O Concello de Portas participou hoxe, 17 de decembro, na xuntanza dos alcaldes de Cuntis, Barro, Campo Lameiro, Moraña e Portas co obxectivo de potenciar a coordinación e traballo dos cinco concellos na aplicación do PROXECTO DE PREVENCIÓN DAS CONDUTAS ADICTIVAS NO EIDO LOCAL, que se desenvolve dende o 2007.
Ao longo da reunión, fíxose balance das actividades desenvoltas nos últimos dous anos, revisouse a situación epidemiolóxica das condutas adictivas e afianzouse a coordinación e aposta dos cinco concellos pola prevención das condutas adictivas con e sen substancia, como a medida máis efectiva para reducir a incidencia das mesmas, a mortalidade, morbilidade e outros problemas psicosociais relacionados con elas.
As condutas adictivas seguen supoñendo un dos principais problemas aos que se enfronta a sociedade actual, afectando, de forma directa ou indirecta, á saúde e benestar de millóns de persoas. Partindo diso, dende os concellos de Cuntis, Barro, Campo Lameiro, Moraña e Portas apóstase pola prevención, a través dun novo convenio de colaboración entre os concello (2022-2025), que se realizará ao abeiro da próxima convocatoria de subvención para os proxectos de prevención das condutas adictivas desenvoltos por concellos na comunidade galega, prevista para o 2022 (Consellería de Sanidade).