O pasado venres no CPI Domingo Fontán de Portas, o Concello en colaboración coa Deputación de Pontevedra, promoveu a realización dunha actividade con proxección da peza audiovisual “Fontán, o primeiro rostro de Galicia” onde os estudantes descubriron o proceso que levou ao xeógrafo e matemático de Porta do Conde a crear a Carta Xeométrica de Galicia (1845), o primeiro mapa topográfico e científico da nosa comunidade.
O alcalde Ricardo Martínez acompañou aos estudantes de 3º e 4º da ESO nesta experiencia educativa pensada para achegar á mocidade o fascinante traballo de Domingo Fontán, o autor da primeira Carta Xeométrica de Galicia. A través dunha linguaxe sinxela, o documental explica como, sen novas tecnoloxías, Fontán conseguiu determinar a orografía do noso territorio, facendo un percorrido pola nosa historia e xeografía.
Con entrevistas a especialistas e nocións básicas de matemáticas e xeografía, esta peza convértese nunha ferramenta didáctica ideal para o alumnado.
O documental foi presentado por Manuel Amigo (Topógrafo) e Manuel Fernández (Productora Kaito, S.L.).




