O CONSISTORIO DE PORTAS ACOLLE UNHA EXPOSICIÓN FOTOGRÁFICA DE ADOLFO ENRÍQUEZ COA GASTRONOMÍA DO CAMIÑO PORTUGUÉS COMO FÍO CONDUTOR DA MOSTRA

O Salón de Plenos da Casa Consistorial do Concello de Portas acolle ata o 15 de xullo unha exposición de 23 fotografías realizadas polo artista gráfico Adolfo Enríquez e obtidas nos eventos gastronómicos celebrados no Camiño Portugués da Costa durante o pasado mes de maio.

A exposición está conformada por 23 fotografías obtidas no transcurso do proxecto “saborEarte” que se centrou en presentar a gastronomía local como recurso de alto valor para a promoción turística. Fíxose a través de mostras de cociña, nas que os produtos de proximidade de cada un dos cinco destinos escollidos, foron os protagonistas.

Agora, a exposición ‘saborEarte’ ofrece a oportunidade de coñecer non só os pratos rematados, senón tamén algunhas instantáneas das xornadas gastronómicas do proxecto que, debido á situación sanitaria, tiveron que celebrarse con aforo pechado e convite previo.

Os eventos ‘saborEarte’ arrincaban o pasado 30 de abril, con citas semanais que percorreron os concellos do Rosal, Soutomaior, Portas, Pontecesures e Padrón. A exposición fotográfica retorna agora aos concellos anfitrións do proxecto, aos que se sumará unha última cita en Santiago de Compostela.

A fin de redundar no valor promocional da fotografía gastronómica, tanto as imaxes seleccionadas para a exposición coma outras realizadas durante os eventos ‘saborEarte’, serán postas a disposición de todos os usuarios na web www.saboreartenocamino.com para a súa descarga e libre utilización.

Pola súa banda, o alcalde de Portas, Ricardo Martínez, salientou non so a calidade gráfica e expresiva das fotografías que compoñen esta exposición senón tamén a súa plasticidade. “Certo é que casi se pode apreciar mesmo o arrecendo dos platos e das distintas ofertas gastronómicas que presenta o noso Camiño Xacobeo e que formaron parte dese proxecto innovador coñecido como “saborEarte” do que Portas foi un espazo con identidade propia e tivo un protagonismo especial e que agora volve recuncar con esta mostra que poderá ser visitada no Salón de Plenos ata o 15 de xullo”, indicou o rexedor.

PORTAS BENEFÍCIASE DO SERVIZO DE ATENCIÓN TEMPERÁ, FINANCIADO POLO FSE GALICIA 2014-2020

Servizo de Atención Temperá

Programa Operativo FSE Galicia 2014-2020

“O FSE inviste no teu futuro”

SERVIZO DE ATENCIÓN TEMPERÁ

Agrupación dos concellos de Cuntis, Barro, Caldas de Reis, Catoira, Moraña e Portas

As subvencións ás entidades locais para a prestación de servizos no marco da Rede galega da atención temperá están cofinanciadas pola Unión Europea no marco do Programa Operativo FSE Galicia 2014-2020. O obxectivo (O.T.9) é promover a igualdade, a saúde e a inclusión social mediante un conxunto de intervencións dirixidas á poboación infantil de 0 a 6 anos con trastornos do desenvolvemento ou en risco de padecelos, a súa familia e contorno, co fin de facilitar a súa autonomía persoal e a dita inclusión.

O CONCELLO SEGUE POLA SENDA DA EFICIENCIA ENERXÉTICA CUN NOVO INVESTIMENTO EN CADROS E LUCES LED

O Concello de Portas segue pola senda de modernización e mellora da eficiencia enerxética coa renovación da iluminación exterior e do alumeado público do municipio a través dun convenio asinado co Instituto para a Diversificación e Aforro a Enerxía (IDAE) e a Deputación de Pontevedra que permitirá investir 90.586,11 euros na rede lumínica local.

Este investimento afróntase a través da financiación do 80% por parte do IDAE, outro 10% pola Deputación de Pontevedra e o 10% restante polo Concello en virtude do acordo que permite avanzar pola senda da eficiencia enerxética e a diminución da contaminación no municipio de Portas co obxectivo de chegar aos compromisos do Pacto das Alcaldías polo Clima e as Enerxías Sostibles (PACES) para o ano 2030.

Pola súa banda, o Concello de Portas afronta tamén, con fondos propios, o cambio de 5 cadros eléctricos para adaptalos ao Regulamento Electrotécnico de Baixa Tensión da Unión Europea e cumprir tamén deste xeito coa normativa da UE neste tipo de instalacións que garanten unha importante eficiencia enerxética. O orzamento total que ten que destinar o Concello para realizar a modernización destes cadros é de 12.773,59 euros.

RENOVACIÓN DAS INSTALACIÓNS DE ILUMINACIÓN EXTERIOR

As liñas xerais de actuación a realizar nas instalacións de iluminación pública exterior do municipio contemplan o desmonte e substitución de luminarias completas existentes por outras de tecnoloxía LED con regulación para reducir o fluxo  lumínico nas horas de menor uso, segundo as especificacións que se establecen ao longo do proxecto.

Tamén se procederá á instalación de  interruptores astronómicos e proteccións contra  sobretensión en cadros de mando que o requiran, desmonte e substitución de proxectores existentes por outros de tecnoloxía LED, reforma e adaptación de cadros de mando que teñen algún tipo de deficiencia ou incumprimento co  REBT.

O alcalde de Portas, Ricardo Martínez sinalou que “estamos adiantándonos ao futuro e facendo todo o posible por optimizar o alumeado público ao tempo que o modernizamos para conseguir máis eficiencia cun menor consumo e, polo tanto, cun menor gasto para os veciños e veciñas do municipio que, con estas melloras, disporán dunha mellor e máis moderna rede de alumeado público abaratando no posible o recibo que as eléctricas nos pasan por manter este servizo na amplia e variada rede de camiños que existen no concello”, indicou o rexedor.

Uns 300 scouts de varios países de Europa elixen a Azucreira de Portas para acampar na súa ruta xacobea a Santiago

O alcalde de Portas, Ricardo Martínez, mantivo unha xuntanza de traballo con membros da Asociación Francesa de Guías e Scouts de Europa que teñen previsto realizar unha peregrinaxe a Santiago polo Camiño Portugués cuns 300 mozos e mozas provintes de Francia, Alemania, España, Italia, Polonia, Suíza e Bélxica e que elixiron a Azucreira como lugar para realizar unha acampada no seu periplo xacobeo.

Ricardo Martínez comprometeu a colaboración do Concello de Portas neste evento que terá como protagonistas a 300 mozos e mozas de varios países de Europa baixo o movemento Scout e que emprenderán por estapas o Camiño Portugués a Santiago entre o 26 e o 31 de xullo.

O Concello de Portas colaborará con esta iniciativa xuvenil europea acondicionando un espazo anexo á Azucreira para que os excursionistas poidan montar as súas tendas de campaña, facilitaráselles enerxía eléctrica, auga corrente e mesmo se lle habilitarán as duchas das instalacións anexas co fin de que os participantes nesta peregrinaxe teñan posibilidades de acceder ás mínimas condicións hixiénicas.

Ricardo Martínez agradeceu que esta peregrinaxe europea xuvenil pensara en Portas para facer unha das súas estadías e significou diante dos organizadores “a vocación xacobea do noso concello que ten un albergue de peregrinos recentemente distinguido coa Q de Calidade e que ten gran demanda entre os camiñantes que se achegan a Santiago pola ruta portuguesa. Ademais, estamos tendo moita demanda non so do servizo de alberguería senón que tamén a novo estacionamento para autocaravanas que a estas alturas da temporada está sendo moi utilizada por persoas que se van achegando a Galicia para cumprir coa experencia xacobea”.

“Portas é un concello aberto e acolledor moi involucrado no movemento xacobeo e o feito de que este grupo scout francés pensara en nós para esta iniciativa xuvenil europea énchenos de satisfación polo que representa de movemento cultural, económico e turístico para o noso municipio”, concluíu o alcalde Ricardo Martínez.

I CAMPUS DE TECNIFICACIÓN DE FÚTBOL EN PORTAS PARA NENAS E NENOS DE 4 A 14 ANOS

O C.D. Portas organiza o I Campus de Tecnificación, do 5 ao 9 de xullo no campo de fútbol da Rapeira, para nenas e nenos con idades comprendidas entre 4 e 14 anos. As prazas son limitadas e a data límite de inscrición remata o 25 de xuño. Para informarse e inscribirse haise que dirixir ao teléfono 679 444 706.

O Campus, que estará coordinado por Manu Campos, celebrarase a través de grupos moi reducidos en horario de 9 a 14 horas e haberá ademáis de preparador físico, un adestrador específico para porteiros. O prezo por inscrición é de 80 euros, no caso de ter un segundo irmán, a tarifa baixaría a 60 euros. Os xogadores do C.D. Portas é de 70 euros e o segundo irmá de 50 euros.

A inscrición neste Campus inclúe seguro de responsabilidade civil, pequeño almorzo a media mañá, diploma acreditativo por instructores de fútbol base titulados pola Real Federación Española de Fútbol (RFEF) e camiseta de regalo.

Haberá autobuses sen custe adicional de ida e volta desde A Xunqueira, Pontevedra, con saída ás 8:40 horas e chegada ás 14:20 horas.

O CONCELLO ACOMETE A MELLORA DOS CAMIÑOS EN CACHAL (LANTAÑO) A TRAVÉS DO PLAN MARCO DA XUNTA

O Concello de Portas acometerá en breve a mellora de camiños en Cachal (Lantaño) a través do Plan Marco impulsado pola Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader) como instrumento básico de actuación da Xunta de Galicia no fomento e a coordinación do territorio rural galego para mellorar as condicións de vida e contribuír a frear o seu despoboamento.

Estas obras de mellora saíron a contratación por un prezo de licitación de 51.551,98 euros e foron adxudicadas á empresa Covsa por un importe total de 37.565,93 euros ao ser a oferta máis acaída ao pliego de condicións. Un total de 11 empresas concursaron neste proceso que permite abaratar dun xeito substancial o custe total das obras con respecto ao orzamentado.

Os traballos que se acometerán agora nos camiños en Cachal, na parroquia de Lantaño, enmárcanse dentro do obxectivo xenérico destinado a reforzar o tecido social e a mellorar a capacidade organizativa das áreas rurais, así como a dinamizar o tecido produtivo e fixar poboación ao tempo que se poñen en marcha obras para conservar e mellorar as infraestruturas rurais.

A intención do Concello de Portas é mellorar estas infraestruturas rurais porque xeran cohesión social e territorial, melloran as condicións de vida e traballo no medio rural. Así, estes camiños rurais que se van a mellorar en Cachal facilitan a accesibilidade e vertebran interiormente o territorio e, por outra banda, contribúen ao aumento da competitividade agraria e forestal, xa que facilitan o tránsito de maquinaria ás explotacións agrarias, o que redunda nunha maior axilidade das operacións agrarias.

Segundo o alcalde, Ricardo Martínez, “a colaboración da Xunta na acometida destas obras é fundamental para que concellos como o noso poidan resolver problemas de mantemento e de conectividade interior no municipio favorecendo a mellora da calidade de vida dos veciños e veciñas do rural con infraestruturas e viais de comunicación á altura das nosas necesidades”.

INFÓRMATE SOBRE NOVOS CURSOS DE TIC EMPRENDES-O TEU RURAL TEN FUTURO QUE ORGANIZA A DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA

A Deputación de Pontevedra pona á túa disposición o programa TIC EMPRENDES-O TEU RURAL TEN FUTURO co que os mozos e mozas de 16 a 30 anos poden acceder a un curso en formato virtual (horario de 9 a 14 horas de luns a venres); excepto “Guía de itinerarios ao aire libre” e “Operario de xestión loxística e dixital de almacén (con módulo de carretillero)” , xa que estes cursos realízanse en modalidade mixta con sesións presenciais que contarán con bolsa por día de desprazamento.

Anímate a participar. Para máis información diríxete aos teléfonos: 886 217 320/ 986 804 100 (extensión 47320).

CONSULTA A WEB DA DEPUTACIÓN:

https://www.depo.gal/es/tic-emprendes

O CONCELLO DE PORTAS PON EN MARCHA UNHA NOVA WEB PARA SERVIR DE CANLE DE COMUNICACIÓN COS VECIÑOS E DE PROMOCIÓN TURÍSTICA DO MUNICIPIO

O Concello de Portas acaba de facer pública a súa nova páxina web (www.portas.gal), unha ferramenta dixital para revitaliza-la economía local fronte a crise derivada da Covid-19 ao mesmo tempo que procura impulsar iniciativas a prol do turismo aproveitando o Ano Xacobeo e o paso do Camiño Portugués a Santiago polo municipio.

A nova web, ademais de favorece-lo acceso á información por parte da veciñanza e impulsa-los atractivos turísticos que presenta o concello a través das súas rutas de sendeirismo, patrimonio etnográfico, establecementos de turismo rural, paisaxes, historia, etc., implementa un acceso especialmente orientado a dar maior visibilidade aos establecementos comerciais e servizos de hostalería existentes no municipio ao tempo que se pon a disposición dos visitantes notas históricas relacionados con personaxes vencellados co concello como o cartógrafo e matemático ilustrado Domingo Fontán ou mesmo Concepción Pérez Iglesias, a primeira alcaldesa de Galicia e unha das pioneiras en España en ocupar ese cargo de representación.

Desde a páxina web tamén se poderá acceder á sede electrónica do Concello coa intención de que sexa máis doado e sinxelo facer calquera tipo de trámite administrativo desde este mesmo lugar de internet.

A web entre o seu contido recolle un apartado adicado a cada parroquia e nace como un proxecto vivo e aberto á colaboración e aportación veciñal para enriquecer todos e cada un dos seus apartados e incluso se poderán incluír todos aqueles que a propia veciñanza vaia considerando ao contar cun formato adaptable ás necesidades que se lle vaian demandando a este sitio de internet.

O Concello agradece a tódalas persoas que colaboraron con esta páxina coa recopilación de información e aporte gráfico, especialmente á Comunidade de Montes de Lantaño, ao portal e blog “Historiadeportas.wordpress.com” e a veciños como José Ramón Moure e Elicio Mandallo, entre outros.

ABERTO O PRAZO ATA O 21 DE XUÑO PARA SOLICITAR AUTORIZACIÓN PARA FACER FOGUEIRAS DE SAN XOÁN EN FINCAS PRIVADAS

O Concello de Portas abre o prazo ata o 21 de xuño para poder solicitar permiso para facer fogueiras de San Xoán en fincas privadas. Os interesados deberán presentar unha instancia no Concello de Portas e achegar o DNI da persoa responsable xunto coa referencia catastral da finca onde se vai realizar a cacharela.

Este ano, por mor da Covid-19, as fogueiras de San Xoán só se poderán facer en terreos privados xa que está prohibido que se poidan realizar en espazos públicos.

Será imprescindible que se cumpran as medidas de seguridade para evitar incendios como sanitarias respectando en todo momento as indicacións aprobadas polas autoridades sanitarias en canto a aforo e medidas de autoprotección como a utilización de máscaras.