CRUZ VERMELLA E O CONCELLO DE PORTAS POÑEN EN MARCHA UN OBRADOIRO DE MEMORIA DIRIXIDO Á POBOACIÓN MAIOR DE 65 ANOS

Cruz Vermella Españla, en coordinación co Concello de Portas, desenvolverá un taller de memoria dirixido á poboación do concello de máis de 65 anos entre o 8 e o 14 de novembro todos os martes de 16:30 a 18 horas na Casa de Cultura.

Coa finalidade de fomentar o envellecemento activo, realizaranse actividades de estimulación cognitiva co obxectivo de previr, mellorar ou compensar o deterioro cognitivo que pode producirse coa idade.

  • LUGAR: CASA DE CULTURA
  • PRAZO DE INSCRICIÓN: 8 – 14 DE NOVEMBRO
  • PRAZAS LIMITADAS (mínimo 15 persoas)
  • HORARIO: MARTES DE 16:30- 18H.
  • COMEZO TALLER: 15 DE NOVEMBRO
  • ACTIVIDADE GRATUITA

LUIS LÓPEZ CONFÍRMALLE AO ALCALDE RICARDO MARTÍNEZ QUE A XUNTA EXECUTARÁ OU ACTIVARÁ 600.000€ EN INVESTIMENTOS NOS VINDEIROS MESES NO CONCELLO DE PORTAS

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, anunciou este mediodía que o Goberno galego executará ou activará investimentos por 600.000 euros nos vindeiros meses no Concello de Portas, segundo se analizou na sesión mensual de novembro da Comisión Territorial de Coordinación da Delegación da Xunta en Pontevedra celebrada hoxe no salón de plenos da Casa do Concello.

Luis López, que xunto aos xefes territoriais foi recibido polo alcalde, Ricardo Martínez, e por outros membros do goberno local, concretou que os próximos investimentos serán a depuradora de Ponte Chaín, o acondicionamento integral da zona exterior do albergue, o PIR en Portas e a parcelaria de Briallos.

O CONCELLO DE PORTAS, PRESENTE NO QUINTO EVENTO DO PROXECTO “CULTURAL HERITAGE-A FOUNDATION FOR BUILDING EUROPE´S FUTURE”

O alcalde de Portas, Ricardo Martínez, asistiu ao quinto evento do proxecto “Cultural Heritage-A Foundation for Building Europe´s Future”, da Rede de Cidades do programa “Europe for Citizens” que se celebrou esta mañá en Santiago de Compostela.

A inauguración correu a cargo do conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, Román Rodríguez, e a este evento asistiron representantes de 10 países: Malta, Francia, Estonia, Lituania, Eslovaquia,Hungria, Italia, Letonia, Grecia, Portugal y España, (son alcaldes, concelleiros e representantes da sociedad civil).

Portas contribúe coa súa experiencia á construción social da Europa dos pobos e dos cidadáns.

O CONCELLO RECURRE Á LIÑA DE AXUDAS DA DEPUTACIÓN POLA SECA PARA REPOÑER O MATERIAL DESTROZADO POLOS LADRÓNS QUE ASALTARON A ETAP DE ROMAI

O Concello de Portas acudiu á liña de axudas económicas a entidades locais para realizar actuacións de emerxencia que garantan o abastecemento de auga potable domiciliaria ante a situación de seca postas en marcha pola Deputación de Pontevedra para repoñer o material destrozado polos ladróns que asaltaron a ETAP de Romai.

O importe total da subvención solicitada a Deputación de Pontevedra ronda os 10.000 euros e van destinados a atender, pola vía de urxencia, a dotación de material informático, medidores, dosificadores de cloro e todo o sistema automatizado que daba cobertura á Estación de Tratamento de Auga Potable (ETAP) de Portas que foi totalmente inutilizada e destrozada por un grupo de asaltantes que acabaron levándose unha das dúas electrobombas que prestaban servizo alí.

Con urxencia e para evitar que os veciños e veciñas das parroquias de Lantaño, Portas e Romai se quedaran sen abastecemento domiciliario de auga potable, os operarios municipais e os da empresa instaladora do sistema automatizado da ETAP lograron en tempo récord habilitar un sistema provisional para dar subministro, pero que agora se tivo que completar cun novo en substitución do existente.

O alcalde, Ricardo Martínez agarda que a Deputación de Pontevedra sexa sensible a esta petición que encaixa perfectamente no espírito desta liña de axudas coa que o ente provincial colabora cos concellos da provincia para facer fronte aos efectos da seca e, como neste caso, aos problemas urxente sobrevidos en materia de abastecemento de auga potable domiciliaria.

ANTONIO RIAL, DOUTOR EN PSICOLOXÍA, PRONUNCIARÁ O 14 DE NOVEMBRO UNHA CONFERENCIA EN PORTAS SOBRE A INFLUENCIA DAS NOVAS TECNOLOXÍAS

Antonio Rial, doutor en Psicoloxía e profesor titular da Universidade de Santiago, pronunciará unha conferencia dentro do proxecto Escola de Familias titulada “É realmente inocua a tecnoloxía?”. Esta charla terá lugar o 14 de novembro ás 17:45 horas na biblioteca do CPI Domingo Fontán e está organizada polo centro coa financiación do CFR de Pontevedra.

Rial é responsable de numerosos proxectos de investigación no eido da mocidade, dende o uso problema´tico de internet, as redes sociais o ciberbulling ao consumo de alcohol.

O CONCELLO DE PORTAS REPÓN O SUBMINISTRO DE AUGA EN TEMPO RÉCORD DESPOIS DOS DESTROZOS E O ROUBO NA ETAP DE ROMAI

O Concello logrou repoñer en condicións o subministro de auga potable ás vivendas de Portas, Lantaño e Romai despois do grave problema ocasionado polo roubo dunha electrobomba e os enormes destrozos realizados na Estación de Tratamento de Auga Potable (ETAP) de Romai.

Agradecemos á veciñanza pola súa comprensión e paciencia e pregamos un pouco de calma nas zonas altas porque pode que lle chegue a auga cun pouco de retraso, pero chegará.

Grazas pola colaboración e sinalar que desde o Concello queremos tamén agradecer aos operarios e á empresa instaladora dos sistemas de cloración e potabilización o esforzo realizado para recuperar en tempo récord o subministro de auga potable e en boas condicións aos nosos veciños e veciñas.

O ROUBO DUNHA ELECTROBOMBA E DESTROZOS NOS EQUIPOS DA ETAP OBRIGAN A DEIXAR SEN AUGA AOS VECIÑOS DE PORTAS, LANTAÑO E ROMAI

O alcalde Ricardo Martínez denunciou de inmediato ante a Garda Civil o roubo dunha electrobomba, cables eléctricos e graves destrozos na ETAP que obrigan a cortar o subministro de auga potable municipal aos veciños de Portas, Lantaño e Romai.

Axentes da Garda Civil personáronse nas instalacións da ETAP ubicada en Romai para realizar as pertinentes pesquisas que dean como resultado a identificación, localización e detención dos autores deste roubo que atenta directamente contra o subministro de auga potable ao municipio e que supón un grave trastorno para a veciñanza e o propio Concello de Portas.

O roubo e os graes desperfectos na ETAP foron descubertos no momento en que un operario do Concello fixo a visita correspondente para comprobar os niveis de cloro, ph, etc. e atopouse coa porta rebentada, o material polo chan, os ordenadores dañados, unha bomba inutilizada e a outra substraída. De inmediato deu parte ao alcalde quen foi o encargado de alertar aos corpos e forzas de seguridade do Estado.

Os operarios municipais procederon a cortar o subministro xa que quedou totalmente inoperativo o sistema de depuración que garantiza a potabilidade da auga da traída municipal que reciben os veciños de Portas, Lantaño e Romai e puxéronse en contacto coa empresa instaladora para intentar resolver o problema canto antes.

Así, o alcalde Ricardo Martínez está ao fronte dun operativo que dea solución o máis axiña posible a este contratempo para que a veciñanza destas tres parroquias recuperen a normalidade no subministro e poida reestablecerse con garantías sanitarias o servizo.

O alcalde amosou a súa indignación e sinalou que “estamos traballando en dous frente. Por unha banda en intentar restablecer o servizo, con garantías, o máis axiña posible, e por outra estamos colaborando ao máximo coas forzas e corpos de seguridade do Estado para localizar aos autores deste roubo para que caia sobre eles todo o peso da lei”, indicou Ricardo Martínez.

“Intentaremos subministrar auga, de novo e canto antes, aínda que non teña garantías plenas de salubridade e que polo menos a xente teña algo con que lavarse ou ducharse mentras non subsanamos todo esta liada na que estamos. Arrancaron todo, destrozaron os medidores, os sistemas de potabilización automatizada, os ordenadores, as cloradoras, os controladores de PH e floculante, absolutamente todo. Un auténtico desastre!”, exclamou o alcalde de Portas, Ricardo Martínez.

PORTAS CONVÉRTESE EN PIONEIRO NO FOMENTO DO USO DE ENERXÍAS ALTERNATIVAS AO INSTALAR NA RAPEIRA UN POSTO DE RECARGA SEMIRÁPIDO GRATUÍTO PARA VEHÍCULOS ELÉCTRICOS

O Concello de Portas convértese en pioneiro no fomento do uso de enerxías alternativas ao emprego de combustibles fósiles tras instalar na Rapeira un posto de recarga semirápida para automóviles, bicicletas eléctricas e patinetes. Polo momento, este servizo terá un carácter gratuíto e autoxestionado polos usuarios co que o Concello pretende ofrecer unha alternativa medioambiental sostible.

O custe total do investimento foi de 10.836,23 euros e contou cunha achega de 9.687,59 euros provinte do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Leader) que permite contar con estas instalacións habilitadas a través de dúas prazas de aparcamento sinalizadas en verde no chan e que poderán dar servizo a dous automóbiles ao mesmo tempo cunha potencia máxima de 22 Kw/hora.

Segundo manifestou o alcalde de Portas, Ricardo Martínez, “esta “electrolinera” terá unha capacidade de recarga de máxima de 22 Kw/hora e permitirá que varios usuarios poidan utilizar ao mesmo tempo este servizo de xeito gratuíto. A nosa intención é ofrecer nun sitio xeoestratéxico, como é A Rapeira (nas proximidades do campo de fútbol, o centro de saúde, o consistorio e a Casa da Cultura) un punto de recarga para facilitar que aquelas persoas que decidiron apostar por outras enerxías alternativas aos combustibles fósiles teñan posibilidades de repostar”.

Para Ricardo Martínez “o ideal é que a xente use con respecto e racionalidade o servizo que, de momento será gratuíto, e que poidan achegarse tanto veciños como visitantes a repostar comodamente mentras fan as súas compras, van ao médico, a unha actividade deportiva, etc. Ao ser un servizo pioneiro seguro que tamén se achegarán visitantes ao noso Concello con vehículos destas características e fomentarase de xeito indirecto tamén o turismo xa que non todo o mundo dispón deste servizo que é cada vez máis demandado por aquelas persoas que apostaron por algún tipo de vehículo eléctrico”, indicou Martínez.

UN CONCELLO COMPROMETIDO COA SOSTENIBILIDADE, QUE APOSTA POLO AFORRO ENERXÉTICO E O RESPECTO MEDIOAMBIENTAL

O alcalde de Portas lembrou que o municipio está levando a cabo nos últimos tempos unha aposta clara e decidida polo medio ambiente, baseado en cumprir cos obxectivos do Pacto de Alcaldías polo Clima e a Enerxía Sostible (PACES) que prevé unha redución do 30% das emisións contaminantes. Así, o Concello levou a cabo un ambicioso proceso de substitución das luminarias tradicionais por outras Led de baixo consumo en practicamente todo o municipio, optimizouse a caldeira de pellets no complexo sociocultural da Azucreira e se instalaron placas solares que abastecen de enerxía aos edificios de titularidade municipal.

“O futuro está no uso racional e sostible da enerxía en perfecta harmonía co medio ambiente. Todos, na medida das nosas posibilidades, temos que contribuir a loitar contra o cambio climático e por facer máis habitable medioambientalmente o noso planeta e o noso espazo máis próximo”, indicou o alcalde de Portas quen insistiu en que “esta é unha experiencia pioneira na que temos depositadas moitas ilusións e agora agardamos un uso responsable da veciñanza e un aproveitamento racional deste recurso que, inicialmente, poremos a disposición do público dun xeito gratuíto”, concluiu Ricardo Martínez.

O CONCELLO DE PORTAS SOLICITA A COLABORACIÓN VECIÑAL PARA EVITAR O MAL USO DOS CONTEDORES DE LIXO

O Concello de Portas solicita a máxima colaboración veciñal para evitar que se sigan utilizando de xeito inadecuado os contedores de lixo do municipio. Nos últimos días levan aparecendo de xeito reiterado material de obras, entullo, anacos de mangueira eléctrica, etc. elementos que non se poden depositar nos recipientes de recollida de residuos sólidos urbáns.

Ante esta situación, o Concello advirte de que se tomarán medidas  contra os infractores xa que a proliferación de residuos inadecuados están provocando serias avarías no camión de recollida de lixo que ao accionar os sistemas de empacado resultan seriamente danados.

Por outra banda, o Concello de Portas porá en coñecemento da Garda Civil o achádego de restos de mangueiras eléctricas seccionadas que poideran corresponder ao material substraído recentemente no municipio co fin de practiquen as probas pertinentes para tratar de comprobar a súa procedencia e determinar tamén si están relacionadas ou non con ese roubo.

O Concello de Portas leva meses renovando os contedores e optimizando o servizo de recollida de lixo co fin de ter atendida do mellor xeito posible toda a demanda que en materia de residuos se poida producir no municipio polo que reitera a súa petición de colaboración veciñal para que esta se realice de xeito adecuado.

CELEBRADO CON GRAN ÉXITO DE PARTICIPACIÓN O “XXIX XANTAR DA TERCEIRA IDADE” NO PAVILLÓN DE DEPORTES MUNICIPAL DA RAPEIRA

O Concello de Portas celebrou con gran éxito de participación o “XXIX Xantar da Terceira Idade” celebrado no pavillón municipal de deportes e que contou coa presenza do alcalde, Ricardo Martínez, o director xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria da Xunta, Antón Acevedo e os rexedores de Moraña, José Cela, e Meis, Marta Giráldez.

En torno ás 12:30 horas, do mediodía, a Banda de Música de Lantaño foi a encargada de abrir o evento e de ir entretendo ás persoas que ían chegando para asistir á misa de campaña oficiada polo cura párroco D. Román quen ensalzou a celebración do Día da Virxe do Pilar, patroa da Garda Civil, e tamén se referiu ao Día da Hispanidade.

Posteriormente, a Banda de Música de Lantaño ofreceu un concerto que serviu de entretemento para as persoa que se foron achegando para poder entrar no pavillón municipal de deportes, lugar habilitado e especialmente decorado para a ocasión e dar acubillo a este Xantar da Terceira Idade.

UN ACTO DE CONFRATERNIDADE E REENCONTRO VECIÑAL

A concelleira Chus Fontán e o alcalde, Ricardo Martínez, foron os encargados de darlle a benvida oficial aos comensais e agradecerlles a súa persenza neste acto de confraternidade e reecontro veciñal que se afianza como un dos eventos máis entrañables polo concurrido que resulta e pola participación de residentes en todas e cada unha das catro parroquias que compoñen o municipio.

A sobremesa completouse cunha gran queimada realizada por Ramón e a animación musical a cargo de Antonio Barros, cantante que triunfa no programa “Luar” da Televisión de Galicia.