECUPEREN AS VELLAS TRADICIÓNS QUE TEMOS COMO POBO

O Concello de Portas deséxalle aos máis cativos do municipio que pasen un bo día de Samaín, unha celebración con fondas raíces celta que vén representando o cambio de estación e que chega a nós dentro dun cambio de tempo metereolóxico importante. O Samaín entronca coa tradición dos nosos ancestros mesturada de ritos paganos e druídas que agora, no século XXI colle novos folgos e xeitos de festexala.Bo Samaín desde o Concello de Portas.

COMEZA A COLOCACIÓN DE MARCOS DOS PREDIOS DE SUBSTITUCIÓN NA CONCENTRACIÓN PARCELARIA QUE SE LEVA A CABO NA PARROQUIA DE BRIALLOS

A Consellería de Medio Rural informa ás persoas interesadas na concentración parcelaria da zona de Briallos (Portas) que se van a realizar os traballos de colocación dos marcos dos novos predios de substitución.

Para realizar estes traballos as empresas encargadas deberán acceder aos terreos polo que se agradece a máxima colaboración da veciñanza nestas tarefas.

Os responsables da Consellería recordan a obriga de respectar os marcos colocados e poñen a disposición da veciñanza os seguintes teléfonos de información e contacto: 986 80 54 07 e 986 80 54 40.

“BARRIGA VERDE” DE VIRAVOLTA TÍTERES ACTUOU PARA ALUMNOS DO COLEXIO DOMINGO FONTÁN A TRAVÉS DO PROGRAMA “TORNAR ÁS TÁBOAS” DA DEPUTACIÓN

O Auditorio municipal da Azucreira de Portas serviu de escenario para a actuación de “Barriga Verde”, de Viravolta Títeres que chegaron ata o noso municipio a ravés do programa “Tornar ás táboas” da Deputación de Pontevedra. Este coñecido grupo de marionetas actuou para alumnos e alumnas de 5º e 6º de primaria do CPI Domingo Fontán.

Entre os asistentes a esta representación se atopaba a deputada delegada de Cultura, Victoria Alonso, acompañada polas concelleiras do Concello de Portas Mª Jesús Fontán e Ana María Peña.

A obra mestura a tradición do títere galego coa europea recollendo cinco situacións que “Barriga Verde” en compañía da súa cachiporra, resolve dun xeito que incomoda ao Demo ao ver o seu inferno cheo de personaxes que non lle son gratos.

O espectáculo está baseado na investigación que a compañía fixo sobre a figura de “Barriga Verde” e o títere tradicional galego.

A CANTANTE GALEGA ANDREA POUSA ACTUARÁ O VINDEIRO 28 DE NOVEMBRO NO AUDITORIO MUNICIPAL DA AZUCREIRA A TRAVÉS DO PROGRAMA PROVINCIAL MUSIGAL

O Auditorio da Azucreira de Portas acolle a actuación da cantante Andrea Pousa o vindeiro domingo 28 de novembro a partir das 19 horas da tarde.
Esta actuación chega ao Concello de Portas a través do programa Musigal que patrocina a Deputación Provincial de Pontevedra.
Para poder asistir ao concerto haberá que recoller unha entrada gratuíta no Concello de Portas ou ben reservando nos teléfonos 986 53 61 61(ext. 5) ou 986 53 69 25 ata agotar aforo.

O CONCELLO DE PORTAS ORGANIZA UNHA EXCURSIÓN CULTURAL A LALÍN PARA VECIÑOS DO MUNICIPIO CON DEREITO A XANTAR UN COCIDO OU MENÚ ALTERNATIVO

O Concello de Portas organiza unha excursión cultural a Lalín para o vindeiro domingo 7 de novembro. A hora de saída será ás 9:30 horas da mañá desde o pavillón municipal de Portas. Para anotarse ou obter máis información deben dirixirse ao Concello de Portas ou chamar aos teléfonos 986 53 61 61 (extensión 5) ou 986 53 69 25.

O prezo por participante será de 20 euros que dá opción a autobús, guía, entrada na “Casa do Patrón”, misa no Santuario Nosa Señora do Corpiño, comida (cocido con opción a outro menú), seguro, etc.