O CONCELLO DE PORTAS DESÉXALLE AOS MÁIS PEQUENOS DA CASA QUE TEÑAN UNHA BOA CELEBRACIÓN DO SAMAÍN E RECUPEREN AS VELLAS TRADICIÓNS QUE TEMOS COMO POBO

O Concello de Portas deséxalle aos máis cativos do municipio que pasen un bo día de Samaín, unha celebración con fondas raíces celta que vén representando o cambio de estación e que chega a nós dentro dun cambio de tempo metereolóxico importante. O Samaín entronca coa tradición dos nosos ancestros mesturada de ritos paganos e druídas que agora, no século XXI colle novos folgos e xeitos de festexala.Bo Samaín desde o Concello de Portas.

COMEZA A COLOCACIÓN DE MARCOS DOS PREDIOS DE SUBSTITUCIÓN NA CONCENTRACIÓN PARCELARIA QUE SE LEVA A CABO NA PARROQUIA DE BRIALLOS

A Consellería de Medio Rural informa ás persoas interesadas na concentración parcelaria da zona de Briallos (Portas) que se van a realizar os traballos de colocación dos marcos dos novos predios de substitución.

Para realizar estes traballos as empresas encargadas deberán acceder aos terreos polo que se agradece a máxima colaboración da veciñanza nestas tarefas.

Os responsables da Consellería recordan a obriga de respectar os marcos colocados e poñen a disposición da veciñanza os seguintes teléfonos de información e contacto: 986 80 54 07 e 986 80 54 40.

“BARRIGA VERDE” DE VIRAVOLTA TÍTERES ACTUOU PARA ALUMNOS DO COLEXIO DOMINGO FONTÁN A TRAVÉS DO PROGRAMA “TORNAR ÁS TÁBOAS” DA DEPUTACIÓN

O Auditorio municipal da Azucreira de Portas serviu de escenario para a actuación de “Barriga Verde”, de Viravolta Títeres que chegaron ata o noso municipio a ravés do programa “Tornar ás táboas” da Deputación de Pontevedra. Este coñecido grupo de marionetas actuou para alumnos e alumnas de 5º e 6º de primaria do CPI Domingo Fontán.

Entre os asistentes a esta representación se atopaba a deputada delegada de Cultura, Victoria Alonso, acompañada polas concelleiras do Concello de Portas Mª Jesús Fontán e Ana María Peña.

A obra mestura a tradición do títere galego coa europea recollendo cinco situacións que “Barriga Verde” en compañía da súa cachiporra, resolve dun xeito que incomoda ao Demo ao ver o seu inferno cheo de personaxes que non lle son gratos.

O espectáculo está baseado na investigación que a compañía fixo sobre a figura de “Barriga Verde” e o títere tradicional galego.

A CANTANTE GALEGA ANDREA POUSA ACTUARÁ O VINDEIRO 28 DE NOVEMBRO NO AUDITORIO MUNICIPAL DA AZUCREIRA A TRAVÉS DO PROGRAMA PROVINCIAL MUSIGAL

O Auditorio da Azucreira de Portas acolle a actuación da cantante Andrea Pousa o vindeiro domingo 28 de novembro a partir das 19 horas da tarde.
Esta actuación chega ao Concello de Portas a través do programa Musigal que patrocina a Deputación Provincial de Pontevedra.
Para poder asistir ao concerto haberá que recoller unha entrada gratuíta no Concello de Portas ou ben reservando nos teléfonos 986 53 61 61(ext. 5) ou 986 53 69 25 ata agotar aforo.

O CONCELLO DE PORTAS ORGANIZA UNHA EXCURSIÓN CULTURAL A LALÍN PARA VECIÑOS DO MUNICIPIO CON DEREITO A XANTAR UN COCIDO OU MENÚ ALTERNATIVO

O Concello de Portas organiza unha excursión cultural a Lalín para o vindeiro domingo 7 de novembro. A hora de saída será ás 9:30 horas da mañá desde o pavillón municipal de Portas. Para anotarse ou obter máis información deben dirixirse ao Concello de Portas ou chamar aos teléfonos 986 53 61 61 (extensión 5) ou 986 53 69 25.

O prezo por participante será de 20 euros que dá opción a autobús, guía, entrada na “Casa do Patrón”, misa no Santuario Nosa Señora do Corpiño, comida (cocido con opción a outro menú), seguro, etc.

ALBERTO FORTES PRESENTA EN PORTAS O SEU ÚLTIMO LIBRO SOBRE A FIGURA DO MATEMÁTICO E ILUSTRADO GALEGO DOMINGO FONTÁN

A Casa de Cultura Domingo Fontán, de Portas, foi o lugar escollido polo escritor Alberto Fortes para presentar o seu último libro sobre o matemático e xeógrafo galego que leva o nome deste centro cultural e que se convertiu no primeiro cartógrafo que foi quen de representar coa precisión científica do momento un mapa exhaustivo de Galicia.

O evento contou coa presenza do alcalde, Ricardo Martínez, o ex director da UNED e de Maxisterio, Gerino Calvo Maquieira e Afonso Ribas Fraga, coordinador de Edicións Laiovento, empresa editora do libro, así como numeroso público que encheu por completo a Casa da Cultura Domingo Fontán. Entre os asistentes estaban o historiador Xosé Fortes Bouzán e a súa dona, así como a filóloga e poetisa Belén Fortes, proxenitores e irmá, respectivamente, do escritor que presentaba o libro.

O alcalde, Ricardo Martínez, deu a benvida aos presentes e agradeceu especialmente ao autor, Alberto Fortes, que escollera a figura do insigne xeógrafo para escribir o seu último libro e salientou a importancia que para Portas e para Galicia enteira ten a figura de Domingo Fontán.

Sen máis, o alcalde deixou paso ao desenvolvemento do acto de presentación que coordinou Afonso Ribas quen deu paso a Gerino Calvo Maquieira quen fixo unha aproximación ao libro e, sobre todo, á capacidade do autor de harmonizar a súa erudición sobre Domingo Fontán coa imaxinación e un dinamismo literario ao longo dos 27 capítulos desta obra que cautivan o interese do lector.

Calvo Maquiera falou do libro como un relato “de lectura obrigada para nenos e nenas así como adolescentes e mestres porque Fontán é un referente para Galicia. Alberto Fortes pon ao descuberto dun xeito sublime e ameno a persuasiva e empática figura de Domingo Fontán, un patriota que creía e traballaba polo desenrolo e o futuro do país”.

A continuación, tomou a palabra Alberto Fortes quen esbozou a vida e a obra de Domingo Fontán, base do relato que inspira o seu libro e reivindicou a necesidade de facer esta presentación na “patria do autor” (Portas) frase que utilizou no seu día o xeógrafo para indicar nos mapas o seu pobo de nacemento.

Alberto Fortes reivindicou a figura de Domingo Fontán como o artífice de que Pontevedra obtivera a capitalidade, ser responsable do trazado do primeiro ferrocarril galego entre Carril e Santiago, a actual división provincial de Galicia, a planificación de estradas interprovinciais así como a realización do primeiro mapa de Galicia mediante métodos científicos e xeodésicos que deron orixe a cartografía galega.

Fortes incursionou sobre o pensamento liberal e inconformista de Domingo Fontán, os seus anos de persecución e sufrimento polas súas ideas, os enfrontamentos coa Inquisición, os padecementos aos que foi sometido, a súa expulsión da Universidade, etc. Tamén falou da súa faceta como político, como deputado en Cortes, así como do seu sacrificado periplo pola xeografía galega, cargado cos seus estaquillóns e facendo levantamentos topográficos do terreo. Segundo Fortes, Domingo Fontán percorreu todas e cada unha das parroquias de Galicia e tiña unha concepción territorial baseada nas comarcas como unidade de agrupamento poboacional e de idiosincrasia galega.

Finalmente, abreuse un turno de palabra e unha pequena charla sobre a figura de Domingo Fontán entre os presentes. O acto rematou coa interpretación do himno galego e un aperitivo facilitado polo Concello de Portas no que aproveitou o público presente para solicitarlle ao autor que lle adicaran os libros adquiridos a Librería Couceiro, que colocou un stand na entrada do centro cultural.

O CONCELLO DE PORTAS ENTRA NA FINALIZACIÓN DA SITUACIÓN DE EMERXENCIA SANITARIA CON “CERO CASOS” DE COVID-19

O concello de Portas non rexistra a día de hoxe ningún caso activo de Covid-19, xusto cando a Xunta acaba de declarar a finalización da situación de emerxencia sanitaria a partir de mañá sábado 23 de outubro.

Mentras non se produza ningunha novidade destacable, o Concello de Portas deixa a partir de agora de emitir parte diario do número de casos de Covid-19 rexistrados no noso municipio.

🟦 Galicia declara a finalización da situación de emerxencia sanitaria a partir do sábado 23 de outubro estas son as novas medidas que entran en vigor:

📋 A Comunidade conta cunha lei específica para seguir xestionando a pandemia coas máximas garantías.

✅ Entramos nunha situación de normalidade con novas medidas
Aforos ao 100% en case todos os eidos.

🍽️ Hostalería e ocio nocturno: aforo ao 100% e amplíanse horarios.

💉 Certificado covid: ocio nocturno e albergues.

😷 Mantense o uso da máscara.

👴👵 Levantamento das medidas excepcionais nas residencias maiores e de persoas con discapacidade.

ALBERTO FORTES PRESENTA O SEU LIBRO “A VIAXE XEOMÉTRICA DE DOMINGO FONTÁN”, ESTE DOMINGO ÁS 12:30 HORAS NA CASA DA CULTURA DE PORTAS NA PORTA DO CONDE

O escritor galego Alberto Fortes presenta este domingo ás 12:30 horas na Biblioteca de Portas o seu último libro que ten como protagonista ao xeógrafo Domingo Fontán baixo o título “A viaxe xeométrica de Domingo Fontán”.

No acto estará acompañado polo alcalde de Portas, Ricardo Martínez, o profesor ex director da Escola de Maxisterio e da UNED, Gerino Calvo Maquieira e Afonso Ribas Fraga, coordinador de Edicións Laiovento, empresa editora do libro.
Este acto é aberto ao público polo que calquera persoa que queira asistir pode achegarse ata a Casa da Cultura Domingo Fontán-Biblioteca, en Portas, na Porta do Conde. Será obrigado o uso de máscara e manter o distanciamento social.

O CONCELLO DE PORTAS CANCELA UN PRÉSTAMO DO 2012 CO BANCO SANTANDER GRAZAS Á SÚA SOLVENCIA ECONÓMICA E AO REMANENTE DE TESOURERÍA DO PASADO EXERCIZO

A proposta do Grupo de Goberno do Partido Popular, a Corporación Municipal de Portas decidiu cos votos a favor de tódolos edís, agás o BNG que se abstivo, a cancelación do crédito que o Concello mantiña co Banco Santander desde o ano 2012 polo importe restante de 111.130,41.

Esta operación de cancelación de crédito lévase a cabo grazas a estabilidade orzamentaria e a solvencia económica do Concello de Portas que permitiu rematar as contas do ano 2020 cun remanente de tesourería de 485.400,41 euros.

Deste xeito o Concello de Portas libera nos orzamentos municipais, para o ano 2022, uns 73.000 euros que estaba deste xeito comprometidos para atender a amortización deste crédito subscrito pola Corporación Municipal do ano 2012 por importe total de 591.000 euros e que íase pagando anualmente desde as arcas municipais.

AGORA DESTINARANSE OS 73.000 EUROS ANUAIS USADOS PARA PAGAR O CRÉDITO A GASTO SOCIAL E DE MELLORA DA CALIDADE DE VIDA DOS VECIÑOS

Segundo o alcalde, Ricardo Martínez, “a solvencia e estabilidade económica levada a cabo polo equipo de goberno actual permítenos saldar agora esta débeda co remanente de tesourería de preto de medio millón de euros e libéranos do compromiso orzamentario deses 73.000 euros anuais que empregábamos en pagar o crédito. Agora eses cartos poderemos destinalos a atender cuestións de índole social e a mellorar infraestruturas municipais, moi necesarias e que nos permitirán mellorar a calidade de vida dos veciños e veciñas de Portas”.

Ricardo Martínez defendeu o modelo de xestión económica do equipo de goberno actual “que nos permite atender en tempo e forma a tódolos provedores ao tempo que podemos concurrir ás subvencións doutras institucións o que facilita que o Concello de Portas poida seguir ampliando os servizos e a atención municipal aos veciños e veciñas do noso municipio. Pretendemos utilizar dun xeito máis eficaz e eficiente os recursos económicos do Concello para non gastar máis do que temos e os cartos dos que dispoñemos usalos con cabeza e con sentidiño para sacarlle o máximo rendemento sen hipotecar o presente nin o futuro do noso Concello”, concluíu o alcalde de Portas.