Uns 300 scouts de varios países de Europa elixen a Azucreira de Portas para acampar na súa ruta xacobea a Santiago

O alcalde de Portas, Ricardo Martínez, mantivo unha xuntanza de traballo con membros da Asociación Francesa de Guías e Scouts de Europa que teñen previsto realizar unha peregrinaxe a Santiago polo Camiño Portugués cuns 300 mozos e mozas provintes de Francia, Alemania, España, Italia, Polonia, Suíza e Bélxica e que elixiron a Azucreira como lugar para realizar unha acampada no seu periplo xacobeo.

Ricardo Martínez comprometeu a colaboración do Concello de Portas neste evento que terá como protagonistas a 300 mozos e mozas de varios países de Europa baixo o movemento Scout e que emprenderán por estapas o Camiño Portugués a Santiago entre o 26 e o 31 de xullo.

O Concello de Portas colaborará con esta iniciativa xuvenil europea acondicionando un espazo anexo á Azucreira para que os excursionistas poidan montar as súas tendas de campaña, facilitaráselles enerxía eléctrica, auga corrente e mesmo se lle habilitarán as duchas das instalacións anexas co fin de que os participantes nesta peregrinaxe teñan posibilidades de acceder ás mínimas condicións hixiénicas.

Ricardo Martínez agradeceu que esta peregrinaxe europea xuvenil pensara en Portas para facer unha das súas estadías e significou diante dos organizadores “a vocación xacobea do noso concello que ten un albergue de peregrinos recentemente distinguido coa Q de Calidade e que ten gran demanda entre os camiñantes que se achegan a Santiago pola ruta portuguesa. Ademais, estamos tendo moita demanda non so do servizo de alberguería senón que tamén a novo estacionamento para autocaravanas que a estas alturas da temporada está sendo moi utilizada por persoas que se van achegando a Galicia para cumprir coa experencia xacobea”.

“Portas é un concello aberto e acolledor moi involucrado no movemento xacobeo e o feito de que este grupo scout francés pensara en nós para esta iniciativa xuvenil europea énchenos de satisfación polo que representa de movemento cultural, económico e turístico para o noso municipio”, concluíu o alcalde Ricardo Martínez.

I CAMPUS DE TECNIFICACIÓN DE FÚTBOL EN PORTAS PARA NENAS E NENOS DE 4 A 14 ANOS

O C.D. Portas organiza o I Campus de Tecnificación, do 5 ao 9 de xullo no campo de fútbol da Rapeira, para nenas e nenos con idades comprendidas entre 4 e 14 anos. As prazas son limitadas e a data límite de inscrición remata o 25 de xuño. Para informarse e inscribirse haise que dirixir ao teléfono 679 444 706.

O Campus, que estará coordinado por Manu Campos, celebrarase a través de grupos moi reducidos en horario de 9 a 14 horas e haberá ademáis de preparador físico, un adestrador específico para porteiros. O prezo por inscrición é de 80 euros, no caso de ter un segundo irmán, a tarifa baixaría a 60 euros. Os xogadores do C.D. Portas é de 70 euros e o segundo irmá de 50 euros.

A inscrición neste Campus inclúe seguro de responsabilidade civil, pequeño almorzo a media mañá, diploma acreditativo por instructores de fútbol base titulados pola Real Federación Española de Fútbol (RFEF) e camiseta de regalo.

Haberá autobuses sen custe adicional de ida e volta desde A Xunqueira, Pontevedra, con saída ás 8:40 horas e chegada ás 14:20 horas.

O CONCELLO ACOMETE A MELLORA DOS CAMIÑOS EN CACHAL (LANTAÑO) A TRAVÉS DO PLAN MARCO DA XUNTA

O Concello de Portas acometerá en breve a mellora de camiños en Cachal (Lantaño) a través do Plan Marco impulsado pola Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader) como instrumento básico de actuación da Xunta de Galicia no fomento e a coordinación do territorio rural galego para mellorar as condicións de vida e contribuír a frear o seu despoboamento.

Estas obras de mellora saíron a contratación por un prezo de licitación de 51.551,98 euros e foron adxudicadas á empresa Covsa por un importe total de 37.565,93 euros ao ser a oferta máis acaída ao pliego de condicións. Un total de 11 empresas concursaron neste proceso que permite abaratar dun xeito substancial o custe total das obras con respecto ao orzamentado.

Os traballos que se acometerán agora nos camiños en Cachal, na parroquia de Lantaño, enmárcanse dentro do obxectivo xenérico destinado a reforzar o tecido social e a mellorar a capacidade organizativa das áreas rurais, así como a dinamizar o tecido produtivo e fixar poboación ao tempo que se poñen en marcha obras para conservar e mellorar as infraestruturas rurais.

A intención do Concello de Portas é mellorar estas infraestruturas rurais porque xeran cohesión social e territorial, melloran as condicións de vida e traballo no medio rural. Así, estes camiños rurais que se van a mellorar en Cachal facilitan a accesibilidade e vertebran interiormente o territorio e, por outra banda, contribúen ao aumento da competitividade agraria e forestal, xa que facilitan o tránsito de maquinaria ás explotacións agrarias, o que redunda nunha maior axilidade das operacións agrarias.

Segundo o alcalde, Ricardo Martínez, “a colaboración da Xunta na acometida destas obras é fundamental para que concellos como o noso poidan resolver problemas de mantemento e de conectividade interior no municipio favorecendo a mellora da calidade de vida dos veciños e veciñas do rural con infraestruturas e viais de comunicación á altura das nosas necesidades”.

INFÓRMATE SOBRE NOVOS CURSOS DE TIC EMPRENDES-O TEU RURAL TEN FUTURO QUE ORGANIZA A DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA

A Deputación de Pontevedra pona á túa disposición o programa TIC EMPRENDES-O TEU RURAL TEN FUTURO co que os mozos e mozas de 16 a 30 anos poden acceder a un curso en formato virtual (horario de 9 a 14 horas de luns a venres); excepto “Guía de itinerarios ao aire libre” e “Operario de xestión loxística e dixital de almacén (con módulo de carretillero)” , xa que estes cursos realízanse en modalidade mixta con sesións presenciais que contarán con bolsa por día de desprazamento.

Anímate a participar. Para máis información diríxete aos teléfonos: 886 217 320/ 986 804 100 (extensión 47320).

CONSULTA A WEB DA DEPUTACIÓN:

https://www.depo.gal/es/tic-emprendes

O CONCELLO DE PORTAS PON EN MARCHA UNHA NOVA WEB PARA SERVIR DE CANLE DE COMUNICACIÓN COS VECIÑOS E DE PROMOCIÓN TURÍSTICA DO MUNICIPIO

O Concello de Portas acaba de facer pública a súa nova páxina web (www.portas.gal), unha ferramenta dixital para revitaliza-la economía local fronte a crise derivada da Covid-19 ao mesmo tempo que procura impulsar iniciativas a prol do turismo aproveitando o Ano Xacobeo e o paso do Camiño Portugués a Santiago polo municipio.

A nova web, ademais de favorece-lo acceso á información por parte da veciñanza e impulsa-los atractivos turísticos que presenta o concello a través das súas rutas de sendeirismo, patrimonio etnográfico, establecementos de turismo rural, paisaxes, historia, etc., implementa un acceso especialmente orientado a dar maior visibilidade aos establecementos comerciais e servizos de hostalería existentes no municipio ao tempo que se pon a disposición dos visitantes notas históricas relacionados con personaxes vencellados co concello como o cartógrafo e matemático ilustrado Domingo Fontán ou mesmo Concepción Pérez Iglesias, a primeira alcaldesa de Galicia e unha das pioneiras en España en ocupar ese cargo de representación.

Desde a páxina web tamén se poderá acceder á sede electrónica do Concello coa intención de que sexa máis doado e sinxelo facer calquera tipo de trámite administrativo desde este mesmo lugar de internet.

A web entre o seu contido recolle un apartado adicado a cada parroquia e nace como un proxecto vivo e aberto á colaboración e aportación veciñal para enriquecer todos e cada un dos seus apartados e incluso se poderán incluír todos aqueles que a propia veciñanza vaia considerando ao contar cun formato adaptable ás necesidades que se lle vaian demandando a este sitio de internet.

O Concello agradece a tódalas persoas que colaboraron con esta páxina coa recopilación de información e aporte gráfico, especialmente á Comunidade de Montes de Lantaño, ao portal e blog “Historiadeportas.wordpress.com” e a veciños como José Ramón Moure e Elicio Mandallo, entre outros.

ABERTO O PRAZO ATA O 21 DE XUÑO PARA SOLICITAR AUTORIZACIÓN PARA FACER FOGUEIRAS DE SAN XOÁN EN FINCAS PRIVADAS

O Concello de Portas abre o prazo ata o 21 de xuño para poder solicitar permiso para facer fogueiras de San Xoán en fincas privadas. Os interesados deberán presentar unha instancia no Concello de Portas e achegar o DNI da persoa responsable xunto coa referencia catastral da finca onde se vai realizar a cacharela.

Este ano, por mor da Covid-19, as fogueiras de San Xoán só se poderán facer en terreos privados xa que está prohibido que se poidan realizar en espazos públicos.

Será imprescindible que se cumpran as medidas de seguridade para evitar incendios como sanitarias respectando en todo momento as indicacións aprobadas polas autoridades sanitarias en canto a aforo e medidas de autoprotección como a utilización de máscaras.

O CONCELLO ABRE O PRAZO INSCRIBIRSE NO PROGRAMA “ACTIVIDADES VERÁN PORTAS 2021”

O Concello de Portas abre o prazo de inscrición para participar no programa “Acividades Verán 2021” que terán lugar durante os meses de xullo e agosto e coas que se pretende favorece-la conciliación entre a vida laboral e familiar e fomentar a socialización, a igualdade e as boas prácticas entre a mocidade. As actividades levaranse a cabo no CPI Domingo Fontán, de luns a venres en horario de 9 a 14 horas.

O número máximo de prazas habilitadas para esta actividade é de 55 no mes de xullo e de 30 no de agosto e terán preferencia os empadroados no municipio que traballen os seus dous proxenitores en verán, que traballe un ou otro tipo de situacións familiares.

Todos os nenos e nenas interesados en apuntarse ás actividades deberán recoller e entregar a solicitude no Rexistro do Concello de Portas ou ben por sede electrónica entre o 31 de maio e o 13 de xuño. O listado de admitidos será publicado o 14 de xuño e o prazo de matrícula extenderase do 15 ao 21 de xuño.

O prezo por mes para empadroados será de 50 euros (80 no caso de dous irmáns) e de 35 euros a quincena. Para os non empadroados a tarifa será de 70 euros ao mes (112 no caso de dous irmáns) e de 45 euros por quincena. Aplicarase un desconto, non acumulativo do 40% ás familias numerosas.

Para máis información os interesados poden dirixirse á Casa da Cultura, no teléfono 986 53 69 25 ou ao Concello de Portas, no teléfono 986 53 61 61 (ext. 1).

A DONA TIVO O SEU DÍA DE HOMENAXE EN PORTAS COA ACTUACIÓN DE XOEL LÓPEZ, SABELA E ALICE WONDER NA AZUCREIRA

Un exitoso concerto no Auditoiro da Azucreira de Portas a cargo de Xoel López, Sabela e Alice Wonder serviu para celebrar o Día da Dona marcado polas restricións sanitarias derivadas da pandemia da Covid-19 que non impediron que máis dun cento de veciños e veciñas do municipio que tiveron a ocasión de retira-las súas entradas poideran disfrutar da boa música e rendirlle unha homenaxe a Concepción Pérez Iglesias e ás mulleres en xeral.

O Concello de Portas agradeceu a máxima colaboración e a calidade humana e profesional dos artistas así como a actuación de Esmerarte na organización do evento que foi do agrado de todo o público presente.

Por outra banda, o Concello quiso salienta-lo excelente comportamento e máxima colaboración amosada polo público presente que seguiu en todo o momento o protocolo sanitario e disfrutou dun concerto inesquecible que serviu de homenaxe ás mulleres de Portas nos tempos de pandemia.

Sobre o escenario do Auditorio da Azucreira de Portas estivo para homenaxear ao Día da Dona, Xoel López quen é sen dúbida un dos artistas máis solventes e representativos da escena independente iberoamericana. Recoñecido como Mellor Artista Nacional nos Premios da Música Independente de 2013 e con “Si Mi Rayo Te Alcanzara”, o álbum número 15 na súa traxectoria, publicouse o pasado 27 de novembro. La espina de la flor en tu costado, noveno corte do álbum e canción de cabeceira da serie de Netflix “El desorden que dejas”, posicionouse no número 2 do​ top mundial de procuras de​ Shazam.

Pola súa banda, Sabela é unha artista de especial sensibilidade que se deu a coñecer entre o público en xeral pola súa participación en Operación Triunfo OT-2018. Naceu no outono e creceu rodeada de mulleres e de música. En contacto coa natureza e o silencio. Escoitando o que necesita a terra. Empezou a soñar e a debuxar o seu camiño en Bravos. Unha viaxe vinculada á música, xogando cos instrumentos, tocando o clarinete, pintando sons e explorando. Máis adiante, axudando a outros a través da musicoterapia para atopar a súa voz para expresarse, descubriu cal é a súa. A​ exconcursante de OT 2018 chega a Portas co seu primeiro álbum: “Despedida”.

Tamén estivo en Portas a artista madrileña Alice ​Wonder que abriu os concertos da exitosa xira de presentación de “Mismo Sitio, Distinto Lugar” de​ Vetusta​ Morla, interpretou “La Apuesta” xunto a Guillermo Galván, canción orixinal da película “Qué te juegas – de Inés de León -, e forma parte da banda de Xoel López. O pasado 14 de maio publicou o seu novo álbum: “Que se foda todo o demais”, que presentou por primeira vez en Galicia con motivo do Día da Dona.​

OPERARIOS MUNICIPAIS SOLUCIONAN CON URXENCIA A AVARÍA DE AUGA PRODUCIDA NA ESTACIÓN

Operarios municipais logran nestes instantes resolve-la avaría que deixara sen auga aos veciños da Estación.Despois dunha intervención a cargo de excavadoras os operarios municipais de Portas lograron localizar a rotura e aplicar unha solución urxente para poder subministrar auga da traída aos residentes na Estación.

Desde o Concello de Portas agradecemos a entrega e a profesionalidade dos operarios municipais e pedimos disculpas polas molestias ocasionadas.

Traballamos polos veciños e veciñas de Portas.