O APALPADOR REALIZA UNHA VISITA AOS NENOS E MAIORES NO CAMPO DE FÚTBOL DA RAPEIRA DENTRO DAS ACTIVIDADES DE NADAL PREVISTAS DESDE O CONCELLO

O Apalpador visitou a nenos e maiores no campo de fútbol da Rapeira dentro das actividades organizadas polo Concelllo de Portas en colaboración coa Deputación de Pontevedra, así, o pasado venres 24 de decembro, ás 19:00h chegou o Apalpador ao campo de fútbol da Rapeira en Portas acompañado de músicos e títeres.

O Apalpadador, que viaxa co seu burro Río Lor e un grupo de amigos músicos, fixo gozar a nenos/as e maiores cantando, bailando e narrando divertidas historias que recuperan as vellas tradicións do Nadal galego.

OS CONCELLOS DE PORTAS, MORAÑA E CAMPO LAMEIRO INAUGURAN UN SERVIZO DE PUNTO LIMPO MÓBIL AGRUPADO GRAZAS AO QUE A XUNTA DESTINA 90.000 EUROS


A Xunta, a través da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, destinou 90.000 euros para a adquisición dun novo punto limpo móbil que prestará este servizo para o fomento da reciclaxe na agrupación de concellos conformada por Moraña, Portas e Campo Lameiro.


O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, asistiu este mediodía ao acto de entrega e presentación desta infraestrutura medioambiental na Praza do Concello de Moraña xunto ao alcalde anfitrión, José Cela, e os rexedores de Portas e Campo Lameiro, Ricardo Martínez e Carlos Costa.


“Queremos seguir liderando a xestión ordeada e sostible do lixo e por iso estamos a impulsar a dotación de puntos limpos móbiles nos concellos rurais co obxectivo de achegar ao máximo aos cidadáns a posibilidade de que separen axeitadamente os seus residuos”, comentou o representante autonómico.


O punto limpo móbil de Moraña, Portas e Campo Lameiro vai funcionar de xeito itinerante polas súas contornas rurais e incluso urbanas con estancias periódicas, que en principio serán semanais, para que os veciños de cada zona depositen os seus residuos, mellorando as ratios de reciclaxe, impulsando a separación para a súa reutilización e evitando a conformación de vertedoiros incontrolados.


Esta adquisición foi posible grazas á orde de axudas dirixida a entidades locais de Galicia para o financiamento de actuacións en materia de residuos de competencia municipal, cofinanciada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional con cargo ao programa operativo Feder Galicia 2019-2020.

Presentado o cartel de actuacións para o PortAmérica 2022 que se celebrará do 2 ao 4 de xuño en Caldas de Reis e Portas

O festival PortAmérica, que se celebrará os días 2, 3 e 4 de xuño nos municipios de Portas e Caldas de Reis, confirmou a Lori Meyers, Coque Malla, Delaporte, Rozalén ou Andrés Suárez, entre outros, para o seu cartel de 2022. Amparanoia, Arde Bogotá, A Randeeira Asasina, A A Love You, Mikel Erentxun, Muchachito Bombo Inferno, Natalia Lacunza, Queralt Lahoz ou Viva Suecia tamén soarán neste festival.

Os galegos Baiuca, Dani, Fon Román, Grande Amore, Igloo e vos esquimós do Salnés e Víctor Coyote figuran neste primeiro avance, que completan, chegados do outro lado do Atlántico, os peruanos Dengue Dengue Dengue, a arxentinos Cápsula ou os mexicanos Serbia.

PortAmérica recuperará ademais este ano o seu aclamado espazo gastronómico que, baixo o nome de ShowRocking, reunirá a numerosos cociñeiros de gran prestixio, moitos deles con Estrela Michelin nos seus restaurantes, capitaneados polo galego Pepe Solla. Así, entre os chef que ofrecerán as súas creacións culinarias ao público do festival estarán Andoni Luís Aduriz ( Mugaritz), Anxo León ( Aponiente), Begoña Rodrigo (A Salita), Diego Guerrero ( Dstage), *Édgar Núñez ( Sud777, México), Eneko Atxa ( Azurmendi) ou Maca de Castro.

A eles sumaranse Artur Martínez, Benito Gómez, Dani López, David Abalo, David García, Diego López, Francis Paniego, Gonzalo García, Juan Carlos Perret, Juanjo Pérez, Marcos Morán, Roberto Ruiz, Rodrigo G. Fonseca e Nagore Irazuegi, Vicky Sevilla, Xanty Elías e Yolanda León.

As entradas compradas para a edición de 2020, que foi cancelada polo COVID, serán válidas para estas novas datas e os novos abonos, que teñen un prezo de 65 euros, xa están á venda.

A edición de 2021 celebrouse en outubro en Portas, pero tampouco puido desenvolverse por completo debido ao mal tempo, que cancelou a segunda parte dos concertos.

PAPÁ NOEL VISITA O CONCELLO DE PORTAS E DETENSE NAS ESCOLAS UNITARIAS DE LANTAÑO E ROMAI, VISITA A GALIÑA AZUL, O COLEXIO DOMINGO FONTÁN E O CENTRO DE DÍA

O Concello de Portas colaborou novamente con Papá Noel no seu habitual periplo que o levou a visitar aos nenos e nenas das escolas unitarias de Lantaño e Romai, Escola Infantill, ao colexio CPI Domingo Fontán e tamén aos usuarios do Centro de Día da Portas, a quen lles deixou un pequeno agarimo, moita ilusión e tomou boa nota dos desexos para a noite do 24 de decembro.
Foi unha experiencia máxica para todos e todas e axudo a manter activo o espírito e a ilusión polo Nadal entre os máis cativos e tamén os nosos maiores.
Gozade do Nadal con #sentidiño.

O CONCELLO DE PORTAS MELLORA A ACCESIBILIDADE DO CAMIÑO MOURIGÁN-COSTA, EN ROMAI, CUN INVESTIMENTO DUNS 30.000 EUROS

O alcalde de Portas, Ricardo Martínez, inspeccionou os traballos de ensanche e mellora do camiño Mourigán-Costa, na parroquia de Romai, que vai permitir unha mellor accesibilidade de vehículos de maior porte e de emerxencias ao tempo que facilitará a vertebración viaria interior do municipio para o tráfico ordinario e doméstico.

O Concello de Portas destina a esta obra uns 30.000 euros procedentes das baixas logradas nos concursos públicos do Plan Concellos xestionados ao longo do ano 2020 e que contaron coa colaboración económica da Deputación Provincial.

Ricardo Martínez agradeceu a colaboración veciñal a través da cesión de terreo co fin de permitir que esta obra se pudera levar a cabo coa maior intervención posible co fin de favorecer o paso por este vial de vehículos de maior porte así como os de emerxencia en caso de que fora necesario.

As obras consisten no ensanche do camiño actual a través da realización dun desbroce previo do terreo, demolición de fábrica  de mampostería executada en seco, eliminación dun muro de formigón armado de ata 30 cms. de espesor con medios mecánicos, excavación e acopio de material seleccionado, apertura de caixa para posterior construción de firme de cantería autorizada, tipo pedra en rama ou cachote, limpo, cribado e de granulometría uniforme.

A actuación contempla a colocación mampostería de pedra granítica en muros e obras de contención ou sostemento en fuste e zapatas con acabado rústico na cara vista construído a base de pedra granítica en bloque de peso superior aos 750 Kg/ud. cada bloque. Tamén se prevé o tratamento bituminoso da calzada e un firme a base de aglomerado en quente tipo D-12 de 5 cms. de espesor, medido unha vez extendido e compactado, incluso rega de adherencia con 1 Kg. De emulsión tipo ECR-2.

Segundo manifestou o alcalde Ricardo Martínez “esta mellora permitirá que os veciños que residen nesta zona teñan poidan acceder ás súas vivendas nos seus vehículos con maior seguridade e tranquilidade, ademais tamén os viandantes poderán utilizar este vial con maior comodidade xa que ao ser máis ancho goza de maiores medidas de seguridade viaria. Tamén, en caso de ser necesario, o camiño é máis operativo para o uso de vehículos de gran porte e de emerxencias. Ao mesmo tempo permitirá unha mellor vertebración nas vías de comunicación interior da parroquia de Romai”, sinalou o alcalde.

A XUNTA PROMOVE EN PORTAS A DEGUSTACIÓN DE MENÚS DE NADAL ESCOLARES CON PRODUTOS AGROALIMENTARIOS GALEGOS

A Xunta de Galicia, a través da Consellería do Medio Rural, está a promover e a impulsar, nestas semanas antes das festas, a degustación de Menús de Nadal para escolares elaborados con produtos agroalimentarios galegos de máxima calidade distribuídos polo Goberno autonómico.

Esta iniciativa, que se está a celebrar nestas datas en oito centros da comunidade, tivo lugar esta mañá no CPI Domingo Fontán, do concello de Portas, que precisamente foi visitado polo delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, para supervisar esta actividade na provincia xunto ao alcalde de Portas, Ricardo Martínez, e o xefe territorial do Medio Rural, Antonio Crespo.

En total, 310 comensais do colexio de Portas degustaron este mediodía un menú especial elaborado con carne de tenreira, porco celta e cordeiro, patacas, fabas, mel e produtos lácteos da máxima calidade, xa que todos eles proceden de Denominacións de Orixe ou Indicacións Xeográficas Protexidas.

Esta iniciativa enmárcase na rede Mercaproximidade, a canle alternativa de comercialización habilitada polo Goberno galego ao inicio da emerxencia sanitaria para garantir que as producións do noso sector primario atopaban saída nas principais cadeas de distribución.

Cabe lembrar que dende o comezo da emerxencia sanitaria pola covid-19, a Xunta tamén doou produtos destas características a bancos de alimentos ou cociñas económicas, para atender aos colectivos máis desfavorecidos. Así mesmo, cedéronse alimentos aos hospitais galegos para que puidesen confeccionar os seus menús con producións de proximidade e de calidade diferenciada.

No marco da canle Mercaproximidade, tamén se desenvolveron campañas nas redes sociais baixo os cancelos #EuVoudeSuperfeirón e #FeirónNaCasa para impulsar a compra de produtos locais de calidade, así como o seu emprego para a elaboración de receitas gastronómicas.

PORTAS PARTICIPA NA XUNTANZA DE ALCALDES DO PROXECTO DE PREVENCIÓN DAS CONDUTAS ADICTIVAS NO EIDO LOCAL

O Concello de Portas participou hoxe, 17 de decembro, na xuntanza dos alcaldes de Cuntis, Barro, Campo Lameiro, Moraña e Portas co obxectivo de potenciar a coordinación e traballo dos cinco concellos na aplicación do PROXECTO DE PREVENCIÓN DAS CONDUTAS ADICTIVAS NO EIDO LOCAL, que se desenvolve dende o 2007.

Ao longo da reunión, fíxose balance das actividades desenvoltas nos últimos dous anos, revisouse a situación epidemiolóxica das condutas adictivas e afianzouse a coordinación e aposta dos cinco concellos pola prevención das condutas adictivas con e sen substancia, como a medida máis efectiva para reducir a incidencia das mesmas, a mortalidade, morbilidade e outros problemas psicosociais relacionados con elas.

As condutas adictivas seguen supoñendo un dos principais problemas aos que se enfronta a sociedade actual, afectando, de forma directa ou indirecta, á saúde e benestar de millóns de persoas. Partindo diso, dende os concellos de Cuntis, Barro, Campo Lameiro, Moraña e Portas apóstase pola prevención, a través dun novo convenio de colaboración entre os concello (2022-2025), que se realizará ao abeiro da próxima convocatoria de subvención para os proxectos de prevención das condutas adictivas desenvoltos por concellos na comunidade galega, prevista para o 2022 (Consellería de Sanidade).

O ANUNCIO DA ENTRADA EN VIGOR DO PLAN XERAL DE ORDENACIÓN MUNICIPAL XA SE ATOPA PUBLICADO NO BOLETÍN OFICIAL DA PROVINCIA DE PONTEVEDRA

O Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra publicou o pasado 7 de decembro de 2021 o anuncio da entrada en vigor do Plan Xeral de Ordenación Municipal do Concello de Portas. Sinalar que a entrada en vigor do PXOM de Portas producirase cando transcorra o prazo de quince días hábiles a contar dende o seguinte á publicación deste anuncio no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra.

Nos vindeiros días, subiránse os correspondentes arquivos á sede electrónica do Concello de Portas.

A N U N C I O

Plan xeral de ordenación municipal do Concello de Portas (PXOM)Publicación de normativa e ordenanzas. Entrada en vigor do PXOMNo Diario Oficial de Galicia de 21 de maio de 2021 publicouse a ORDE do 10 de maio de 2021 de aprobación definitiva do Plan xeral de ordenación municipal de Portas (Pontevedra).

Contra esta orde, tal como se indica no anuncio, cabe interpor recurso contencioso-administrativo ante a sala correspondente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

O Concello de Portas, de conformidade co disposto polos artigos 82 e 88.4 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, debe publicar no Boletín Oficial da Provincia (BOP) a normativa e ordenanzas do PXOM aprobado definitivamente, unha vez inscrito no Rexistro de Planeamento Urbanístico.

En cumprimento do establecido na Orde da consellería e na normativa legal que resulta de aplicación, publícase no BOP a normativa e ordenanzas do PXOM de Portas aprobado definitivamente o 10.05.2021. No portal de transparencia do Concello de Portas tamén se publican as fichas de planeamento e planos de Áreas de Planeamento; que poden consultarse do seguinte xeito:https://portas.sedelectronica.gal/transparency

Pinchar na carpeta que leva por nome “2.NORMATIVA” e despois na específica do PXOM.A entrada en vigor do PXOM de Portas producirase cando transcorra o prazo de quince días hábiles a contar dende o seguinte á publicación deste anuncio no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra.

ACCESO AO BOP:
https://boppo.depo.gal/…/-/boppo/2021/12/07/2021060879

O PROXECTO DE PREVENCIÓN DE CONDUTAS ADICTIVAS NO EIDO LOCAL ORGANIZA UN OBRADOIRO SOBRE ABUSO DAS NOVAS TECNOLOXÍAS DENDE A FAMILIA

Tralo Obradoiro de prevención do abuso das novas Tecnoloxías destinado a familias de Educación primaria, o próximo martes de 14 de decembro ás 19:30h realizarase a través do Proxecto de prevención das condutas adictivas no eido local de Cuntis, Barro, Campo Lameiro, Moraña e Portas un Obradoiro de PREVENCIÓN DO ABUSO DAS NOVAS TECNOLOXÍAS DENDE A FAMILIA, destinado ás familias do alumnado de Educación Secundaria Obrigatoria (ESO).

Con este Obradoiro preténdese complementar as actividades preventivas que nos últimos anos se veñen realizando no ámbito escolar co obxectivo de previr os riscos e o abuso das novas tecnoloxías na xuventude, seguindo así, as directrices marcadas polo Pan Nacional sobre drogas e polo Plan autonómico de drogodependencias e condutas adictivas de Galicia. Nos que se lle da cada vez máis protagonismo ás intervencións preventivas relacionadas coas novas tecnoloxías, destinadas fundamentalmente ao ámbito escolar e familiar.

Por mor das circunstancias xeradas pola COVID19, e para facilitar a coordinación coas familias dos cinco concellos o obradoiro será virtual, utilizando a plataforma Zoom, Sala de Reunión 657 806 3555 (ID).
Acceso picando a seguinte ligazón:https://zoom.us/j/6578063555
(Necesario ter descargada a aplicación Zoom no dispositivo dende o que se acceda ao Obradoiro (móbil, Tablet, ordenador…).

Publicadas as bases para a contratación de 3 titores/as e un/ha administrativo/a para o Programa integrado de emprego

Publicadas as bases para a contratación de 3 titores ou titoras e unha ou un administrativo para o Programa Integhrado de Emprego no que participan os concellos de Cuntis, Caldas de Reis, Barro, Moraña e Portas. Os interesados en participar no proceso selectivo poden consultar as bases que están engadidas nesta publicación: